A Mesa súmase a SalvemosODiarioCultural

A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita a
decisión da dirección da Radio Galega de suprimir o programa O Diario
Cultural. A Mesa considera que é unha decisión errada prescindir dun
programa que dá soporte, difusión e promoción á cultura e lingua
galegas. O peche do Diario Cultural, un recoñecido programa, é un ataque
directo á lingua galega e diminúe deste xeito a xa cativa programación
sobre a nosa cultura e a nosa literatura.
A Mesa mostra o seu apoio a toda a equipa do
programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní. Sen plataformas
culturais públicas como o Diario Cultural, perderiamos a xa minguada
visibilidade social que a cultura galega ten nos medios de titularidade
pública.
Esta decisión supón un paso máis no proceso de
desmantelamento de todo o que ten que ver coa cultura e lingua propias
de Galiza. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística
denunciamos tamén a
desaparición de programas televisivos infantís en galego
pola tarde na TVG 2. O estudo realizado pola Mesa en
febreiro deste ano mostraba que a programación infantil da CRTVG era só
do 4,6% pola semana baixando a 2,7% durante as fins de semana. A
programación televisiva infantil actual aínda é máis reducida pois en
febreiro había programación infantil de 17:05 a 20:55h e agora só de
19:40 a 20:30 o que supón un novo ataque á nosa lingua.
Diario Cultural (66 kB)