Se tocan un (Centro Social), tócannos a todos!

Para nós a Insumisa é como unha irmá. Ambas nacemos
como centros sociais na mesma cidade, con apenas un ano de diferenza e
dun caldo de cultivo compartido. Somos espazos abertos á participación,
a asemblea é o noso cerebro e a autoxestión compón o noso sistema
nervioso: formas de corresponsabilidade colectiva sobre o que se fai
nestes espazos, sen xerarquías de ningún tipo.
A Comuna e a Insumisa somos irmás, mais non
xemelgas, e de entre as diferenzas entre un proxecto e outro destaca
unha: a Insumisa é unha okupa. No seu código xenético está un movemento
social arraigado na cidade, con máis de dez anos de actividade continua,
que encadea un espazo liberado tras outro desde o CSO As Atochas, que
pasou polo CSO de Palavea e ata chegar á actual Insumisa. Estes espazos
propoñen alternativas prácticas e inmediatas ao capitalismo neoliberal e
dende o comezo involucráronse activamente nas loitas feministas,
anticapitalistas, pola vivenda, animalistas, antifascistas... Toda unha
riqueza que persiste na Insumisa e nutre as súas asembleas. Sería unha
lectura reducionista pensar que só o maioritariamente entendido como
público, o administrado polas institucións, é o común e o que permite
avanzar socialmente. Trátase dunha idea do progreso xa vella, lineal e
que non atende as ramificacións alleas ao capitalismo cultural. Non pode
ser curtopracista quen camiña cara a Utopía e a constrúe no cotián.
A okupación dálle valor social e político a un
espazo por dúas vías: por un lado abríndoo para que se lle poida dar un
uso libre e social, por outro lado sinalando e denunciando, co propio
acto de okupar, as dinámicas de especulación e apropiación ilexítima por
parte dos axentes do capitalismo, e cuestionando o principio intocable
da propiedade privada.
O caso da Insumisa é de manual: ninguén amosou
maior interese polo espazo ata que foi okupado
Foi entón cando todo se precipitou ata chegar á
situación na cal nos atopamos. Estamos perante unha situación en que se
lle esixe a quen lle devolveu a vida ao lugar que o abandone para deixar
facer.
Pero deixar facer o que? O novo proxecto do goberno
local da Marea Atlántica semella un clon, en canto a usos, da actual
Insumisa, mais cun nome distinto ("Naves do Metrosidero") e que pretende
substituír o cerebro asembleario e horizontal do actual proxecto por
unha intelixencia artificial programada dende arriba.
Para nós o Centro Social Okupado A Insumisa non ten
prezo. Un millón de euros non ten tradución ao noso idioma, ese que
compartimos coa Insumisa e os movementos sociais da cidade, ese que non
cuantifica a vida en cifras, en oportunidades económicas, senón nos
vencellos que nos unen, na comunidade que construímos, no mundo que
creamos agora, en presente, e que nos conecta cunha memoria viva de
resistencias e creacións colectivas, coa historia alternativa da cidade.
Non se pode especular cun concerto solidario ante a represión policial,
non se pode mercantilizar unha palestra sobre Rojava; o fluxo de ideas é
menos veloz pero máis enriquecedor que os fluxos de capital.
O feito de que, co acordo do cambio de
titularidade, o terreo onde se atopa A Insumisa pase de ser ben
patrimonial a ben de dominio público non significa que dito acordo
supoña unha liberación do espazo. Por unha elemental razón: non se pode
liberar o que xa é libre.
A auténtica radicalidade democrática sería
respectar un proceso vivo, complexo, dunha riqueza incalculable e que xa
está en marcha exercendo o dereito á participación directa na cidade.
Dialogar non é reunirse nun mesmo espazo e
intercambiar palabras pretendendo que pareza unha comunicación entre
iguais, cando unha das partes vive baixo ameaza e cando o discurso
público da outra parte se dedica a procurar a invisibilización e
illamento na liña da prensa sensacionalista. Por que quen está no poder
institucional é sempre quen define que é unha boa oportunidade e que é
curtopracista e dogmático? Por que non pode ser unha oportunidade a
transgresión da realidade establecida? Que son as Naves do Metrosidero?
As Naves do Metrosidero son un ovni, unha sonda alieníxena que descende
proxectando unha sombra inquietante para usurpar a identidade das
actuais habitantes.
A Insumisa e a súa identidade forman parte esencial
dun tecido colectivo que unifica a un tempo memoria, aprendizaxe,
resistencias e alegría.
Prezada irmá Insumisa, non devota, querémoste libre
e tola.
Este texto é un collage, un intento de síntese
das distintas sensibilidades, preocupacións e perspectivas sobre a
situación actual do CSO A Insumisa que conviven no Centro Social A
Comuna.
O Salto