• Número 394
  • 14 de maio de 2018

Universidade

Unha universidade de dúas velocidades

A universidade, un microcosmos no que se reproducen os esquemas clasistas imperantes na sociedade

Chegamos á metade do mes de maio, dado o bucle no que nos meteu a Xerencia, cada día parece máis complicado que se cumpran os prazos para que as convocatorias das Ofertas de Emprego público xa acumuladas xunto coa Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2018, en “negociación” e que tamén pretendemos que forme parte desa acumulación, estean publicadas a principios de novembro deste ano, data na que rematan os prazos.

Parécenos que, neste momento, as prioridades da Xerencia céntranse na aplicación da Lei de contratos, na responsabilidade que a UDC asumiu na CRUE... Circunstancias que absorben unha parte importante da súa actividade relegando, ao noso parecer, a resolución de temas tan importantes para o PAS como a sinalada OEP.

Un exemplo que pon en evidencia a circunstancia que salientamos é que se suceden reunións expres de debate absolutamente insubstanciais, a última o día 2 e temémonos que, a parte da tardanza na resposta, a alternativa que se nos presente siga a padecer da mesma inconsistencia que a realizada o pasado día 2.

Mentres que isto sucede co noso colectivo o resto da universidade móvese a outra velocidade. Sen ir máis lonxe:

Na última reunión do ano 2017 do Consello de Goberno, 20 de decembro de 2017, comunicouse a publicación no DOG duna OEP de PDI complementaria á realizada no ano 2017.

Na primeira reunión do Consello de Goberno do ano 2018, 31 de xaneiro de 2018 infórmase de que “na última reunión da Mesa Sindical e da COAP informouse que para o cálculo da taxa de reposición da oferta de emprego de PDI do ano 2018 computaranse un total de 30 vacantes producidas ao longo do ano 2017”.

Na reunión do Consello de Goberno do  28/02/2018 apróbase unha OEP de PDI de 33 prazas (3 máis que as negociadas e anunciadas na reunión anterior) “a proposta inclúe 33 prazas (10 de contratados-doutores, 1 reservada para Ramón y Cajal; 20 de titulares de universidade, 4 reservados para Ramón y Cajal; 3 de titulares de universidade vinculadas ao SERGAS) e 23 catedráticos polo procedemento de promoción interna.”

O xerente sinalou, na reunión da Xunta de Persoal do día 2 de maio, que el participara nesas reunións.

Reclamámoslle á Xerencia que se poña as pilas para resolver, dunha vez, a situación. Reclamamos, tamén, que se busque o mesmo grado de acordo e consenso que o acadado entre as partes na OEP de PDI.

Noutra orde de cousas, na reunión convocada polo reitor o pasado día 4 de maio, unha compañeira sinalaba a incongruencia que supoñía que se impulsase a actualización dos respectivos expedientes persoais, para posteriormente, unha vez rematado calquera procedemento houbera que presentar, documentalmente, os títulos no Servizo de PAS.

Outra compañeira, desde as gradas sinalou que se non ía na convocatoria non era reclamable un comportamento diferente.

Recoñecendo que non sempre se contempla, nas bases, o procedemento de actualización dos méritos, tamén é certo que cando si se contemplou, ao final as compañeiras e compañeiros tiveron que pasar polo aro de presentar os documentos acreditativos, unha vez máis, no Servizo de PAS.

Na Resolución do 31 de agosto de 2016 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso nas distintas escalas de funcionarios polo sistema de promoción interna, explicitábase:

“Unha vez superada a fase de oposición e coa publicación da listaxe definitiva desta fase, achegaranse as copias cotexadas dos diplomas/certificados que acrediten os cursos recibidos e/ou impartidos e que non estean acreditados no seu expediente.”

Nas vindeiras convocatorias intentaremos que se reflicta, de novo, este punto, e reclamaremos que se cumpra.