Estudo da RPT a 10 de maio de 2018

Como vos sinalamos, a Xunta de Persoal requiriu da
Xerencia información sobre a situación real do cadro de persoal para ter
unha referencia directa sobre a que subescalas corresponde derivar as
prazas na Oferta de Emprego Público.
A RPT por definición é o
instrumento técnico a través do que se realiza a ordenación do persoal,
de acordo coas necesidades dos servizos, e se precisan os requisitos
para o desempeño de cada posto (art 15 de la Lei 30/84, de 2 de agosto,
de Medidas para a Reforma da Función Pública).
As RPT son elementos vivos suxeitos a cambios. Na
Universidade da Coruña, de moitos destes cambios ten coñecemento a Xunta
de Persoal porque os informa. Outros moitos descoñécense no órgano de
representación porque non son notificados. Sen ir máis lonxe, a día de
hoxe non sabemos cantas prazas que están vacantes a Xerencia decide que
non se ocupan, ou tamén outras circunstancias como as de prazas que
tendo ao titular de baixa por IT ou noutras situacións que se prolongan
no tempo, a Xerencia adopta a decisión de non cubrilas tampouco.
Debería ser xa unha obriga institucional informar
periodicamente, á Xunta de Persoal, da situación real da RPT. Nunha
situación como a actual na que se vai establecer que prazas conforman a
Oferta de Emprego Público é imprescindible.
Diante da inacción da Xerencia non cabe
outra que actuar, molestarse, recoller información e dotarse
dos instrumentos que nos posibiliten tomar decisións axeitadas ao
momento. Na APA puxémonos mans á obra. Como ocorreu no seu día coa taxa
de reposición que non contemplaba todos os postos que debería,
fixemos un estudo que diante da desidia institucional publicamos.
Esta publicación non exime á Xerencia de enviar a documentación requirida, entre outras cousas porque o traballo realizado, froito dunha revisión en profundidade da documentación ao noso alcance (RPT, concurso...) e de contrastar as diversas situacións mediante consultas, aínda que feito coa mellor das vontades, pode ter erros.