Indignación polo desmantelamento do 'Diario Cultural'

O desmantelamento do Diario
Cultural tal e como se coñecía despois de 28 anos de
emisión na Radio Galega está provocando unha enorme
vaga de reaccións no mundo da cultura. Asociacións profesionais,
intelectuais, xornalistas, escritoras, deputadas ou organizacións
políticas amosan a súa indignación e rexeitamento nas redes sociais e en
comunicados.
A Asociación de Escritores e
Escritoras en Lingua Galega emitiu unha declaración en que se
dirixe á dirección da radio pública para “demandar a continuidade do
Diario Cultural” e amosar “o seu apoio a toda a equipa do programa
dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní”. “Eliminan
un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa
programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura”, engade.
A asociación tamén critica que a emisora
anuncie “a desaparición de dous informativos diarios, cos seus contidos
culturais, que se facían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo,
Lugo e Ourense”. “As realidades locais, nas que se incardina tanta da
nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma á nosa
biodiversidade cultural, ficarían minorizadas”, di, “esta mudanza
empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega”.
A Asociación Galega de Editoras
pronunciouse vía twitter, medio a través do que reivindicou “a
permanencia do Diario Cultural na Radio Galega polo seu apoio á
difusión do libro galego”. A Mesa pola Normalización Lingüística
“súmase ao clamor para que se manteña” o programa. Como o fixeron
Escena Galega, “a asociación de referencia para o
sector profesional das artes escénicas”, e a Asociación de
Xestores Culturais. Ou empresas editoriais como
Kalandraka e Apiario.
Na esfera política
A esfera política non permaneceu allea á
indignación desatada pola decisión unilateral da dirección da Radio
Galega. O BNG lamentou a supresión crecente de “voces e contidos
críticos” da grella radiofónica e “o uso absoluto da CRTVG ao servizo”
do PP. Compostela Aberta dixo tratarse doutro “paso máis no
exterminio de toda illa de diversidade e pluralidade nos medios
públicos”. A Deputación da Coruña falou no mesmo sentido.
A portavoz nacionalista Ana Pontón, a
eurodeputada do Bloque Ana Miranda, o alcalde de Compostela
Martiño Noriega (Compostela Aberta), a dirixente socialista
Mercedes Rosón ou o deputado no Congreso de En Marea Miguel Anxo
Fernán Vello tomaron partido en defensa da conservación do Diario
Cultural. E ducias de escritores, escritoras e xornalistas activos
nas redes sociais deron percorrido aos hashtags #SalvemosODiarioCultual
e #QueremosDiarioCultural.
Sermos Galiza
Manifesto
Os medios de comunicación públicos son
patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!
Ningunha dirección é propietaria do Diario
Cultural.
Despois de 28 anos de traxectoria, este espazo é un
referente, patrimonio de todas, de todos os galegos.
A existencia de medios de comunicación públicos é
un gran triunfo colectivo desta sociedade, un instrumento definitivo
para o futuro da propia lingua.
A súa aparición tivo uns resultados e unha
incidencia social espectaculares. Entre outros moitos argumentos
positivos, permitiu a difusión do talento de miles de artistas que
decidiron desenvolver en galego a súa creatividade.
A expresión máxima desta revolución da intelixencia
é o Diario Cultural. Un espazo caracterizado pola calidade na forma e
nos contidos, que definiu un estilo de seu. Un contorno de comunicación
que acolle, e co que se senten identificad@s, a inmensa maioría das
creadoras e creadores deste país.
En resumo, un modelo propio, que nos permite
recoñecérmonos e dialogar, en pé de igualdade, con todas as culturas do
mundo.
A desaparición do Diario Cultural súmase
á supresión dunha boa parte da programacion cultural da radio e a
televisión públicas, como aconteceu con Libro Aberto, Planeta
Furancho, Onda Vital, Alalá ou Eirado.
Cómpre lembrar que a Radio Galega non foi creada
para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais. A Radio
Galega naceu para ser o referente primeiro da literatura, da música, do
teatro, do cinema, das artes plásticas, de todas as formas de cultura
que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito
espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural.
Por iso, alén doutras consideracións, a súa
desaparición supón un ataque frontal á propia lei. Velaí o punto un do
artigo primeiro da lei de Creación da Compañía da RTVG:
Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de
Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e
impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia,
ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica,
social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de
programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e
deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos
sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e
artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e
técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas por
dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e
Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear
no futuro.
A pesar deste mandato, a Radio Galega é cada vez
menos galega, tamén en materia xeográfica. A carón da desaparición do
Diario Cultural, anúnciase a eliminación das desconexións locais cos
contidos propios de cada cidade e das súas áreas de influencia. Curioso
paradoxo, o medio que, por definición, debería informar máis de preto,
desatende o contorno máis próximo.
Cómpre lembrarlle aos actuais responsables que non
dirixen unha compañía privada -este medio é propiedade de todas e todos-
e deben cumprir a lei.
E cómpre lembrarlle tamén ao conxunto da sociedade
que temos o dereito e deber de demandarllo.
Nós non imos ficar caladas.
Nin silencio, nin barbarie:
Longa vida á creatividade e ao talento.
Longa vida ao Diario Cultural!
Grupo promotor do manifesto:
Xurxo Souto
Ledicia Costas
María Reimóndez
Manuel Bragado
Cesáreo Sánchez Iglesias
Rosalía Fernández Rial
Eli Ríos
Mercedes Queixas
Margarita Ledo Andión
María Xesús Nogueira
Fran Alonso,
Manuel Rivas,
Dores Tembrás
Xiana Lastra
Marcos Maceira
Suso de Toro
https://nosnonimosficarcaladas.wordpress.com/apoio-o-manifesto/