“A folga xeral é unha necesidade e unha urxencia obvia”

O Secretariado Nacional da CUT propón unha xuntanza
coa CIG para trasladarlle as súas consideracións sobre a convocatoria de
greve xeral, e que fai públicas a través dun comunicado. Así, a CUT
parte de que “a Folga Xeral é unha necesidade e unha urxencia obvia
ante un contexto de recorte de dereitos sociais, económicos, civís e
políticos para o conxunto do pobo traballador. Pero tamén é unha
ferramenta de transformación social. Non caben convocatorias
intempestivas, inútiles, propagandísticas ou mesmo electoralistas
que sirvan a fins alleos aos intereses do conxunto das traballadoras e
traballadores de Galiza”. Considera que “unha folga mal convocada ou
mal enfocada pode supoñer un retroceso histórico (…) é a desafección
pola convocatoria pero tamén polo propio movemento sindical.
Se ben este sindicato considera que CCOO e UXT son
“tamén responsables e xestoras cómplices da actual”, apela a conseguir
que se sumen á convocatoria para que esta sexa masiva [no entanto, as
centrais de ámbito estatal xa deixaron claro que non van secundar a
greve]. CUT tamén advirte que “non imos permitir que se cuestione a
utilidade dunha folga en chave nacional galega”, en clara alusión ás
manifestacións do secretario xeral da UXT, cuxo secretario xeral, José
Antonio Gómez, cuestionou a eficacia dunha folga de ámbito
exclusivamente galego.
Para a CUT, “ só existe unha opción de levar cara
adiante esta convocatoria con garantías: a unidade sindical de todas as
forzas que se sumen á convocatoria”. De aí que aposte en “unha gran
mobilización social que pase polo deseño dun programa de
mobilizacións baixo o principio da unidade sindical e a igualdade entre
centrais sindicais, asembleas en unidade sindical nos centros
de traballo, mobilizacións previas conxuntas, a formulación de piquetes
e accións de todas as centrais convocantes e tamén a convocatoria de
mobilizacións unitarias e en pé de igualdade entre todas as
participantes”.
Sermos Galiza