Como laminar á clase médica que se opón aos recortes e ás privatizacións

O Goberno de Alberto Núñez Feijóo comezou a aplicar
en maio do 2009, nada máis chegar ao poder, unha calculada estratexia de
eliminación dos profesionais sanitarios que non comulgaban cos seus
plans de recortes e privatizacións na sanidade pública, para situar nos
postos de mando intermedio dos hospitais galegos a médicos próximos ao
ideario do Partido Popular.
Así se desprende da análise das numerosas sentenzas
xudiciais que nos últimos anos teñen descalificada a actuación da Xunta,
ao considerar probado que a administración sanitaria incorreu en
cesamentos ilegais, manipulou oposicións e iniciou campañas de
desprestixio contra os facultativos que ocupaban xefaturas de Servizo,
para eliminar así obstáculos ás súas políticas.
Feijóo iniciou a súa carreira política nos anos
noventa como Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade de José Manuel
Romay e baixo a presidencia de Manuel Fraga. Xusto despois de que o
Estado transferira a Galiza as competencias en materia de sanidade, e de
que Fraga e Romay empezaran a fichar noutras comunidades a médicos de
prestixio, co encargo de aplicaren en Galiza os programas específicos,
especialmente os de transplante de órganos, que xa empezaban a funcionar
noutras autonomías.
Ningún deles foi contratado pola súa adscrición
política, senón pola súa experiencia e capacidade. E Galicia chegou a
estar á cabeza do Estado en moitas desas especialidades. Pero cando
Feijóo tomou o poder, tras o seu paso pola presidencia do Instituto
Nacional de la Salud en Madrid, a idea xa non era desenvolver o sistema
público, senón laminalo en beneficio dos hospitais privados.
No último ano de Goberno do bipartito PSOE-BNG, o
presuposto da sanidade galega era de 3.766 millóns de euros, que Feijóo
reduciu a 3728 millóns no 2010. O ano pasado, o Servizo Galego de Saúde
(SERGAS) contaba con 3.588 millóns de euros. Nese tempo, segundo datos
da Asociación de Hospitales de Galiza (AHOSGAL), a participación dos
centros privados no sistema foi crecendo até concentrar o 25 % de toda
atención sanitaria na comunidade.
Era previsible que o proceso contara coa oposición
de moitos dos médicos que tiñan que aplicala. Especialmente dos xefes de
Servizo. Así o defende Pedro Soler Bordoy, delegado en
Galiza da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM): “As
xefaturas de Servizo son postos técnicos, non políticos. Pero desde eles
se aplican as políticas sanitarias. Os xefes de Servizo son a primeira
barreira da defensa do sistema. Os que teñen que defender a calidade
asistencial, os que exixen ou non ás xerencias que proporcionen medios,
os que se pelexan por ter máis persoal e mellorar as condicións de
traballo e atención aos pacientes, os que traballan por solucionar os
problemas que detectan os médicos e os enfermos… A súa influencia é
decisiva”, di.
Soler, un dos fundadores de Batas Blancas, e
un dos mellores expoñentes dese grupo de médicos que contribuíron a
poñer en marcha o sistema sanitario galego a mediados dos noventa. É
mallorquino e chegou con 18 anos a Compostela para estudar Medicina.
Especializouse en xestión e administración hospitalaria e foi xerente de
Atención Primaria en Mallorca e xerente dos hospitais de Burgos,
Pontevedra, Ourense e o Salnés, e tamén director médico no antigo Juan
Canalejo da Coruña. “Feijóo non cre na administración pública, pensa que
o privado funciona mellor”, engade.
Soler coñece ben o caso do hospital de Pontevedra,
o primeiro no que Xunta empezou a aplicar a nova política sanitaria para
reorganizar as xefaturas de Servizo. Para facelo, Feijóo nomeou xerente
a José Manuel González Álvarez, o último conselleiro de Sanidade de
Fraga e autor dun decreto do ano 2005, promulgado co Goberno da Xunta en
funcións, que precisamente prevía que a partir do 2008 se cambiaría o
sistema de nomeamento de xefes de Servizo, flexibilizándoo en favor da
discrecionalidade das xerencias hospitalarias.
O primeiro en caer en Pontevedra foi o doutor
Víctor Pedreira, xefe de Psiquiatría do centro e quen
viña sendo subdirector xeral de Saúde e Drogas co bipartito presidido
por Emilio Pérez Touriño. Pedreira, que exercía a Xefatura desde o ano
1982, foi cesado o mesmo día en que deixou o seu cargo na Xunta. Despois
lle tocou a Enrique Vázquez Astray, xefe de Dixestivo.
E poucos días despois, a Enrique Temes Montes,
xefe do Servizo de Neumoloxía. Todos foron remprazados por compañeiros
afíns ao PP e ás políticas de recortes e privatizacións que Feijóo
quería impulsar.
Víctor Pedreira, ex xefe de Psiqiuatría do CHOP.
Para consolidar a purga e facela definitiva,
garantindo aos seus substitutos que non correrían perigo nun cambio de
Goberno futuro, o SERGAS necesitaba asegurarlles que os seus postos, que
ocupaban transitoriamente a dedo, serían vitalicios. Así que
convocou concurso-oposición para cubrilos. Os médicos purgados
concorreron a ese procedemento, pero para evitar que gañaran unha praza
que calquera tribunal imparcial lles adxudicaría tendo en conta que
tiñan moita máis experiencia e méritos, e probablemente, tamén
capacidade, que os favoritos da Xunta, o ex conselleiro González amañou
os tribunais, modificou baremos e falseou os procesos.
Así o teñen confirmado os xuíces. Tanto Vázquez
Astray como Temes e Pedreira recorreron as decisións dos tribunais que
lles fixeran perder as súas prazas polas oposicións apañadas por
González. E todos gañaron en primeira instancia e nos recursos
posteriores.
Mala fe
En outubro do 2012, o Tribunal Superior de Xustiza
de Galicia (TSXG) corroborou unha sentenza do xulgado do
Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra que consideraba que o
cese de Vázquez Astray non foi motivado con argumento algún que o
xustificara, e que o SERGAS actuara con evidente “mala fe” cando lle
negou a documentación sobre a oposición que solicitara para poder
preparala.
Menos dun ano despois, en setembro do 2013, o TSXG
anulou a oposición que entregara a Xefatura do Servizo de Neumoloxía co
CHOP, a que ocupaba Enrique Temes, ao doutor Antonio Pena. No seu caso,
o TSXG tamén validou o fallo do xulgado do Contencioso Número 1, que
apreciou que o sistema de avaliación de méritos elaborado polo SERGAS
estaba feito ad hoc para prexudicalo, minusvalorando a súa
actividade docente e investigadora.
O ex-xefe de Psiquiatría, Víctor Pedreira, tardou
moito máis en ver restituído o seu prestixio profesional. Non foi até
outubro do 2017 que o TSXG anulou o procedemento de cobertura da súa
praza, que pretendía arrebatarlle de maneira definitiva entregándoa a
Isauro Gómez Tato. O xulgado do Contencioso Número 2 xa considerara
ilegal en 2016 a convocatoria do concurso. E a confirmación do TSXG
desestimando o recurso do SERGAS constitúe, seguramente, a sentenza máis
dura das tres.
Os xuíces consideran probado que o SERGAS actuou
expresamente co obxectivo de evitar que Pedreira recuperara o seu posto,
incorrendo nun grave “desvío de poder” para lograr que Gómez Tato, “máis
afín” (sic) ao PP, quedara de por vida coa Xefatura de Psiquiatría. Pero
a pesar de que xa pasaron máis de oito meses desde que o TSXG ordenou
anular a oposición e repoñer a Pedreira no seu cargo, o SERGAS segue sen
executar a sentenza.
Dicimos que o hospital de Pontevedra foi o campo de
probas da política sanitaria do PP aplicada aos xefes de Servizo. Pero
as mesmas prácticas se moveron pronto a outros hospitais, ou mesmo
simultaneamente. O primeiro foi no departamento de Ciruxía Dixestiva do
Clínico de Santiago, onde o médico cordobés Evaristo Varo, un dos
profesionais do Estado con máis prestixio internacional nese campo,
levaba dúas décadas desenvolvendo o programa de transplante hepático que
lle encargaran aplicar Manuel Fraga e Romay Beccaría.
Dependencias do Hospital de Compostela.
Varo foi cesado en maio do 2011 cando o SERGAS o
substituíu por Manuel Bustamante, un dos médicos que traballaban con el
e quen ostentaba, como mérito máis relevante, o de estar casado con
Rocío Mosquera, daquela xerente do SERGAS e quen sería nomeada pouco
despois por Feijóo conselleira de Sanidade.
Como nos casos
anteriores, a Xunta convocou oposición para confirmar a Bustamante no
posto. Varo recorreu o procedemento e gañou nos tribunais o que lle
arrebataran nos despachos. O TSXG apreciou de novo “desviación de poder”
na actuación do tribunal da oposición apañado polo Sergas, do que
confirmou que non tiña outra intención que a de “postergar a un
candidato e primar a outro”.
O certo é que Varo era un médico incómodo para o
PP. Foi un dos que denunciou a negativa do SERGAS a facilitar a
medicación que precisaban varios pacientes enfermos de hepatite C, un
caso polo que la Fiscalía acusa de homicidio imprudente dous altos
cargos da Consellería de Sanidade xa que varios deses pacientes acabaron
morrendo sen recibir o tratamento prescrito. O Sergas lle abriu
expediente e lle fixo varias auditorías no seu departamento, que anuncio
na prensa ao inicio pero que ocultou cando as pechou sen atopar
irregularidade ningunha.
Desde hai mes e medio, Varo ocupa a presidencia de
Batas Blancas. O seu antecesor, o médico valenciano José María
Borro, quen tamén chegara a Galicia chamado por Fraga e Romay
para pór en marcha o programa de transplante pulmonar en A Coruña e quen
ocupaba desde entón a Xefatura do Servizo de Ciruxía Torácica no
Complexo Hospitalario Universitario da cidade (CHUAC), tamén sufriu unha
durísima persecución por discrepar publicamente coas privatizacións, os
recortes e as prácticas médicas que proliferaban baixo o mandato de
Feijóo.
No ano 2014, denunciou ante o Sergas que varios dos
seus subordinados estaban empregando técnicas cirúrxicas perigosas con
pacientes do servizo que dirixía. O SERGAS abriu unha investigación na
que os instrutores concluíron que tres deses médicos estaban derivando a
pacientes de cáncer de pulmón que acudían á sanidade pública a centros
privados, onde empregaban con eles a mesma arriscada técnica, para
cobrarlles pola intervención, a eles ou aos seus seguros.
José María Borro, ex xefe de Ciruxía Torácica do
CHUAC.
A sanción para os infractores foi de tres meses de
suspensión de emprego e salario. Para Borro: un expediente do Colexio de
Médicos da Coruña que rematou cunha sanción de 2.000 euros con dous
meses de suspensión de colexiación nos que non puido exercer. O motivo?
A aparición na prensa da carta que Borro enviou aos seus superiores para
denunciar o caso. El sempre negou que filtrara o documento, pero o
Colexio de Médicos nin sequera citou á xornalista que a publicou nin ao
seu medio para contrastalo.
Borro recorreu a sanción á Xustiza, e tamén gañou.
Pero o desprestixio profesional e persoal que sufriu foi difícil de
asumir. Como Varo, Temes, Vázquez Astray e Pedreira, tamén foi despoxado
do seu posto de Xefe de Servizo. E no seu caso, ademais, da súa praza de
profesor na Universidade da Coruña. Incluso foi acusado de un delito de
atentado contra a honra por un dos médicos a quen denunciara, un caso do
que foi absolto.
Borro desmontou unha por unha nos tribunais todas
as falsedades que a Administración sanitaria verteu para xustificar a
súa purga. Pero ninguén lle pediu perdón. Hai uns meses renunciou á
presidencia de Batas Blancas e deixou Galicia, pero non a
Medicina. Retornou a Valencia e segue a exercer alí a súa especialidade:
salvar vidas.
A reiteración nos últimos anos de sentencias
xudiciais firmes confirma que a Xunta de Feijóo executou unha purga en
toda regra contras médicos incómodos para a súa estratexia de recortes e
privatizacións na sanidade pública, decretando cesamentos ilegais,
apañando oposicións e iniciando campañas de descrédito e difamación
contra eles, ao obxecto de entregar os mandos intermedios dos hospitais
galegos a facultativos próximos ao ideario do Partido Popular, dispostos
a colaborar con esas políticas.
Pero se alguén pensa que os reveses xudiciais están
servindo de algo, vai errado. A estratexia, que, en palabras de Pedro
Soler, está conseguindo que os médicos novos que chegan aos hospitais
galegos se decaten de que “a súas perspectivas de progreso e ascenso
profesional non dependen da súa capacidade, da súa pericia ou do seu
acerto ao atender aos usuarios, senón das súas vinculacións políticas e
da súa disposición para acatar as decisións do poder”, non mudou. O
último caso é o de Arturo Gómez Quintela, profesor da
Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, até hai uns meses,
xefe do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario
Universitario de Santiago. Vén de ser cesado pola Xunta e substituído
por outro médico de moita menos experiencia e prestixio.
Adiante.gal