• Número 394
  • 14 de maio de 2018

Universidade

As vosas colaboracións. Cartas que recibimos

Agradecemos as vosas colaboracións. Se non nos implicamos tod@s, fracasaremos

O reitor en Elviña

Fun o día 24 de abril á reunión que, convocada polo reitor, se realizou na Facultade de Dereito. Botei en falta a presenza de moitos dos representantes da Xunta de Persoal que traballan en Elviña. Paréceme que era un bo momento para que, facendo acto de presenza, se lle sinalasen ao reitor as múltiples carencias que temos no campus de Elviña – xa sei que non é un campus pero chamámoslle desta maneira – tamén sería un momento apropiado, por exemplo, para interesarse pola situación de temas tan importantes como a toma de posesión das que promocionamos ao grupo A2 da escala xeral. Sei que todo iso llo puidemos manifestar as persoas que alí estabamos pero a presenza de quen nos representa fortalecería as nosas intervencións. Lástima pero que saibades que temos memoria.

17 de maio, Día das Letras Galegas

Un ano máis a universidade, de xeito institucional, vai celebrar o Día das Letras. Unha vez máis, con estas celebracións quérese dar unha imaxe ben distinta da realidade dunha universidade que no seu dá a día non ten normalizado o uso do noso idioma. Cantas aulas se dan en galego?. Cantos docentes se dirixen, en galego, ao resto da comunidade e da sociedade?. O mesmo podería dicirse do estudantado que non reclama a normalización no seu ámbito. Ritualízase o uso do galego quedando limitado, incluso non sempre, a actos oficiais. No único sector da Comunidade Universitaria no que é obrigado o seu coñecemento é no noso colectivo, o PAS. O único aspecto no que dalgún xeito está normalizado o seu uso é na xestión. Seguro que o ano que ven a situación seguirá igual o que quererá dicir, para min, que será peor.