Un novo conflito laboral no Álvaro Cunqueiro amosa as carencias de persoal do hospital

Dende que foi inaugurado en 2015, o
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo motivou numerosas protestas, tanto por
parte dos e das profesionais coma dos usuarios e usuarias e da cidadanía
en xeral. O centro, que naceu no medio da polémica pola
fórmula público-privada escollida para a súa construción que supuxo un
gran custe engadido e a redución de camas e servizos, foi criticado
polas deficiencias na atención, pola xestión da súa Xerencia e polo
trato dado aos seus traballadores e traballadoras, levando a
mobilizacións frecuentes do persoal sanitario e doutros colectivos.
O pasado mes de febreiro
foi o persoal de limpeza o que denunciou o "deficit" no cadro de persoal,
que provocaba unha sobrecarga de traballo e tamén que parte das
instalacións non puidesen ser limpadas coa frecuencia necesaria.
Criticaba tamén o "incumprimento" no seu convenio e acusaban á dirección
do centro de asignarlles tarefas que non lles correspondían como por
exemplo o traslado das bolsas de roupa sucia da porta das habitacións
aos puntos de recollida, unha función non recollida no prego de
condicións da concesión da limpeza. A solución que nese momento ideou a
Xerencia do hospital para finalizar con esta protesta foi traspasar esta
e outras funcións ao persoal auxiliar de enfermería (TCAE). É dicir, en
lugar de contratar máis persoal, optouse por trasladar o problema a
outro lugar e outro colectivo, como unha manta curta que se tenta
estirar polos seus dous extremos. Unha mostra máis das
limitacións que presenta o novo hospital de Vigo, inaugurado hai tres
anos cun enorme investimento público e presentado pola Xunta como un
centro modélico e a solución aos problemas sanitarios da maior cidade de
Galicia.
O persoal de TCAE respondeu que a súa función é
recoller a roupa e introducila nas bolsas, pero non trasladala (deben
ser depositadas en puntos afastados), pois esta tarefa non figura nos
seus estatutos e, polo tanto, réstalles tempo de traballo de atención
aos e ás pacientes, pois é un colectivo especialmente sobrecargado,
nunha área que necesitaría da contratación de máis persoal. “O persoal
de limpeza protestou e fixo moi ben en facelo. Pero o colectivo de
auxiliares temos unhas funcións moi determinadas especificadas nuns
estatutos: o coidado do paciente, o seu aseo, temos a obriga de recoller
os ocos dos pacientes..., no trasladar estas bolsas”, explica Miriam
Costas, unha das traballadoras. Dende os sindicatos tamén se critica á
Xerencia do centro e ao Sergas por unha mala redacción do prego de
condicións do servizo de limpeza.
Ao igual que xa fixeran as traballadoras da
limpeza, as auxiliares de enfermería (ao redor de 450) iniciaron
protestas a pasada semana, negándose a trasladar a roupa sucia ata os
puntos de recollida, de xeito que as bolsas comezaron a
acumularse nos corredores do hospital. A reacción da Xerencia foi
ameazar as traballadoras con sancións disciplinarias e a apertura de
expedientes, acusándoas de provocar "unha grave alteración das
condicións hixiénico-sanitarias para os pacientes, con riscos para a súa
saúde". En total, abríronse ao redor de 150 expedientes.
"Eu non sei quen ten que facer este traballo, pero
dende logo non é a nosa función. Somos persoal de enfermería, a
nosa función é asistencial. Se nos obrigan a levar as bolsas dun lado ao
outro estaremos precisamente desatendendo os pacientes",
di Miriam Costas, que subliña que "o último que queremos é que este
conflito prexudique os pacientes. É a Xerencia a que está
primando o aforro sobre a atención ao paciente". "Cal é o fondo
do problema? Que a concesionaria non quere contratar máis persoal e polo
tanto opta por cargarnos a nós cun traballo que non nos corresponde. E
precisamente escolleunos a nós porque somos un colectivo que nunca
protesta", sinala. "Pero chega un momento no que o vaso reborda. E
dixemos: ata aquí", engade.
O persoal TCAE está a realizar asembleas e neste
momento realiza consultas cun avogado para presentar unha querela
administrativa ante a Xerencia do hospital e unha denuncia ante
Inspección. Con todo, recoñecen a dificultade de manter un conflito coa
dirección, polos prexuízos que lles poden provocar os
expedientes abertos: "unha parte somos persoal
estatutario, pero a maioría están contratadas, e cun expediente aberto
non poderían presentarse ás oposicións e figurar en listas de
contratación", subliña Costas, que denuncia un acoso laboral
crecente. Nos últimos días as TCAE accederon temporalmente a trasladar
as bolsas ata os puntos de recollida, para evitar sancións.
Praza Pública
As auxiliares de enfermería inician unha protesta de 24 horas no Álvaro Cunqueiro