02/05/2018. Reunión da Xerencia-Xunta de Persoal

Como vos sinalamos no
anterior PASquín, a
reunión convocada tiña eixo central a proposta de Oferta de Emprego
Público do ano 2018 realizada pola Xerencia. Como vos indicamos
nese mesmo PASquín, a posición que mantivemos na reunión foi de
rexeitamento da proposta.
Ao non poder realizarse unha reunión previa da
Xunta de Persoal, cada organización sindical e agrupación electoral deu
o seu parecer sobre a proposta.
A nosa posición, como xa dixemos, foi de
rexeitamento. Non entendemos e parécenos que é absolutamente
contrario a unha mínima racionalidade que, sendo, no peor dos casos, 9
prazas na taxa de reposición, a Oferta de Emprego contemple, sómente 8
postos de traballo. E iso por varios motivos:
·
Na normativa que rexe a confección da Oferta de Emprego Público (OEP)
non se sinalan restricións económicas, polo tanto, as prazas
contempladas na OEP deben ser, en número, iguais ás da taxa de
reposición.
·
De seguirse o criterio aprobado pola maioría da Xunta de Persoal, no
sentido de que as prazas da OEP da quenda libre sexan de postos base da
subescala que se acorde, sobraría moito diñeiro.
·
Aínda, no suposto de aceptar o criterio da Xerencia (que non é o caso)
segundo o que algunha das prazas, do exiguo número que se oferta, ten
que ser de grupos A1 e A2, non se entende como se fixeron as contas pois
na taxa de reposición, contémplanse postos deses grupos,
correspondéndose, en todo caso, unha praza do grupo A1 da taxa de
reposición cunha praza do grupo A1 da OEP, o mesmo pasaría coa praza do
grupo A2”. Sinalamos, ademais, que na valoración
económica da taxa de reposición, non se contempla as antigüidades das
respectivas prazas, nin os aforros orixinados pola diferenza entre as
prazas ofertadas a promoción e as realmente ocupadas despois das
sucesivas convocatorias.
Requiriuse á Xerencia, unha vez máis, un
estudo pormenorizado de cada unha das vacantes existentes no
que se sinale desde cando está nesa situación e como se realizou o
proceso das sucesivas ocupacións das mesmas, sinalando, tamén, a
taxa de interinidade por escala.
Pregúntase pola praza 316 que se
entende debe aparecer contemplada na taxa de reposición. Sinala o
xerente que esta praza xa se computou nunha anterior OEP.
Nesta reunión tamén se lle solicitou ao
xerente información sobre o estado da modificación puntual RPT para
posibilitar a toma de posesión do persoal que promocionou ao grupo A2 da
escala xeral.
O xerente sinala que por contactos cos funcionarios
da Consellería de Facenda, a autorización está asinada, espera recibila
en próximos días e, inmediatamente, se enviará ao DOG. Na
reunión convocada polo reitor a todo o PAS da Reitoría-Riazor, realizada
o día 4 de maio, o xerente comunicou que xa tiña nas súas mans a
comunicación e que, de xeito inmediato, se procederá ao envío ao DOG.
Na reunión do día 2, solicitouse que ese envío ao
DOG se faga para que se publique pola vía de urxencia. O xerente está de
acordo.
Anuncióuselle o envío de alegacións ao temario da
promoción ao grupo A2 de Medios Audiovisuais. Alegacións xa remitidas.
Na reunión posterior da Xunta de Persoal
analizouse a reclamación de varios compañeiros/as sobre a selección de
traballadoras/es para actuar nas Comisións Delegadas das Probas de
Acceso á Universidade 2018, con sede nos Campus da Coruña e Ferrol.
Unha vez vista a
convocatoria realizada pola CIUG,
acordouse reclamar que, para sucesivos emprazamentos, non se faga
expresa mención á subescala das traballadoras/es que se solicita.
Entende a Xunta de Persoal que, como xa fai algunha outra universidade,
calquera traballador/a pode perfectamente realizar as labores de
colaboración que se requiren.