Reunións do reitor coa Comunidade Universitaria

O reitor iniciou a reunión sinalando que, desde hai
anos ven realizando reunións anuais en cada centro nas que se convoca á
tódolos membros da Comunidade Universitaria. Decatouse de que nesas
reunións faltaba unha convocatoria para o persoal da Reitoría e Riazor,
persoal non adscrito a centros, por iso a reunión realizada o día 4 de maio.
Iniciou a súa exposición do mesmo xeito que o fixo
na reunión
do día 2 realizada na Facultade de Dereito, poñendo
en valor a especialización dos campus.
Referíndose ao colectivo de PAS sinalou que se está
a executar, aínda que con retraso, o acordado co anterior reitor e
asinado en novembro de 2015. Acumúlanse as Ofertas de Emprego dos anos
2015, 2016, 2017 e estase en proceso de negociar a de 2018 para se
acumular, tamén. Comunicou que xa teñen no seu poder o informe favorable
da Consellería de Facenda para proceder á modificación puntual da RPT
que posibilitará a toma de posesión do persoal que promocionou ao grupo
A2 da escala xeral. Recalcou o esforzo realizado pola universidade para
manter a plantilla de persoal e o cumprimento dos compromisos de
promocións.
Establece que se teñen que abordar os retos:
·
Elaboración dun mapa de competencias
·
Unha vez realizado ese mapa de competencias abordaríase o plano de
formación
·
Unha nova RPT, non unha modificación, débese revisar a estrutura
administrativa. Aposta neste terreo pola flexibilización, móstrase
contrario as estruturas estáticas que se reflicten na actual RPT. Espera
que esta negociación non se alongue no tempo como a anterior que,
segundo a súa apreciación estivo a negociarse durante tres anos.
Posteriormente á intervención do reitor abriuse
unha quenda de palabras.
A primeira persoa que falou sinalou que as RPT
están determinadas por lei, que a flexibilidade dificilmente é
compatible coas RPT e que de querer impoñer esa “flexibilidade” que
ninguén se estrañe que a negociación dure os tres anos que sinala o
reitor.
Solicita se axilicen ao máximo as obras de
ventilación da zona onde se localizaban os Servizos Informáticos da
Reitoría por mor da existencia de Radon en concentracións moi superiores
ás permitidas e que obrigan a que parte do servizo se tivese que
desprazar ao Club Náutico.
Sobre esta cuestión o xerente sinala que
precisamente é o nivel de prtección do edificio o que retrasa as obras.
Sinala, tamén que tendo coñecemento de que se vai
reservar aparcadoiro público para residentes da Cidade Vella, solicita
que se negocie co concello espazo para as traballadoras e traballadores
da Reitoría.
Ao fío desta intervención o xerente sinala que se
está en negociacións cos aparcadoiros privados próximos para ter prezos asumibles
no alugueiro de prazas. Sinala que o concello comunicou que, despois
dunha redistribución do tráfico, gañaranse máis prazas de aparcadoiro público
que as que se reserven para residentes da Cidade Vella. Haberá máis prazas para estacionar en superficie que as que hai na actualidade.
Varias traballadoras solicitan que se negocie coa
Compañía de Tranvías unha maior frecuencia das liñas que pasan pola
Reitoría ao que o reitor se comprometeu.
Outra intervención sinala a necesidade de revisión
do aire acondicionado pola friaxe que as/os traballadoras/es dalgunhas
zonas da Reitoría padecen durante o inverno.
O reitor comunica que a obra prevista contempla a
substitución do sistema porque o actual usa un gas prohibido. Cifra o
custo da obra nuns 800.000€. Estase á procura de financiamento.
Outro traballador sinala que a centralización de
compras xa realizada nas dependencias e servizos centrais, obriga ao envío
de paquetería con material aos servizo e dependencias periféricas.
Aproveita o reitor para sinalar que o que se
denomina contrato menor está en vías de desaparición tendéndose á
centralización das compras pero que os distribuidores se ocuparán do
reparto.
Posteriormente iníciase unha quenda de palabras
relacionadas co desenvolvemento das tarefas propias:
·
Púxose de relevo a imposibilidade, co procedemento establecido, de
reverter o IVE das facturas nos gastos realizados de xeito non institucional. Sinalouse, polo xerente, que é certo pero que a lexislación imposibilítao.
·
Preguntouse se se ía facer algo para equiparar os dereitos dos
estudantes de postgrao aos do resto de estudantes. Aquí a resposta non
foi moi clara, o reitor afirmou en varias ocasións que non se estaba a
utilizar a aplicación informática.
·
Administración electrónica e espazo nos servidores. O reitor sinala que
se vai proceder á migración a Office 365, un dos factores decisivos na
toma da decisión por este entorno foi precisamente o espazo que ofrece.
Sen ir máis lonxe o espazo para as contas de correo electrónico é na
actualidade de 2GB, e pasará a ser de 1TB.
Por último un compañeiro interino pregunta por si
non se pode negociar con quen corresponda, un incremento de prazas nas
Ofertas de Emprego Público.
O reitor sinala, de novo, o gran esforzo que fai a
institución mantendo todas as prazas da RPT, comenta, ademais que as
Ofertas de Emprego están limitadas á taxa de reposición.
Intervén outra persoa que sinala que a cada
institución corresponde asumir as súas responsabilidades. As limitacións
das Ofertas de Emprego Público son responsabilidade do Goberno central, sen ir máis lonxe, na universidade, desde o inicio da "crise" e até o ano 2015 impúxose unha taxa de reposición de efectivos do 0%, no ano 2015 a Oferta de Emprego foi do 50% da taxa de
reposición do ano 2014 e, as posteriores Ofertas de emprego,
contemplaban o 100% da taxa de reposición do ano anterior. Así como
diferimos do reparto por grupos que se fai nas ofertas, temos que
sinalar que, até agora vaise impoñendo que a taxa de reposición se
contemple na oferta.