Campaña galega pola Obxección Fiscal 2018

De novo a xente do
Espazo Aberto
Antimilitar anímanos a facer obxección fiscal aos gastos militares
coincidindo coa campaña da declaración renda. Dámoslle pulo a esta
campaña e compartimos o texto que acompaña a campaña:
Exército 0.0
O proceso cara á conquista da independencia e a
proclamación da República Catalá axudou a lembrarnos, grazas en gran
medida ás sinceras declaracións da ministra de defensa, cal é o
verdadeiro papel das Forzas Armadas; o de defender a “unidade
territorial” de España.
O artigo 8 do Título Preliminar da Constitución de
1978, onde se recolle esta función, outórgalles tamén a misión de
garantir a soberanía e independencia de España. Porén, non tivemos
noticia da súa participación para evitar, por exemplo, a modificación do
artigo 135 da Constitución, que supuña o compromiso, por escrito, da
perda absoluta de soberanía en favor da Unión Europea. Nin do seu
despregamento para garantir a defensa das institucións cando foron
intervidas polos “homes de negro” da troika.
Pero quizais é unha boa noticia que, despois de
anos de propaganda para conseguir o lavado de cara das FFAA, logo da súa
profesionalización no 2001 (dende ese ano ata o 2010, o gasto en
publicidade era de 10-20 millóns de euros anuais), o rei quedase por fin
espido. Nin a guerra é paz, nin a liberdade escravitude.
Incremento no gasto militar
O Centre Delàs denunciou que, por primeira vez en
10 anos, o gasto militar aumentou nun 32% respecto ao 2016 (incluíndo o
pagamento dos PEAS, Programas Especiais de Armamento, que o goberno non
ten en conta para camuflar o gasto, e sufraga despois mediante créditos
extraordinarios).
Pero o máis grave é que nos próximos 6 anos
preténdese incrementar o gasto en defensa entre o 50% ou 80%, para
achegarse á meta do 2% do PIB en 2024, establecida no cumio de Gales da
OTAN e esixida por EEUU.
Onde se despregaron as tropas no 2017?
Ademais de nas rúas de Tarragona días antes das
eleccións do 21D, o exército español participou nas seguintes misións
(fonte: Utopía Contagiosa):
- Envío á fronteira Letonia-Rusia de 313 militares
e 80 vehículos. Non aprobada polo Congreso. De acordo co exministro
Margallo, para garantir a posición de Letonia, favorable a priori á
independencia de Catalunya, a favor da defensa da unidade de España.
- 5 misións baixo mando da OTAN: adestramento de
soldados en Iraq, apoio con mísiles Patriot a Turquía, grupos navais
permanentes da OTAN, policía aérea no Báltico, Sea guardian e loita
contra a insurxencia e reconstrución en Afganistán.
- 6 baixo mando da UE: en República Centroafricana
e Somalia adestrando militares, apoio ao expansionismo francés en Malí e
operacións Atlanta no Índico e Destacamento Marfil en Senegal.
- 3 baixo o mando da ONU: patrullas no Líbano,
fronteira con Israel (635 efectivos, a máis numerosa), vixilancia de
desarme en Colombia, apoio aéreo á RCA en Gabón.
- 4 por iniciativa propia: Golfo de Guinea
(incremento da seguridade), apoio e adestramento ás FFAA de Mauritania,
Senegal e Túnez.
Militarización da sociedade
Considérase que a aprobación do real decreto
194/2010 de 26 de febreiro, en que se elevou a rango de “autoridade
civil” aos militares, abriu a porta á militarización da sociedade.
Porén, a creación da UME (Unidade Militar de Emerxencias) xa supuxo un
importante fito no despregamento do exército dentro do propio territorio
fóra de épocas de guerra. O obxectivo era múltiple. Por unha banda,
asegurarse o control da poboación no momento que se produce unha
situación de crise que, potencialmente, podería levar a un levantamento
contra o goberno e, posteriormente, poder controlar calquera
investigación sobre as causas. Por outra, controlar un sector cada vez
máis precarizado onde traballadores/as que se xogan a vida comezaban a
esixir melloras. E, ao tempo, reforzar a falsa imaxe de exército
“salvador” que se pretende crear, aínda que en Galiza, coñecendo súa
actuación durante a loita contra o chapapote do Prestige, resultaría
máis difícil de crer. Profundando nesta liña, o 1 de febreiro de 2017,
aprobouse a creación a Escola Militar de Emerxencias, tanto para persoal
militar como civil.
Pero isto non é todo na estratexia de “normalizar”
a presenza do exército na sociedade. Xunto corpos armados, entran nas
escolas a recrutar á poboación estudante, están presentes en salóns do
ensino (con campañas en contra como Desmilitaritzem l'Educació),
realizan exhibicións aéreas, como se a guerra fose un espectáculo, faise
chegar incluso aos reis magos en helicópteros militares, ou realízase
anualmente un concurso escolar para loar a figura do mando supremos das
forzas armadas (FFAA).
Por se isto fose pouco, en decembro de 2015
asinouse un acordo (válido por 5 anos) entre os ministerios de educación
e defensa, para elaborar materiais educativos e implantalos nas escolas,
co obxectivo, segundo o daquela ministro Morenés, de concienciar ao
alumnado de primaria e ESO sobre a “cultura da defensa”. O contido
principal estaría centrado, segundo se publicou na prensa, en dar a
coñecer as FFAA como fornecedoras dun servizo público esencial: “a paz”.
Tamén se trataría o papel da coroa como “símbolo da unidade e
permanencia do Estado” e buscaríase que o alumnado se familiarice cos
“símbolos nacionais”: escudo, bandeira e himno, así como co “deber de
defender España. Todo isto a maiores dos contidos xa presentes na
materia de “educación para a cidadanía” da LOMCE (eldiario.es,
07/02/2018). Pero, semella, que isto non se pode considerar
“adoutrinamento”.
Quizais deberiamos prestar máis atención a estes
avances do militarismo na nosa sociedade, que nos achega ao modelo
doutras ás que, posiblemente, non queiramos semellarnos.
+info na web >
http://nonaogastomilitar.org