"Ocultan algo": organizacións e colectivos sospeitan do silencio da Xunta a respecto da mina de Touro

“Están poñendo moitas pexas e iso indica que
ocultan algo”. Xaquín Rubido, Xocas, portavoz da
Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) resumía con esta frase
as sospeitas e malestar existente no tecido social e produtivo que se
opón á mina de Touro-O Pino perante o silencio da Xunta á petición de
facer público o expediente administrativo da concesión desa mina.
Unha solicitude cursada o pasado mes de xaneiro por
uns 40 colectivos e organizacións e que, catro meses despois, non tivo
resposta por parte da Consellería de Economía e Industria. Por iso, unha
delegación destes colectivos se desprazou esta quinta feira até
Compostela para se reunir coa Valedora do Pobo.
“Queremos que a Valedora do Pobo faga o seu traballo”. É dicir, que esta
entidade inste a Xunta a facer público ese expediente.

Representantes de confrarías de pescadores, de produtores de mexillón,
de organizacións agrarias e ambientalistas, así como da Plataforma Mina
Non facían parte desta delegación; que estivo apoiada por Montse
Prado (BNG), Antón Sánchez (En Marea) e Julio
Torrado (PSdeG). “Agradecemos publicamente o apoio destes tres
grupos poíticos. O que falta, o PP, non está porque non quere”, sinalou
o portavoz da delegaión e da PDRA.
Estas organizacións queren saber as condicións nas
que se outorgou a concesión “e todos os procedementos administrativos
até hoxe: analíticas, inspeccións…”. A actitude de ocultación da Xunta
supón, denuncian, “furtar información á cidadanía” e insisten nos riscos
que representa o proxecto a nivel ambiental, social e económico non só
para Touro e O Pino, senón tamén noutras zonas como a Ría de Arousa.
Sermos Galiza