A Coruña. Manifesto do primeiro de maio

Salarios de miseria, condicións de traballo de
escravitude, contratos mínimos a tempo parcial, horarios estendidos sen
cobrar, convenios incumpridos, formación en seguridade falseada ou
inexistente, desemprego sen protección, lexislación que reforza as
prerrogativas do patrón… esa é a situación para a meirande parte da
clase obreira. Explotación e dor por todas partes, mentres os chamados
poderes públicos, cómplices e servís co poder económico, miran cara
outro lado ou, o que é peor, dan carta de natureza e lexislan para
recortar os poucos dereitos laborais que nos quedan e os converten en
simbólicos ou son meras coartadas para seguir afondando na submisión
absoluta dos traballadores e traballadoras.
Conscientes de que o pobo non vai aturar esta
situación por moito tempo, os poderes políticos xa están prevendo a
reacción social a través da súa arma máis poderosa: o medo. Se non é
suficiente o medo a perder o traballo, eles aplican a represión
selectiva. Así, temos o caso dos 27 de Barcelona, os casos dos rapeiros,
os dos titiriteiros, o caso dos sindicalistas de Logroño, o caso dos
xoves de Alsasua, o caso do fotógrafo Boro, os casos que supoñen a
recuperación dos delitos de blasfemia, os casos disfrazados de delitos
de odio, e centos de compañeiras e compañeiros máis que sufriron ou
están a sufrir a acción represiva destes gobernantes infames, cómplices
do saqueo da riqueza socialmente creada.
Non lles é suficiente estar chuchando durante anos
das ubres do Estado, senón que aplican unha política de saqueo
permanente da riqueza común, colaborando co capitalismo máis voraz en
canto este ve perigar os seus petos: primeiro foi o rescate da banca con
cartos de todos, que nunca han devolver, agora son unhas autoestradas
que nunca fixeron falla e que se rescatan sen rubor porque dan perdas.
Non podemos esquecer o permanente deterioro da Seguridade Social,
entregada en gran parte aos grandes grupos sanitarios privados, nin o
sistema público de pensións, intentando convencer ao pobo de que os
plans de pensións privados son a solución para uns recortes que son
froito de decisións políticas xestadas nos despachos dos poderosos. O
mesmo podemos dicir do ensino público, que se deixa podrecer mentres se
subvenciona con partidas millonarias aos centros de ensino privado.
Ante todo este cúmulo de canalladas, a clase
obreira non ten máis que unha solución: o enfrontamento directo coa
situación e con aqueles que a están provocando. A explotación, a dor que
se espalla nos nosos fogares, a iniquidade, debe ser combatida nunha
mobilización permanente que reverta a situación actual. Non é tempo de
covardías nin son horas de quedarse agardando a que outros nos veñan a
solucionar os nosos problemas. A loita é o único camiño. Eles o queren,
que así sexa.
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA!