A Xunta recoñece a discriminación lingüística de Lugo e a Mesa exixe sancións

A secretaria xeral da Mesa Mónica Pazos e a cidadá
galega vítima dunha agresión lingüística por parte de dúas funcionarias
da Xunta en Lugo, Adela Figueroa, compareceron hoxe en Lugo para dar
conta das novidades en relación ao caso de agresión lingüística
acontecido en febreiro deste ano por parte de dúas traballadoras
públicas.
Tras as queixas presentadas, a Secretaría Xeral
para o Deporte recoñece nun informe que “as funcionarias que atenderon á
cidadá descoñecían a obrigatoriedade que demanda á normativa de
aplicación respecto ao dereito da cidadanía a elixir o idioma en que
desexa ser atendida pola Administración” (sic).
Desde a Mesa apúntase en primeiro lugar que a
ignorancia da lexislación non exime do seu cumprimento, máxime cando
estamos perante a vulneración de dereitos fundamentais por parte de
funcionarias públicas, e perante a conculcación de lexislación de
carácter básico ao que están sometidas as funcionarias.
Por outra
banda, desde a Mesa tamén se denunciou as formas irrespectuosas das
empregadas con frases como “no me dá la gana”, “soy funcionaria y puedo
escoger el idioma que yo quiera”, “yo solo hablo castellano, no
me dá la gana de hablar en gallego” ou “pues si se pierde, mejor! Ni
gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor” que
demostran a intensa hostilidade contra á cidadá coa intención de
situarse nunha posición de superioridade e amosando desexos expresos de
que a lingua oficial desapareza.

Para a secretaria xeral da Mesa Mónica Pazos, a reiteración destas
expresións, a intensidade a hostilidade contra a persoa administrada
poderían ser constitutivas dun delito de incitación ao odio,
polo que os servizos xurídicos da Mesa están valorando a
posibilidade de adoptar medidas penais por este motivo.
Para Pazos, o recoñecemento da Xunta da negativa
das funcionarias a atender Adela deberían ter sanción tal e como
estipula a Lei do estatuto básico do empregado público por cando menos
as seguintes faltas moi graves; discriminación por razón de lingua
(artigo 95.2.b), incumprimento de funcións inherentes ao posto de
traballo con rigor e respecto (artigo 95.2.g) e polas faltas graves de;
minguar o crédito da imaxe pública da Administración galega (artigo
95.3.c).
Pola súa banda, Adela Figueroa culpou a
Xunta de Galiza de mentir no seu informe, pois “están dicindo
que apareceu un funcionario para ofrecerlle a atención en galego que as
funcionarias lle negaron cando non é certo” polo que retou á Xunta a
identificar a ese suposto empregado. Para Figueroa a mala actitude das
funcionarias debe ser castigada para evitar que situacións así volten a
acontecer.
Adela animou todas as persoas a exercer o seu
dereito a seren atendidas en galego, por ser “un dereito de dignidade
propia e de país” para rematar coas moitas humillacións que sofre a
lingua galega e as persoas galegofalantes.
Finalmente tanto Adela Figueroa como Mónica Pazos
en nome da Mesa fixeron un chamamento a participar na
manifestación do 17 de maio que convoca Queremos Galego en
Santiago de Compostela como mellor maneira de amosar que desexamos vivir
en galego día a día sen trabas e sen discriminacións.