O debate sobre o binormativismo. Tanto ten galinha que galiña, o importante é que poña ovos!

“O binormativismo nace para aproveitar as
diferentes posturas que existen en relación á codificación do galego,
sexa a falante partidaria da normalización ou non”. Así fala Eduardo
Maragoto, actual presidente da Associaçom Galega da Língua que, no
pasado 5 de abril, impartía un seminario na facultade de Filoloxía da
UDC canda o profesor titular de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón
Freixeiro Mato.
O tema da xornada era o binormativismo, un concepto
que apoia a convivencia entre dúas normas ortográficas dunha mesma
lingua. “Este tipo de modelo é moi frecuente no mundo, normalmente
coexiste unha norma máis próxima á fala local e outra máis converxente
coa variedade falada nun ou en varios Estados distintos”, explica
Maragoto. É familiar o caso de Luxemburgo, onde desde 1986 partilla
espazo lingüístico o alemán padrón coa variedade luxemburguesa, ou de
Noruega, cuxos habitantes poden usar libremente unha variante máis
próxima ao dinamarqués ou outra elaborada a partir dos dialectos
occidentais noruegueses.
O pragmatismo e a normalización
No caso da Galiza, trataríase de procurar a
coexistencia e colaboración entre o galego internacional –ou portugués
padrón– e o galego oficial actual, para que as falantes poidan tirar uso
de cada norma segundo sexa a súa conveniencia. “Ao contrario que outros
casos, as utentes de ambas normas gozan de intercomprensión plena. Falen
unha variedade ou outra, enténdense perfectamente”, apunta Maragoto.

Afóndase, por tanto, o camiño xa aberto pola lei Valentín Paz Andrade
–lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa
lusofonía– que fomenta a aprendizaxe e uso desta “vantaxe histórica”.
Segundo Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía na UDC,
virtudes de devandito modelo serían moitas. “En primeiro lugar
enriqueceriamos o galego co coñecemento xeneralizado da norma
portuguesa, evitando as interferencias do español e reforzando léxico e
estruturas lingüísticas en ambos sentidos”, conta.
Por outra banda, aquelas persoas “desvinculadas do
galego” ou mesmo “reticentes á normalización lingüística” poderían ver
as vantaxes de estudar portugués “e ter aí unha competencia lingüística
de promoción; se non se forza nada, sería vista mesmo como unha
oportunidade persoal e laboral“, sostén Freixeiro Mato.
Interpelar a opinión pública para acadar
consenso
Para acadar unha implantación real deste
binormativismo, ambos filólogos concordan en que é preciso afianzar dous
principios. “Por un lado todos os cidadáns deberían adquirir un
coñecemento pasivo de ambas normativas e, por outra banda, debería haber
liberdade individual para que cada persoa use a que máis lle convén ou
coa que máis se identifique”, detalla Maragoto. Á hora de adquirir
competencias en ambas variantes, é preciso un compromiso por parte das
Administracións para garantir os dereitos lingüísticos das utentes.
“Na Noruega, por exemplo, a nivel
técnico resólveno deixando que concellos e outras entidades públicas
escollan a normativa que queren utilizar, mais iso é unha cuestión a
resolver despois. En caso de dúbida, no entanto, sempre prevalecería a
variante local. Nós, desde o reintegracionismo comprometémonos a non
facer disto un casus bellis”, anota o presidente da AGAL. É
clara, pois, a vontade conciliadora coa que nace o modelo binormativo,
que foxe da conflitividade característica de décadas pasadas para deixar
paso a un escenario de unidade rumo á normalización do galego. “Son
reintegracionista e non teño ningún problema coa outra normativa, eu só
quero traballar a prol de que o galego sobreviva, e isto dáse nos dous
campos, quer no autonomismo, quer no reintegracionismo”, afirma
Maragoto.

“Agora as circunstancias son diferentes, eliminouse esa
confrontación que existía antes, esa violencia do conflito normativo”,
di Freixeiro Mato, quen tamén fai mención a pronunciamentos positivos
por parte de interlocutores de peso como membros do ILGA, da RAG
ou do Consello da Cultura Galega. “Estamos a falar dun modelo
onde o consenso de toda a cidadanía é imprescindíbel, e notamos como
certos sectores están a asumir un discurso de apertura ao mundo da
lusofonía”, engade.
A inmobilización da urxencia
A proposta emerxe nunha realidade desesperanzadora
para a supervivencia da lingua, que non só afronta un debate no relativo
á norma ortográfica senón que, por enriba de todo, rexista unha
alarmante perda de falantes. “É por iso mesmo que o binormativismo pode
favorecer a reversión situación actual. Temos que reagrupar todas as
forzas en defensa do galego e non podemos prescindir de ninguén. Se hai
persoas defensoras do galego que se senten reintegracionistas, hai que
sumalas e contar con elas. Ante unha situación así, hai que buscar
solucións operativas, e esta vía de achegamento ao portugués pode ser
unha táboa de salvación para o galego”, conclúe Freixeiro Mato.
O binormativismo, en definitiva, nace coa vontade
de abrir un debate. “A AGAL decidiu hai tempo que non quere avanzar con
nada que non sexa de consenso. As cousas que propoñamos e as cousas que
vale a pena discutir teñen que ser interesantes para todo o mundo. Nós
interpelamos a opinión pública e temos claro que non temos présa, no
galego non podemos actuar con présa porque son malas conselleiras”,
conclúe Eduardo Maragoto.
Nota: nas fotografías que acompañan o texto
aparecen Eduardo Maragoto (arriba) e Freixeiro Mato (abaixo).
Sermos Galiza