20 anos despois de Aznalcóllar, outro desastre mineiro pode repetirse en Andalucía e Galiza

Este 25 de abril cumpríronse 20 anos do desastre
Aznalcóllar que provocou o vertido de 5 millóns de m3 de augas tóxicas.
A reactivación dos proxectos mineiros de Riotinto e Touro ameaza
novamente á bacía do Guadalquivir (Riotinto) e a ría de Arousa (Touro).
Na Galiza, as promesas da mineira Atalaya Mining
para a mina de Touro falan de "risco cero" e "vertidos cero" malia a que
o seu proxecto presenta
graves eivas ambientais. Porén, Atalaya Mining é tamén propietaria
dos dereitos mineiros da mina de Riotinto, en Huelva, que con diferentes
nomes explota dende hai 10 anos, polo que podemos ver como se conducíu
alí.
Neste tempo, Atalaya Mining acumula dous expedientes
sancionadores por vertidos ao dominio público de máis de 2 millóns de m3
dende as balsas de residuos, unha paralización cautelar da actividade
produtiva por incumprimento do plano de labores, e un procedemento penal
por contaminación atmosférica a instancias da Fiscalía. Ao parecer,
producíronse excesos de partículas en suspensión polo transporte de
entullos, as voaduras e a circulación de camións e incumpríronse as
normas de seguridade e os requisitos técnicos na construción das
entulleiras. O Servizo de Valoración Toxicolóxica e Medio Ambiente do
Instituto Nacional de Toxicoloxía (INT) de Sevilla, determinou a
superación dos níveis de emisión de partículas sedimentábeis (PSD) e de
partículas en suspensión. Asemade, superáronse os valores medios de
cobre, zinc e arsénico, até dez veces nas poboacións próximas en
relación con outros lugares non afectados pola actividade mineira.
Polo que atinxe a Trafigura, máxima accionista de
Atalaya Mining (22,8%, xunto con Yanggu Xiangguang Copper, 22,7%;
Liberty Metals & Mining, 14,5% e Orion Finance, 13,9%) é unha
transnacional que comercia con recursos mineiros e enerxéticos a nível
global. Trafigura ten abertos nestes intres procedementos por corrupción
en Angola, Brasil, China, Colombia, Uruguai, Xamaica, Zambia e Zimbabue
e estivo implicada na violación do embargo internacional a Irak e Irán.
Mais o escándalo internacional máis sonado que esta empresa protagonizou
foi o
desastre ambiental de Costa de Marfil e a
venda de diésel contaminado en África.
A balsas de Riotinto en risco de rotura por
incumprimento das condicións de vertido
As 3 balsas de residuos que Atalaya Mining mantén
en Riotinto acumulan 80 millóns de m3 de lamas tóxicas. Hai dous anos o
propio órgano mineiro andaluz paralisou a actividade por detectar
irregularidades no vertido destas lamas, moito máis líquidas do
permitido. Agora, os grupos ecoloxistas andaluces denuncian que estas
irregularidades, que comprometen a seguridade e a estabilidade das
balsas, seguen a producirse perante a pasividade da administración:
-Atalaya Riotinto segue vertendo lamas nas balsas cun contido líquido do
70%, cando na autorización fíxase que debe ser inferior ao 50%, o que
acelera a posibilidade de que os muros de contención rachen. E isto, sen
que a empresa teña construído a planta de espesado de lamas prevista nas
autorizacións...
-As verteduras prodúcense preto dos muros de
contención das balsas, sen deixar unha "praia" de 50m como medida de
seguridade. Deste xeito, a acumulación de líquido, unido ás choivas,
produce efectos de subsidencia que poderían danar a base dos muros,
xusto o que aconteceu en Aznalcóllar.
Para facer fronte ás posíbeis
responsabilidades ambientais e sociais por estes riscos, que a empresa
teima en dicir que son "cero" nos seus proxectos de
Andalucía e
Galiza, Atalaya Mining presentou (fóra de prazo) un seguro de
caución otorgado por una empresa rumana cun ínfimo capital social.
Seguro de caución que tamén usou para cubrir as garantías de
restauración por só un 15% do orzamento proxectado...
Vistos os seus antecedentes e o comportamento de
Atalaya Mining no seu proxecto mineiro de Riotinto en Andalucía, non hai
razóns para pensar que en Galiza non vaia acontecer o mesmo. Esiximos á
Xunta a denegación do proxecto mineiro de Touro, polos riscos
inasumíbeis que supón para o ambiente, a saúde e a economía de milleiros
de persoas, e a incoación dun procedemento de caducidade da concesión,
por incumprimento reiterado das condicións de outorgamento dos dereitos
mineiros.
Ligazóns
Quen é Trafigura, virtual dona de cobre de todo o estado?