Altsasu: as chaves da montaxe policial e a solidaria resposta popular

Nestes días, a Audiencia Nacional española está
xulgando a causa contra os oito xoves da vila navarra de Altsasu,
acusados de “terrorismo” por unha agresión a dous Guardias Civiles fóra
de servizo e ás súas parellas ocorrida en outubro do 2016. Un dos casos
máis soados mediaticamente nos últimos tempos, pola magnificación dos
feitos por parte dos medios de comunicación, as esaxeradísimas penas de
cadea solicitadas, mais tamén pola onda de solidariedade cos xoves que
se desatou tanto en Euskal Herria como noutros pobos do Estado.
Os feitos
Noite do sábado 15 de outubro do 2016, Altsasu
(Nafarroa). Son preto das 5 da mañá, ese día celebráronse as Ferias de
Altsasu e a esas horas da madrugada grupos de xente nova e non tan nova
alongan a noite nos bares que quedan abertos. Nun deles, o Kotxa,
prodúcese unha discusión entre un axente da Guardia Civil, que está
acompañado por outro e as súas respectivas parellas, e algúns mozos.
Finalmente hai unha pequena agarrada e un dos Guardias chama á Policía
Foral que se persoa no lugar.
Malia que os Guardias denuncian numerosas lesións,
posteriormente queda demostrado que a única lesión é unha fractura de
nocello dun dos axentes. Os Guardias Civiles implicados quedan en ir
prestar declaración á Policía Foral, mais a fin realizan a denuncia nas
propias dependencias da Guardia Civil en Altsasu.
A montaxe mediática
Ao día seguinte, os medios de comunicación abren
portadas e telexornais falando dunha multitudinaria agresión, na que,
contan, participaran entre 50 e 60 persoas. A grande maioría dos medios
de comunicación descríbeno coma un “linchamento” e tratan de ligalo co
independentismo e co movemento local Ospa Mugimendua.

Altsasu é unha vila que ten unha historia moi activa socialmente, e
conta con ese movemento que reivindica a saída da Guardia Civil de
Altsasu e de Euskal Herria e que durante anos viña organizando o Ospa
eguna, unha xornada festiva e reivindicativa. Este colectivo leva
anos denunciando o acoso e o control ao que son sometidas moitas persoas
da vila pola súa participación nos movementos populares, mediante os
abundantes controis e seguimentos. Non é casual que a vila de Altsasu se
convertera en obxectivo desta montaxe. Desde o primeiro momento
intentase vincular esta pelexa de bar co Ospa! facendo un relato
no cal a reivindicación da saída das Forzas de Seguridade do Estado de
Euskal Herria estaría baixo as directrices de ETA.
Pola súa banda, o mesmo día 16 unha asemblea
popular denuncia que se están manipulando os feitos e que se tratou
dunha pelexa de bar provocada polos axentes. Pola súa banda, o movemento
Ospa! emite un comunicado no que di que “a actitude dos Guardias
Civiles borrachos foi provocadora”, que empurraron e ameazaron “con
frases como ‘te voy a matar’ ou ‘te voy a meter un tiro entre ceja y
ceja”.
A montaxe policial
Tras os feitos daquela noite, o 14 de novembro oito
mozos da vila son detidos, trátase de Oihan Arnanz, Aratz Urrizola, Jon
Ander Cob, Jokin Unamuno, Iñaki Abad, Julen Goikoetxea, Ainara Urkijo,
Adur Ramírez, Aritz Urdangarín e Edurne Martínez. Sete deles ingresan na
cadea, e o 20 de decembro saen en liberdade provisional catro deles,
quedando desde entón en preventiva Oihan, Jokin e Adur.
Posteriormente escenifícase unha disputa entre a
Audiencia de Navarra e a Audiencia Nacional por ver quen é competente
para xulgar o caso. A acusación de terrorismo solicitada pola fiscalía
fai que ao final sexa a Audiencia Nacional a que se declara encargada de
xulgar o caso. En xullo do ano seguinte saltan todas as alarmas pola
esaxeración das penas solicitadas, que sumarían os 375 anos de cadea
para as oito persoas denunciadas.
Inicialmente rexéitanse case todas as probas
aportadas pola defensa. Os acusados fan unha protesta contra a
designación da xuíza Espejel dado o seu matrimonio cun coronel da
Guardia Civil e tamén porque foi condecorada por Interior coa orde do
mérito da Guardia Civil, dita protesta foi rexeitada.
O xuízo
O 16 de abril de 2018 empezou un xuízo que deixou
grandes evidencias da magnificación dos feitos e da absoluta
desproporción das penas solicitadas. Todos os intentos da fiscalía foron
intentar vincular a pelexa coa reivindicación Alde hemendik! (Que
marchen!) e con ETA.
Os puntos máis quentes foron a declaración do dono
do bar Koxka, que afirmou que o atestado policial recollía frases
que el non dixera e negou ter visto a pelexa, como se recollía no
documento. Outro punto importante foi a admisión como proba (malia a que
inicialmente fora rexeitada) dun vídeo que botaría polo chan a versión
dos Guardias Civiles e as súas parellas, relativa á identificación de
Adur Ramírez coma un dos agresores. A acusación declara que Adur vestía
de vermello, mais no vídeo demóstrase que ía de negro.
Sen dúbida, o punto álxido do xuízo foi a admisión
como proba e a difusión dun vídeo que Iñaki Abad, un dos acusados,
gravou momentos despois da agarrada. Dito vídeo non encaixa coa versión
dunha agresión multitudinaria nel, o sarxento da Guardia Civil loce unha
camisa branca impoluta, o que non corresponde con alguén que ten sido
agredido por decenas de persoas, ademais tira o móbil a Abad dun golpe
na man e non identifica aos supostos agresores, malia a que os ten
diante. Ademais a xente recrimínalle a súa actitude provocadora que
desembocou na pelexa que tivera lugar momentos antes.
A solidariedade
O caso dos xoves de Altsasu suscitou grandes doses
de solidariedade. A posibilidade de que estes xoves pasen o resto das
súas vidas na cadea, ligado a que é un caso que pode crear precedente e
onde se aprecia unha total baixada de listón á hora de acusar a alguén
de “terrorismo” fixo que grande parte da sociedade vasca se mobilice, e
tivo o seus reflexos noutros pobos do Estado.
Na vila de Altsasu vivíronse varias manifestacións
históricas durante este ano e medio, e o pasado 14 de abril unhas 50.000
persoas esixiron en Pamplona xustiza e a liberdade dos mozos encausados.
Organizáronse tamén marchas á cadea de Soto del Real, onde están os tres
xoves encadeados.
Numerosas mensaxes e mostras de apoio tiveron
lugar ao longo de todo o Estado, espertando unha onda solidaria ante a
brutalidade do Estado para con estes xoves. Os familiares dos acusados
realizaron unha xira levando o seu caso por todo o Estado, recollendo
infinitas mostras de solidariedade e apoio. Distintas asociacións
pro-dereitos humanos declaráronse en contra desta desproporción, entre
elas Amnistía Internacional, que enviou observadores internacionais ao
xuízo.
No ámbito institucional, tamén o Parlamento de
Navarra denunciou a desproporcionalidade das penas solicitadas, así como
o seu rexeitamento á situación das tres persoas que levan máis de 500
días en prisión preventiva. E até a propia Comisión Europea declarou que
seguía con preocupación o caso dos mozos altsasuarras e recordou a
España que debe aplicar as penas con proporcionalidade.
Adiante.gal