1º de maio: Unindo loitas cara a folga xeral. Pan, traballo, teito e dignidade

O 1º de Maio de 1886, en
Chicago, a clase traballadora paralizou a produción reclamando unha
xornada laboral de oito horas. Unha vez mais a clase traballadora e o
pobo de Vigo, atrapados nunha espiral de falta de dereitos e liberdades,
froito dunha política allea a nós, imposta polos distintos gobernos
vasallos da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional e do Banco
Central Europeo, que están usando como pretexto unha crise que non é
mais que unha estafa social, aprestámonos a saír as rúas para seguir
loitando.
E de novo o sindicalismo alternativo, os movementos sociais e os
pensionistas, implicados na mesma loita pola salvagarda e defensa dos
nosos dereitos e da nosa DIGNIDADE, facendo nosa a consigna de que é
necesario “UNIR AS LOITAS”, asumimos con conciencia de clase a nosa
determinación de converter esta data en algo mais que unha xornada
lembranza do sacrificio daqueles que empeñaron as súas vidas en prol da
causa da clase traballadora, a mesma que se debate entre a desesperación
de non poder levar adiante os seus proxectos de vida, sumidos nunha
precariedade e condicións laborais e sociais, onde a pobreza e a
desigualdade se extende e vai a máis.
1.-No eido laboral: as cifras de persoas
desempregadas, homes e mulleres de calquera idade, seguen sendo
inaceptables, con maioría de contratos temporais, salarios de miseria e
condicións laborais do século XIX, sendo os EREs, a única saída
reaccionaria que atopa a patronal. Hoxe en día, estamos en niveis de
paro insostíbeis ao tempo que o traballo xa non dá para manter unha vida
digna e sitúannos en parámetros de salarios de caridade para que
subsistamos sen dereito a protestar.
2.-Nas liberdades civís: se
alguén escapa ao control represivo do medo a perder o traballo, ou de caer no subsolo da precariedade, ou pretende
protestar ante este retroceso nos nosos dereitos, sufrirá as
consecuencias da Lei Mordaza. A sociedade está aceptando, cunha
oposición ate o de agora minoritaria, que nos sexa recortada a liberdade
de expresión en todos os seus ámbitos: falar, cantar, protestar, exercer
o dereito a decidir, manifestarse, escribir poemas, facer chistes...
todo é delito; roubar, especular, corromper, timar, falsificar, ter
cartos en paraísos fiscais... iso é de xente de ben. Para nós cadeas,
para eles a opulencia.
3.-As pensións: homes e mulleres traballando
toda a súa vida, xerando riqueza coa súa forza de traballo para que
cando se xubilen non consigan chegar a fin de mes. Non se trata de
reclamar suba ningunha, trátase de reclamar o que é noso por dereito.
Dende o día que comezamos a cotizar estamos facendo o noso plan de
pensións co Estado, non precisamos dos ladróns dos bancos. A obriga do
Estado é garantir pensións dignas e por iso estas deben formar parte dos
orzamentos e quedar salvagardadas coma un dereito fundamental. Os
“axentes sociais do rexime” intentan agora saír do seu “agocho” de anos,
co único fin de volver a traizoar a clase que din representar, sempre
dispostos a firmar outro Pacto Social, outra Reforma Laboral, co goberno
e ca patronal, para que nos recorten, aínda mais, as nosas pensións,
salarios e dereitos, pretendendo agora “retocar” o Pacto de Toledo e
capitalizar e instrumentalizar as loitas de xubilados, de pensionistas,
e de mulleres.
4.-Os servizos públicos: sanidade, educación,
transporte, coidados... son obrigas do estado para con nós. A clase
traballadora crea a riqueza e contribúe cos seus impostos para que estes
revertan en nós. A xestión privada da sanidade e da educación implica
que se faga negocio coas nosas vidas e coa nosa formación. Tanto unha
coma a outra deben quedar fóra das mans da especulación e do negocio. As
privatizacións levan a que os traballadores e traballadoras do público
sexan cada vez menos e con peores condicións, repercutindo nos usuarios
dos servizos. Pretenden crear unha opinión pública crítica cos servizos
públicos para poder privatizalos. Cando entren en quebra volverán os
cartos públicos para rescatar o negocio, sanealo e volvelo privatizar.
En canto aos coidados só cabe dicir que non existen, estes quedan nas
mans das mulleres, sen remunerar e à conta das pensións ou dos ingresos
que entren nos fogares.
5.-Vivenda digna: non pode haber casas sen
xente nin xente sen casa. A vivenda non pode estar suxeita á
especulación, ao enriquecemento duns poucos, mentres as familias son
botadas para a rúa. Esiximos políticas sociais de vivenda pública que
garantan a todo o mundo unha vivenda digna.
6.-Igualdade: o pasado 8 de marzo as mulleres
puxeron un punto e aparte na historia. Fixeron evidente que o mundo non
pode funcionar baixo os parámetros do capital e do patriarcado. Chegaron
os tempos nos que as mulleres deben asumir as posicións. Defendemos un
mundo xusto e igualitario e debemos traballar para que o mérito e a
capacidade, e non o xénero, sexan os requirimentos, básicos e lóxicos,
que estean por riba de calquera outro e os homes entender que non pode
existir monopolio desas posicións. Se as que estamos aquí defendemos un
mundo xusto e igualitario debemos traballar para que o mérito e a
capacidade sexan os requirimentos… en ningún caso o xénero.
Compañeiras e compañeiros, este 1º de maio debe ser tamén un punto
e aparte para que tomemos conciencia de que todas as persoas,
organizacións e colectivos sociais, os inmigrantes, os pensionistas, os
estudantes, as mulleres, os desafiuzados das súas casas e dos seus
empregos, os represaliados por loitar, a clase traballadora en xeral,
deben manifestarse dende a DIGNIDADE de clase, para exercer o
protagonismo e xuntos, de forma unitaria, esixir:
•
A derogación das dúas últimas Reformas
Laborais.
•
A derogación da Lei Mordaza e unha Amnistía
Social para as persoas encarceradas, procesadas e despedidas dos seus
empregos ou multadas por loitar.
•
A Renda Básica dos iguais como garantía
de supervivencia.
•
Servizos Públicos como dereitos esnciais
das persoas.
•
Empregos, salarios e pensións estables e
dignos.
VIVA O 1º DE MAIO !!! VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA !!!