• Número 392
  • 30 de abril de 2018

Opinión - Ruth Toledano

Urxe unha transición

Avanza un proceso de persecución e acoso contra a disidencia en calquera grao

Avanza un proceso de represión por parte do Estado do que cada día coñecemos un novo e grave episodio pero que non sabemos onde nos conduce. Ou si: por definición, seguro que a nada bo; que llo digan aos detidos, imputados e encarcerados, que llo digan (dígannolos?) aos vixiados. É un proceso de persecución e acoso contra a disidencia en calquera grao, desde as persoas activistas (cidadanía responsable e comprometida) ao alegre e linguaraz tuiteiro. Un proceso que alcanza o paroxismo do autoritarismo máis ridículo en episodios como prohibir a entrada a un estadio de fútbol cunha peza amarela. É difícil concibir maior estupidez, só que cando a estupidez é represiva deixa de ser inocua. E, en termos de comunicación política (a represión éo: lanza unha mensaxe inapelable), non pode haber nada máis amarelista que perseguir a cor amarela. Oxalá quedase en xogo de palabras, pero non.

O proceso que avanza produce un dobre asombro: pola súa dureza e porque non estamos a ser capaces de frealo. Ante o que sucede cada día (esas detencións, esas imputacións, eses encarceramentos) hai algo que deberiamos facer e non estamos a facer. Quizá por desgaste, por fartura. Quizá porque non sabemos que facer. O desgaste e a fartura conveñen ao sistema, son benvidos polas institucións do Estado ao servizo da represión. Nada novo baixo o sol: o mellor para a manipulación, o esgotamento. É no que a nós respecta, é dicir, en non saber que facer respecto diso, onde hoxe encallan a nosa acción e o noso ánimo político. A semana pasada detiveron en Tenerife a un activista social por escribir en Facebook “os Borbóns ás quenllas”. Máis de seis vehículos policiais presentáronse na súa casa e Roberto Mesa foi detido, esposado e conducido ata dependencias da Policía Nacional, onde foi retido e posto a disposición xudicial. Está en liberdade provisional tras declarar ante o xuíz por un presunto delito de odio e inxurias á Coroa, recollido pola Lei Mordaza (tan mal lle vai á Coroa que necesita dun delito específico?).

Tendo en conta que o caso do activista Mesa é só un exemplo entre moitos, cabe que nos preguntemos: que facer ante este abuso de poder?, como debemos reaccionar? Se os mecanismos de control dese poder xa non son suficientes, se a información exhaustiva xa non é suficiente, se a experiencia previa non serve, que podemos facer? Son preguntas ás que debemos atopar resposta. Xa non basta só con resistir, pois as expectativas non parecen favorables e o aparello represor vai a toda máquina. Á súa dinámica corresponde á existencia de presos políticos, cataláns e non cataláns (recomendo este  artigo de Ramón Cotarelo e apoio a creación da 'Comisión Chomsky'). Á súa dinámica corresponden o agresivo “dispositivo de seguridade” que protexe a Cifuentes dos xornalistas; a admisión a trámite por un Xulgado de Madrid da querela criminal que a devandita presentou contra Escolar e Ejerique por informar sobre a corrupción do seu mestrado; a investigación xudicial a Willy Toledo por cagarse en deus… Xa só son un puñado de exemplos entre centos.

Ante este panorama resulta evidente que a calidade democrática española é moi deficiente e que é urxente a defensa duns dereitos fundamentais –como son a liberdade de expresión e a liberdade de prensa- que están a ser vulnerados con crecente autoritarismo polo Goberno de Rajoy, co apoio do poder xudicial e os seus brazos policiais e coa conivencia da Coroa. Ante esta perda cada vez máis preocupante de control social, urxe repensar os mecanismos de rexeneración democrática, urxe o rescate dun Estado ao verdadeiro servizo dos cidadáns, urxen políticas de cambio contundentes, urxe reconsiderar o modelo de Estado e a cuestión territorial. Urxe buscar o camiño para avanzar en sentido contrario á represión. Porque nos estaban deixando en pelotas en sentido figurado pero agora xa é sentido estrito se vistes de amarelo. Con este ou calquera goberno do PP ese camiño non é posible, como non o será cun rei que non só se puxo á súa espuria disposición senón cuxa existencia institucional está tan cuestionada como para xustificar unha consulta popular sobre a súa permanencia. Urxe unha transición. Pero estamos tan encallados que dá vertixe. 

Zona Crítica