• Número 392
  • 30 de abril de 2018

DIGNIDADE. A folga na xustiza continúa

O persoal de Xustiza vota "non" ao preacordo da Xunta con catro sindicatos para pór fin á folga

A Xunta e o PP cargaron con dureza contra os tres sindicatos en contra do acordo antes de coñecer o resultado das votacións

Sorpresa. O persoal de Xustiza rexeitou o polémico preacordo ao que chegara a Xunta con catro dos tres sindicatos con representación no comité de folga para poñer fin ao conflito e a 80 días de paro indefinido que provocaron a suspensión duns 22.000 xuízos. Cando o Goberno galego --e mesmo os traballadores-- daban por feito que o si vencería na consulta e que o funcionariado aceptaría a proposta da Administración, o reconto finalizou nun inesperado resultado. 

O non impúxose, segundo os datos facilitados polos sindicatos, en catro das sete sedes xudiciais onde se levaron a cabo as votacións (Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo), mentres que en Santiago, Ourense e na Coruña o si ao preacordo foi maioritario.

Por cidades, en Vigo gañou o non por 204 votos a 112, ao igual que en Ferrol (54-49), Pontevedra (184-50), Lugo (86-54). Na Coruña, o si ao acordo impúxose por 237 votos a 172, en Ourense por 135 a 102, mentres que en Santiago gañou con máis diferenza: 109 votos a favor por 34 en contra. O rexeitamento ao preacordo impúxose con case o 53% dos votos. Foron 746 votos a favor e 836 en contra

Este resultado supón unha nova reviravolta nun conflito que parecía chegar ao seu fin tras a última oferta da Xunta a catro das centrais --desvelado polo vicepresidente Rueda a pasada semana e aceptado este xoves por estes sindicatos-- e logo da evidente división sindical que se deu no comité de folga. Pero non rematou. A folga seguirá, superará os 80 días e o conflito enquístase aínda máis. Fontes do persoal sitúan no enfado de boa parte del coa actitude da Xunta ante as súas reivindicacións un dos motivos fundamentais para que a votación acabase coa negativa a este acordo. 

As votacións, que comezaron ás nove da mañá, desenvolvéronse con tensión en varias das cidades. Ao tempo que unha parte dos traballadores de Xustiza acudía a depositar a súa papeleta, os tres sindicatos en contra do acordo celebraban concorridas asembleas para explicar a súa postura nas que se manifestaba o non ao devandito acordo. En Vigo e Pontevedra houbo enfrontamentos verbais e foi requirida a presenza de forzas de seguridade. "Dignidade", "traidores", "vendidos" ou "que vote a policía" foron algunhas das proclamas. 

Desde CCOO, UGT, USO e CSIF --que suman o 60% da representación-- acusaron os outros sindicatos de intentar "boicotear" as votacións, mentres que CIG, AX-CUT e STAJ denunciaron un "auténtico pucheirazo" pola "falta de garantías de control" dos votos. De feito, estas últimas centrais daban por segura a vitoria do si desde primeiras horas ao ser "unha votación controlada e organizada" polos partidarios do preacordo. Pero non foi así. Nalgunhas urnas, traballadores introduciron moedas en lugar de papeletas para amosar o seu desacordo co pacto alcanzado coa Xunta, pero foron moitos os que se uniron para acudir a votar non entre reproches aos organizadores da consulta. 

Desde a Xunta, o vicepresidente Alfonso Rueda, principal diana das críticas dos sindicatos desde que comezara a folga o pasado 7 de febreiro, asegurou que os sindicatos que protestaron este venres "aínda se retratan máis" e lamentou os "incidentes". Ademais, cre que a súa actitude "confirma" a súa teoría de que hai centrais "que non tiñan interese en negociar nin en que rematase a folga". Desde o PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, elevou o ton para pedir "á oposición" que "explique o seu apoio a comportamentos radicais de sindicatos que son capaces de ameazar compañeiros". A formación conservadora empregou varias das súas canles nas redes sociais para difundir vídeos nos que acusaban de "coacción" a traballadores da Xustiza. Todo antes de coñecerse o resultado. 

O acordo, segundo defenden os sindicatos asinantes, supoñía que se conseguise o obxectivo inicial de que as remuneracións do persoal de Xustiza en Galicia fosen"xustas" e se situasen na media das comunidades autónomas tras comprobar que a oferta económica da Xunta era xa "inamobible".

Esta proposta situaría de inmediato os funcionarios galegos, segundo as táboas difundidas polos sindicatos convocantes da votación, en noveno posto --entre doce comunidades e un territorio do Ministerio de Xustiza-- en canto á retribución do complemento autonómico no caso dos xestores, sétimo no dos tramitadores e sexto nos corpos de auxilio. En 2019, os xestores avanzarían unha posición ata a oitava, mentres que tramitadores e auxilios serían cuartos; e en 2020, con todo o incremento aplicado, os xestores serían sextos e os demais continuarían na cuarta praza. O Goberno galego incluíu tamén unha cláusula que garante que o funcionariado galego non caería nunca por baixo da sexta posición nestas táboas. 

Ademais, os sindicatos convocantes aclaran que se confirman os acordos xa avanzados anteriormente que inclúen a ampliación dos supostos de incapacidade laboral transitoria nos que se percibe o 100% das retribucións, unha compensación económica que retribúa a diferenza de soldo do persoal funcionario que realice unha substitución nun corpo superior, a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración e a amortización de prazas prevista no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.

Diferenzas entre os sindicatos

O resto de sindicatos, pola contra, explicaron nun vídeo as razóns polas que non aceptaron o preacordo. Aseguran que o plan de recuperación do traballo polo paro "non é admisible" porque moitos dos traballadores que foron á folga "quedan excluídos". Ademais, denuncian que a cláusula de revisión condénaos "para sempre" a só garantir que se revisen os complementos "de alcanzar a sétima praza" na táboa de retribucións por autonomías. En canto ao aumento salarial, advirten de que neste 2018 "oscila entre os 61 e os 67 euros, moi lonxe dos 300 euros que di o Goberno e en contra do mandato parlamentario". "Son cantidades moi afastadas do que se reclamaba inicialmente e do que aínda a última semana se defendía", insistiron.

No preacordo votado este venres, a Xunta ofrece un aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para os tramitadores e 122 para auxilios. Sería aplicable en tres anualidades, percibindo o funcionariado o 50% deste incremento neste ano e tras validarse o acordo, o 30% en 2018 e o outro 20% en 2020. 

Os outros tres sindicatos --e o comité de folga ata este mesmo xoves-- defenden un incremento liñal e para todos os corpos de 140 euros que fose aplicable nun 60% de inmediato e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2018 e o restante aumento en senllas partes do 20% en 2019 e 2020.

Sexa como for, a Xunta acabou por aceptar un incremento malia advertir en numerosas ocasións que non mudaría ofertas que foron sistematicamente modificadas. O funcionariado, que empezou reclamando un incremento de 400 euros mensuais para cada traballador, acabou por reducir ata 190, 180 e 140, a última proposta unitaria do comité de folga, que se dividiu finalmente ao aceptar catro sindicatos un acordo coa Xunta que implicaba un aumento de entre 140 e 122 euros segundo a categoría do persoal, aplicable máis de vagar nos vindeiros tres anos que na demanda anterior.

Agora, o conflito queda nun punto de difícil solución: cunha Xunta que cría arranxado o conflito e un comité de folga dividido. Cunha parte celebrando o resultado das votacións, como se pode apreciar no vídeo anterior, e outra asumindo un resultado que, moi posiblemente, non agardaba. 

Praza Pública