• Número 392
  • 30 de abril de 2018

Universidade

26/04/2018. Reunión do Consello de Goberno e Consello Social

No Consello Social confirmouse a modificación da RPT que permitirá a toma de posesión no grupo A2 das persoas que superaron a promoción

O feito de que as reunións destes órganos de goberno da Universidade se realizara en xoves impediu que transmitísemos no PASquín anterior as ordes do día das respectivas convocatorias. Como facemos habitualmente, asistimos a estas xuntanzas para ter unha interlocución directa co equipo de goberno e co resto da comunidade universitaria.

Reunión do Consello de Goberno

Orde do día

Informe do reitor:

·         O reitor felicita aos novos reitores das universidades de Vigo e Compostela.

·         Felicítase pola conxelación de taxas decidida pola Xunta de Galiza. Tamén mostra a súa satisfacción pola decisión de rebaixar á metade as taxas dos mestrados, feito que segundo sinalou equipara estes estudos aos de grao. A redución da recadación de taxas que supón esta última circunstancia obrigará ás universidades a renegociar a participación económica da Xunta nas universidades galegas.

·         Neste período non houbo reunión da CRUE. Na última das reunións esta universidade requiriu unha acción contundente no caso do mestrado da xa ex presidenta da Comunidade de Madrid.

·         Si tivo unha reunión na CRUE para “desbrozar” a lei de contratos. Sinala que hai que adaptarse a un novo cambio de cultura na xestión que prima a claridade no gasto. Remata sinalando que imos ter un ano complexo na xestión económica.

Xerente

Toda a intervención xirou arredor da aplicación da lei de contratos. Sinala que desde a Xerencia procúrase:

·         Aplicar a lei.

·         Que non se paralice a actividade económica da universidade. Sábese que as circunstancias actuais causan trastornos en tódolos ámbitos da xestión, esta coxuntura unida ao concurso de traslados orixina situacións non desexadas na xestión económica.

Establece que nas circunstancias actuais o contrato menor ten que ser unha excepción, recorda que hai que motivar e xustificar a iniciación do procedemento de gasto.

Coas medidas adoptadas até o momento, inténtase estabilizar a situación até que se establezan as normas de máis calado. Hai unha ferramenta na web para solucionar dúbidas. Vaise ir polos campus para saber, de primeira man, as dúbidas e problemas na implantación da lei.

Secretario xeral

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas realizarase no Paraninfo da Universidade, o luns día 14, a actuación da cantante Ses, antiga alumna desta Univesidade. Agradece a xestión realizada desde o Servizo de Normalización Lingüística.

Puntos da Orde do día de interese:

5. Proposta de aprobación, do Sistema de Garantía de Calidade dos centros da UDC e da Escola Internacional de doutoramento da UDC

A vicerreitora pide desculpas porque a documentación vai en castelán. Sinala que non recibiran do Servizo de Normalización Lingüística o texto revisado.

Moisés Canle, manifesta as súas dúbidas sobre a participación das UXAI e UADI no sistema de garantía de calidade que se reflicte no "Manual del sistema de garantía de calidad de la Escuela Internacional de Doctorado de la Universidade da Coruña".

A vicerreitora sinala que as Unidades de xestión realizarán as mesmas funcións que viñan facendo até o momento.

O reitor intervén para sinalar que tanto as UXAI como as UADI seguirán as liñas xerais de traballo marcadas desde o ano 2013.

15. Quenda aberta de intervencións

Representación do PAS:

·         Congratúlome de que se requira na CRUE contundencia na resolución do mestrado de Cifuentes. A universidade pública, neste proceso xa perdeu credibilidade, queda agora por dilucidar como se sae deste asunto. Se non se actúa con esa contundencia que se require o dano aínda pode ser maior.

·         Estase a proceder á migración das contas de correo a Office 365. Os datos que até agora están nun servidor propio e controlados directamente pasan a este novo entorno. Temos constancia, por revistas especializadas, de ataques á suite 365 de Microsoft. Hai algún estudo sobre a seguridade?. De habelo que seguro que o hai, solicito se poña a disposición de todas as persoas do Consello de Goberno.

·         No anterior Consello de Goberno, condicionada á aprobación da Consellería de Facenda, aprobouse unha modificación da RPT  consecuencia da promoción interna á escala de xestión da udc- subgrupo A2. Supoño que esa circunstancia está constatada porque hoxe vai esta modificación na Orde do día do Consello Social.

·         Sobre este asunto gustaríame saber a previsión temporal de toma de posesión destas compañeiras e compañeiros.

·         Urxir, de novo, á Xerencia a rápida negociación da Oferta de Emprego Público do ano 2018 coa finalidade de acumulala ás anteriores ofertas.

Respostas

Reitor

Descoñece que houbera problema coas contas en Office 365. Optouse por este entorno porque garante a reversibilidade de datos e enténdese que ofrece a maior garantía a nivel de seguridade. Os técnicos do Servizo de rede e o adxunto fixeron estudo detallado da seguridade do sistema e confía tanto no servizo como no propio adxunto. Non hai ningunha necesidade de informe.

Xerente

·         Sobre a modificación da RPT e conseguinte autorización da Consellería de Facenda sinala que aínda non recibiran esa autorización, falou cos técnicos, solucionáronse algúns puntos de fricción e estase á espera da certificación asinada polo responsable. Hoxe, no Consello Social, aprobarase de ser o caso, coa mesma condición que a establecida para a súa aprobación no Consello de Goberno.

·         Sobre un posible calendario para a toma de posesión das persoas que superaron a promoción ao subgrupo A2 sinala que é impredecible porque aínda non se ten a autorización da Consellería. En canto se cumpra este requisito enviarase ao DOG, posteriormente, unha vez publicada a modificación da RPT, tomarán posesión.

·         A Xerencia acaba de enviar unha nova proposta de Oferta de Emprego Público para o ano 2018, convoca ademais á Xunta de Persoal a unha reunión o vindeiro día 2 de maio. De se axilizar o proceso tanto de promoción interna como de quenda libre conta con cumprir o prazo para que se poida acumular ás anteriores Ofertas.

 

Reunión do Consello Social

Orde do día

Ás 19 horas reuniuse, no CITIC o Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña. Despois dunha visita guiada ao centro realizouse a reunión coa Orde do día que se nos remitiu un día antes da realización do Pleno.

Punto 8 .- Informe da Universidade sobre unha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña.

Aprobado por unanimidade, condicionado á aprobación da Consellería de Facenda