• Número 392
  • 30 de abril de 2018

Loita Obreira

Jeff Bezos recibe un premio en Berlín mentres centos de traballadores de Amazon marchan en protesta

Centos de traballador@s de Amazon de toda Europa protestaban pola súa precariedade económica e laboral

Jeff Bezos é o home máis rico do mundo, cunha fortuna de 125.000 millóns de dólares estadounidenses. O mércores recibiu o premio Axel Springer polo seu "espírito emprendedor visionario". Como é que unha persoa consegue tanto diñeiro? Explotando a man de obra de cheas e cheas de traballadores.

Durante a cerimonia de entrega de premios na Torre Axel Springer de Berlín o mércores pola noite, centos de traballadores de Amazon reuníronse fóra para protestar contra o seu xefe. Esixían mellores salarios, representación sindical e o fin da vixilancia constante. Os traballadores de Amazon son aterrorizados regularmente polos seus patróns coas chamadas “feedback conversations” ("conversacións de retroalimentación"). Así é que querían dar o seu propio feedback a Bezos: "Os nosos salarios son demasiado baixos!"

Os traballadores reuníronse en seis diferentes Centros de Abastecemento en toda Alemaña. O sindicato do sector de servizos ver.dei convocou unha folga. Tamén houbo unha gran delegación de Polonia, con bandeiras branco-azuis do sindicato Solidarność e bandeiras vermello-negro do sindicato anarquista-sindicalista Inicjatywa Pracownicza. Máis traballadores viñeron de centros de Amazon do Estado español e Italia, e houbo mensaxes de solidariedade de Estados Unidos.

Marc Blanes, un traballador e delegado do sindicato CXT no almacén de Amazon en Madrid, informou sobre a súa primeira folga o 21 e 22 de marzo - un 95 por cento dos traballadores participaron! "Pero sabemos que un só Centro de Abastecemento non pode facer nada contra un monstro xigantesco como Amazon", dixo Blanes no seu discurso. "Necesitamos unha folga europea!"

O mitin foi preparado pola burocracia do sindicato ver.dei -que contratou a unha banda profesional de samba e mesmo alugou un jumbo-tron. Os discursos viñeron de Bernd Riexinger, co-líder do partido de esquerda DIE LINKE, e Andrea Nahles, presidente do SPD socialdemócrata. Nahles foi apupada cando tentou falar. A xente gritaba: "Vaite á merda!" e "Quen nos traizoou? "Socialdemócratas!" Nahles, como Ministra de Traballo de Merkel hai menos dun ano, e o seu partido, son responsables das reformas laborais que legalizaron o tipo de contratos limitados nos que se sostén Amazon.

Axel Springer foi o fundador dun imperio mediático de dereita en Berlín Occidental, como o Rupert Murdoch de Alemaña. A súa compañía aínda publica o xornal máis lido do país (se se pode chamar xornal a un tabloide racista como o BILD).

Izquierda Diario