• Número 392
  • 30 de abril de 2018

Non é abuso, é violación. Ana I. Bernal Triviño

Cando violarnos non custa nada

¿Que máis temos que demostrar para que nos consideren violadas?

O primeiro que se me pasou pola cabeza foi ela. A vítima da Manda. O que sentiría, revivido e lembrado tras escoitar o fallo xudicial. Quédanos ler ben a sentenza, pero a mensaxe foi clara: non hai violación, só abuso sexual, e 9 anos de condena. Nuns 3 anos, poderían acceder aos permisos penais. Lonxe quedaron as peticións de 22 e 24 anos de cárcere.  

Que máis temos que demostrar para que nos consideren violadas?

Que máis temos que demostrar, mesmo con vídeos que rexistran a cinco tiarrons que te acurralan nun portal, cálante, íspente e penétrante por boca, ano e vaxina, e exaculan sobre ti, e déixante espida, tirada como un refugallo, onde ademais che quitan o móbil para que non pidas axuda?

Que máis queres, xustiza, para que consideres que isto é violación non un abuso sexual? Que nos perforen? Que nos maten?

Isto nun país onde ocorre unha violación cada 8 horas. 1 cada 8. Que non se nos esqueza, son datos do Ministerio de Interior. Achegádevos a calquera centro de terapia de violencia sexual e veredes que isto pasa todos os días. TODOS os días.

A lección que a xustiza nos quixo dar ás mulleres é que se te sometes, non é violación. Dá igual se consentes ou non. Non é violación, é abuso. É coma se dixésennos: “se te quedas en shock, síntoo, haberte espabilado, enfrontarte a cinco tiarróns a risco de saír con vida”. As alternativas que nos deixan é…. ou nos sometemos e que a xustiza negue a violación; ou nos enfrontamos e acabar, probablemente, como Nagore ou Diana Quer: mortas. Mesmo mortas pódenos pasar como a Nagore, que non se considere asasinato, senón homicidio. Así xa non só sae barato agredirnos, senón matarnos.

Outra perversa mensaxe é para as mulleres violadas. Se cinco tiarróns de 27 anos métente nun portal e penétrante por todo o que teñas dispoñible non é violación… que imos esperar cando nos viole un só? Ou máis aló, que imos facer cando nos viole a nosa parella? Levo só unha hora tras a sentenza e teño dúas compañeiras agredidas que me din que non pensan enfrontarse a un proceso xudicial para acabar desta maneira. Denunciar non é un entretemento, é revivir a agresión, é revivir o medo.

A lección que tamén nos dá a xustiza é un efecto chamada ás Mandas ás que quita peso e responsabilidade, para pasar, como non, a nós. Unha mensaxe de: “ben, si, é abuso, pero tampouco tan grave”. Esa idea que un dos avogados, Agustín Martínez, explicou de forma elocuente con que non era máis que unha gravación “pornográfica”. Eses mozos que escribían mensaxes de Whatsapp onde planeaban violacións con burundanga.

Despois do 8M, de todo o que avanzamos de concienciación do acoso sexual, do #MeToo… esta sentenza é parte da resposta patriarcal que sempre sucede ao auxe do discurso feminista. É o mantemento do discurso da cultura da violación, a sospeita de que a violación é provocada e consentida en parte, de que hai un modelo de vítima que debe cumprirse.

Non esquezamos que mesmo se cuestionou como a vítima sentaba no xuízo como argumento. A ver se empezamos a entender que podemos ser violadas e o dereito para refacer as nosas vidas sen ser xulgadas. Podemos ser violadas e recuperarnos co tempo. Podemos ser violadas e querer sentir, ligar, namorarnos ou ter sexo con outras persoas ás que si consentimos. Podemos ser violadas e normalizar a nosa vida na medida do posible, como calquera psicólogo recomenda. Quérennos pechadas en casa chorando? Sen comer? Afundidas? Quérennos ao bordo do suicidio? Avergoñadas e coa cabeza baixa? Ese machismo que nos di que sempre imos de vítimas reclama agora ese papel e irrítase cando somos sobreviventes? Cando nos rouban e imos a xuízo, avalíannos como nos sentamos? Nos propios cursos de protección de recursos humanos dinche que se traballas nunha tenda, e róubanche, non forces, non te opoñas… porque o importante é saír con vida. Por que este dobre baremo para uns casos si e outros non? Moi fácil: porque se chama sociedade patriarcal. Chámase machismo.

Esta sentenza deixa moitas cuestións que se chegan a perpetuar e que non se condenan de forma frontal e contundente. É o camiño para seguir sendo consideradas como obxectos e non persoas. É o camiño que expón de novo que a violación dos dereitos da muller quedan nun caso illado, anulando o propio sistema, e que se engloba dentro dun asunto de dereitos humanos. Este caso perpetúa disfrazar as violacións como sexo. Este caso deixa sen condenar de forma enérxica ás mandas, que asocian estes actos como forma de lecer e entretemento, onde pasamos a ser bonecas inchables. Deixa anulado que, ademais de que NON é NON, o silencio non é consentimento e que só si é si, sen intimidacións nin ameazas. Lembremos que ata tres membros da Manda afirmaron NON existir consentimento por parte da vítima.

Con esta sentenza xa sabemos que a partir de agora se se nos achegan un, dous, tres, catro ou cinco tiarróns, adultos, do dobre do noso tamaño, que nos fan unha encerroa, acurrálannos nun portal, íspennos sen consentimento, penétrannos oral, vaxinal e bucalmente, e exaculan sobre nós pase a ser considerado só un “abuso” se quedamos paralizadas. Tamén vai ser agora a nosa culpa reaccionar así, como non.

Xusto agora creo que hai que recuperar parte da declaración da vítima durante o xuízo: “Tíñanme agarrada das bonecas, entón para calarme tíñanme tapada a boca e recordo que me foron agarrando das bonecas ata que chegamos a unha porta que é como dun cristal tépedo (…) E empecei a ter máis medo cando me agarraron así da mandíbula para achegarme e que lle fixese unha felación. E cando xa tiña un deles agarrada así, notei como outro me collía da cadeira e baixábame os leggins e o tanga. E xa nese momento estaba totalmente en shock, non sabía que facer, só quería que pasase e pechei os ollos para non decatarme de nada e que todo pasase rápido”.

E despois disto, se non vos produce náuseas, lede o voto particular do xuíz que ditou absolución: “A expresión no seu rostro é en todo momento relaxada e distendida e, precisamente por iso, incompatible ao meu xuízo con calquera sentimento de medo, temor, rexeitamento ou negativa (…). O que me suxiren os seus xestos, expresións e sons que emite é de excitación sexual”.

Calquera que sexa muller e lea isto sentirá un calafrío. Estamos vendidas. Pésame a dor da falta do rexeitamento radical e unánime contra a violencia machista, e a confirmación de que na xustiza queda moito por facer, e de forma urxente. Urxentísima. Entre outras cousas, comprender e entender as reaccións dunha muller agredida e violada. Porque mentres aprenden, viólannos e mátannos. A xustiza e quen a compón teñen que entender o alcance desta violencia e os procesos psicolóxicos das vítimas agredidas ou sempre ocorrerá isto. Aprendede que o medo paraliza. E a partir de aí anúlase a capacidade de reacción e todo o que se fai nin é consecuente nin baixo control. Para quen non poida entendelo, o resumo do que nos xogamos nesta sentenza é a vida. A nosa vida. Porque cada vítima represéntanos a nós nun futuro.

Como muller penso que esta sentenza é máis que un “desacerto”, como escoitei hoxe. É o descaro de dicirnos á cara que valemos moi pouco, é o despropósito de ningunearnos, é o disparate de sentenciarnos a ser violadas con complicidade xudicial, é a desvergoña de deixarnos indefensas, é a frivolidade de ser tratadas como cousas.

Estes días imos falar da sentenza. E ímola mirar con lupa. E advírtoo porque virán lexións a darnos estes días clases de dereito e diranos que respectemos sentenzas xudiciais, xusto os que noutras circunstancias non calan. Así, que leccións, nin unha.

O caso da Manda non termina aquí e, máis pronto que tarde, haberá recurso. Tamén lembro que parte da Manda segue con outra causa pendente en Pozoblanco, de cuxa vítima me acordo tamén hoxe moitísimo. Isto é só unha pausa no camiño. Pero non imos dar nin un paso atrás. Vannos ter enfronte con máis forza que nunca.

***

Compañeira, quizais nunca leas isto, pero oxalá nun día como hoxe sintas o abrazo de todas nós. Non te imos a deixar soa. Xamais.

Público