• Número 392
  • 30 de abril de 2018

CUT - Alternativas na Xustiza

Os sentimentos de dous sindicalistas o día da traizón ao sindicalismo que ningún esqueceremos

Ao final, conseguimos unha cousa moito máis importante que o vil metal, e que Rueda e amigos non poderán arrebatarnos. RESPECTO E ADMIRACIÓN

Entre berros de "vendidos" e "traidores" rematou este xoves a última reunión entre a Xunta e o comité de folga da Xustiza. As palabras saían de representantes de tres sindicatos (CIG, STAJ e Alternativas na Xustiza-CUT) e ían dirixidos aos dous outros catro (SPJ-USO, UGT, CCOO e CSIF), que viñan de aceptar o preacordo presentado a pasada semana polo Goberno galego tras negocialo con estas centrais á marxe das outras, que o rexeitan ao considerar que non cumpre coas demandas dos traballadores.

Catro tontos útiles

Na xerga policial, idiota útil ou imbécil útil, é aquel que sen querer, é usado por outra persoa para alcanzar un fin. Este termo podería ser usado na folga da xustiza galega, onde o partido máis corrupto de Europa, o Partido Popular, usou a catro dos chamados sindicatos mansos CSIF, UGT, CCOO e USO, para acadar o seu fin, terminar unha folga que ata a data, os traballadores e traballadores da xustiza galega levaron con orgullo e dignidade.
Os chamados "vendidos" por gran parte dos traballadores utilizaron esta folga e ós seus traballadores para obter un acordo que non satisface os esforzos e os malos momentos vividos por un grupo de traballadores que sufriron o abuso e a prepotencia do partido popular e os seus medios de comunicación afins.

Este acordo nin alivia nin palia os malos momentos sofridos por un colectivo, sempre iñorado, nos medios materiais, nos medios laborais e agora tamén nos medios persoais.

Vendéronnos, os nosos irmáns, as persoas que deberían loitar por nós e polos nosos dereitos.

Espero que estas bágoas de rabia que agora corren polas miñas meixelas se tornen en bágoas de orgullo no futuro.

Orgullo para todas e todos os traballadores que secundamos esta folga, orgullo pola solidariedade que demostramos, orgullo polo compromiso cos nosos iguais, orgullo por demostrar amplamente a forza da nosa reclamación.

Desgraciadamente, os tontos útiles non o entenderon así.
Agradezo a todas e todos o esforzo destes 79 días de folga.

Lamento que isto non terminase de forma máis digna para tod@s.

O que teño claro é que vos non fallásedes nisto.

Pídovos perdón por non poder acadar un acordo mellor que todos e todas ven o tiñades merecido.

Unha aperta a tod@s.

DIGNIDADE E RESISTENCIA

JOSÉ ANTONIO GARCÍA - SOCIAL 3 LUGO E DELEGADO SINDICAL DE CIG 

* * * * * * * * * * * * *

Hoxe pola mañá chegabamos con ilusión a unha nova reunión… polo camiño un funcionario da Xunta, ao ver as nosas camisetas, díxonos que estaba orgulloso de nós e da coraxe que tiñamos aguantando unha folga histórica.

Pouco durou a miña satisfacción: un acordo denostado unha semana antes por unanimidade dun COMITÉ DE FOLGA,  era recibido con entusiasmo por unha maioría do mesmo. 

Eu, entre atónita e indignada preguntábame qué ocorrera para que o mesmo acordo, unha semana máis tarde fora da satisfacción da maior parte de integrantes do Comité. 

A continuación vin como sindicalistas, homes e mulleres bregados nisto das puñaladas sindicais, estaban con bágoas nos ollos, como os traballadores que alí se atopaban, tamén con bágoas comezaron a berrar “traidores”, sen dar nomes…. Non facía falta……

Pero había que dar unha rolda de prensa. Eses xornalistas que nos acompañaron durante estes meses así o merecían. É certo que nalgúns momentos non puiden reprimir bágoas, de frustración, de impotencia… de cómo se podía facer iso a uns traballadores que o deron todo durante 79 días de loita.  Que cantaron, bailaron, gritaron e se esforzaron  cada día connosco. Connosco saíron á rúa en manifestacións que lembraremos sempre. 

Bágoas, ao darme conta de que isto non é HOLLYWOOD, onde ao final a película sempre acaba ben. Onde o bó, neste caso @s traballador@s, ao final obteñen o que merecen ( neste caso un acordo xusto) e o/os malos (Rueda e amigos) dimitindo. 

Ao terminar a comparecencia ante os medios, asombrada decateime  do orgullosa que a xente se sentía de nós, xornalistas abrazándonos, policías mostrándonos a súa pena por este fracaso…. Ao final, conseguimos unha cousa moito máis importante que o vil metal, e que Rueda e amigos non poderán arrebatarnos. RESPECTO E ADMIRACIÓN. Respecto e admiración, iso é o que hoxe, ao final do día me levo a casa. 

O meu respecto e admiración por tod@s, compañeir@s de loita e de fatigas. Non podo estar máis orgullosa de todos vos. Foi un pracer loitar xunt@s.

NURIA FORNOS - DELEGADA SINDICAL DE AXG-CUT