Quen gaña nas eleccións á reitoría da Universidade de Vigo?

Ademais da reitoría e o claustro, o
23 deste mes tamén haberá urnas para elixir os representantes aos
consellos de departamento e representantes ao comité internacional da
escola internacional de doutoramentos.
Poderíase dicir que a Universidade de Vigo está a
piques de renovar as súas institucións democraticamente, pero que
renovación se expón, e que pode ter esta elección de democrática
realmente?
O candidato “oficialista”, polas lista “Ideas que
suman”, é Emilio Fernández Suárez, director do “Campus do Mar”, con
financiamento público-privado, e catedrático en Ecoloxía. Foi director
xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta, de 2005 a 2008, co goberno
bipartito de PSOE e BNG.
Gozou dun posto de responsabilidade nun goberno de
“esquerdas”, pero promocionou o Plan Bolonia. Un plan, que como sabemos
tivo graves consecuencias, como o aumento do custo dos estudos, a
progresiva elitización e privatización da universidade, e a perda da xa
deficiente “democracia universitaria”, incorporándose “Consellos
Sociais”, con presenza de políticos e empresarios.
Hai pouco Emilio Fernández afirmou: "Somos
continuistas, pero do ben feito por todos", que non cre que os
“investigadores teñan que ter unha praza asegurada”, ou que manterá como
prioridade o teito de déficit da universidade. En definitiva, proponse
continuar coa política do goberno da Universidade de Vigo que permite a
precarización coas subcontratas de servizos e utiliza o superávit da
institución para a colaboración “público-privada”, mentres hai
estudantes que non se poden custear os seus estudos, ou investigadores
que non cobran.
Por outra banda, entre a lista de persoas que o
apoian figuran antigos membros da oposición. Apoian a súa candidatura ex
reitores como Alberto Gago, da súa mesma lista “oficialista”, e José
Antonio Rodríguez Vázquez, no seu día do grupo opositor.
Participan tamén os candidatos que perderon contra
o actual reitor ( Salustiano Mato), Jaime Cabeza, e contra Alberto Gago,
José Luis Legido. Non sorprende que isto sexa así coñecendo como se
desenvolveu a anterior elección. Salustiano Mato foi “reelixido” en 2014
sendo o único candidato e coa participación máis baixa da historia, con
tan só 751 votos a favor, 908 votos en branco e 291 votos nulos. Cunha
participación menor do 8%, o actual reitor só tivo o apoio dun 3% da
comunidade universitaria.
O outro candidato para o 23 de abril é Manuel
Reigosa, pola lista “Horizonte 2040”, que xa foi vicerreitor desde 2005
a 2008, tamén durante o goberno bipartito. Tamén permitiu e promocionou
de preto a implantación de Bolonia, que opuxo unha firme loita
estudantil. Aínda que pretende dar unha imaxe de renovación, o certo é
que o seu proxecto tampouco pasa por reverter os recortes ou
democratizar a universidade.
En recentes declaracións, mentres criticou o
“escaso financiamento” das universidades públicas defendeu un sistema de
financiamento competitivo por resultados. Un sistema que aumenta as
desigualdades e favorece a privatización da universidade. O goberno
reduce drasticamente o investimento público en investigación e educación
superior, á vez que forza ás universidades para pelexar polo
financiamento. Así, as universidades cada vez máis recorren ao
financiamento privado, o que remata por dirixir a investigación cara aos
intereses económicos de certas empresas.
Propón incrementar a contratación de profesores,
investigadores e persoal administrativo e de servizos, debido á “
pouquísima incorporación de xente nova, tanto de PAS como PDI". Criticou
a política "de ladrillo" do actual equipo de goberno con respecto aos
catro novos edificios proxectados, pero anunciou que "se respectarán os
compromisos" aínda que se estudarán modificacións.
Así mesmo manifestou o seu desexo de que a
Universidade de Vigo “volva estar entre as mellores do mundo", e sexa
"un faro de coñecemento, que incentive o emprego e a economía da súa
contorna". Estas belas palabras no fondo non agochan máis que o desexo
de que a Universidade de Vigo sexa atractiva para investidores privados,
pero non a reversión dos recortes educativos no conxunto das
universidades públicas.
Como se pode dicir que os estudantes son “actores
de primeira”, cando se defende ao mesmo tempo un sistema de goberno que
só lles dá o 30 % da representación? Como se pode apostar por “medidas
de conciliación, a igualdade, ou redución da brecha salarial, ” cando se
permite a explotación laboral en subcontratas de servizos externos?
Os pequenos parches, como o aumento de bolsas
propias para estudantes, que ofrece esta candidatura non responden a
máis que a necesidade de lavar a cara a unha caste universitaria
patriarcal. Nunha situación onde mozas de clase traballadora son
expulsadas da universidade cada día, nós defendemos a gratuidade dos
estudos en todos os seus niveis, incluído por suposto o universitario,
como única alternativa.
Doutra banda, ás eleccións do claustro
universitario preséntanse varias candidaturas estudantís, entre as que
destacan “ Erguer, estudantes da Galiza”, “Candidatura Unitaria
Estudantil”, así como independentes. Con todo, máis de 30 prazas das 75
do alumnado no claustro, quedaron sen cubrir ante a baixa participación.
Isto demostra a falta de confianza que temos os estudantes no sistema
universitario, así como nos seus representantes.
Para que isto cambie é necesario impulsar un
movemento estudantil combativo e democrático, onde as asembleas por
centro e facultade sexan soberanas. Así como un programa contra a
precariedade laboral, que inclúa a contratación directa e o control dos
traballadores de servizos, loitar para reverter os ataques sufridos,
dende o Plan Bolonia, a suba de taxas, a redución de bolsas e pola
universidade de balde.
Doutra banda, tamén consideramos precisa a creación
de comisións independentes de mulleres e LGTBI para loitar contra as
agresións machistas e pola inclusión de contido de xénero e antirracista
nos plans de estudo. Os que gobernan a Universidade falan de “sociedade
civil” cando se refiren aos grandes capitalistas que son responsables da
nosa situación de paro, precariedade e pobreza. Nós defendemos que a
Universidade debe de estar ao servizo dos intereses da sociedade no seu
conxunto, é dicir, da clase traballadora e os sectores oprimidos.
En definitiva, queda claro que hai unha falsa
alternativa entre os distintos candidatos a reitor, e que o sistema
antidemocrático universitario non garante que se exprese a opinión dos
estudantes, sendo máis do 90 % da comunidade universitaria, e tendo o 30
% da representación.
Mentres a caste universitaria, xunto ao conxunto
dos políticos e empresarios que gobernan a universidade, se preparan
para a súa ofensiva contra o ensino superior, nós temos unha cita de
loita. Este xoves 19 de Abril haberá folga estudantil galega. Animamos a
asistir á manifestación que sairá ás 12 horas desde Praza América en
Vigo, para defender un ensino democrático, feminista e ao servizo da
clase traballadora e o pobo.
Agrupación estudantil Rosa Luxemburgo