• Número 391
  • 23 de abril de 2018

Lei Mordaza

3.000 euros de multa por protestar contra Juncker na Universidade de Salamanca

Imaxe da protesta de cinco estudantes contra o nomeamento de Jean-Calude Juncker como doutor honoris causa da Universidade de Salamanca

Cinco estudantes da Universidade de Salamanca recibiron multas de 600 euros por protestar no acto de investidura de Jean-Claude Juncker como doutor honoris causa desta universidade.

Néstor Prieto, un dos estudantes sancionados, explica ao Salto que as multas lles chegaron a semana pasada. “Imos recorrelas e xudicializalas, tramitamos as alegacións e, se as desestiman, imos esgotar toda a vía xurídica”, sinala. “Son unhas multas desproporcionadas e inxustas”.

O acto de investidura do presidente da Comisión Europea na universidade tivo lugar o 9 de novembro de 2017. “Os cinco estabamos acreditados para asistir ao evento e entramos de forma pacífica con carteis contra os recortes”, explica tras sinalar que, cando entraron ao espazo onde se celebrou o acto, ninguén os cacheou.

“Non nos coamos, entramos de forma pacífica, pero, nun momento determinado, o servizo de seguridade pegóusenos, puxéronse moi nerviosos”. Segundo relata Prieto, foi no momento no que o reitor da universidade dixo unhas palabras en latín e o público púxose en pé como parte da cerimonia. Eles tamén o fixeron, e foi cando os axentes de seguridade foron contra eles. “Viñeron contra nós e saímos cos brazos no alto. A min inmobilizáronme cunha chave e a un compañeiro placárono. Os dous temos partes de lesións, pero non temos por agora intención de denunciar estas agresións”, lembra Prieto, quen sinala que nin sequera lles deu tempo a realizar a protesta contra a investidura de Juncker.

Tras iso, leváronos aos baños, onde os retiveron durante varias horas e interrogáronos. “Cacheáronnos e fixeron preguntas sobre a nosa vida persoal. A min, por exemplo, que estivera o verán anterior en Atenas, preguntáronme polo tema dos refuxiados. Preguntáronnos ata a que bares iamos de festa”. Prieto afirma que os ameazaron con expulsalos da universidade e acusáronos de vagos. “Moitos de nós terminamos primeiro curso con matrículas de honra e temos que compatibilizar os estudos con traballos polos recortes”, subliña.

A multa recibida polos cinco estudantes responde o artigo 36.1 da Lei de Seguridade Cidadá en vigor desde xullo de 2015, a chamada Lei Mordaza. “Que non se tramite a derrogación desta lei levou a isto”, denuncia Prieto.

Os cinco estudantes acudirán mañá, 18 de abril, ás Cortes de Castela e León para denunciar a súa situación. Ata o momento xa confirmaron reunións con Esquerda Unida, Podemos e PSOE. Aínda que se puxeron en contacto con todos os grupos políticos nas Cortes rexionais, lamenta que nin Partido Popular nin Cidadáns deron resposta. “Esperabamos que Cidadáns, que teoricamente está en contra da Lei Mordaza, tamén nos recibise, pero por agora non nos contestaron. Chamamos a seman apasada e dixeron que o estaban valorando e que, se tiñan algunha resposta diríannola”, explica Prieto.

Os estudantes tamén comezaron unha campaña de denuncia na plataforma Change.org, onde recollen sinaturas contra estas sancións.

O Salto