O estudantado galego enche as rúas por un ensino "democrático e feminista"

Outra nova xornada de folga e protesta no
ensino medio e superior galego. Baixo lemas como Nin Lomce,
nin pacto entre elites: Lei Galega de Educación ou Por un ensino
feminista e democrático, e convocada pola Asemblea Aberta de
Mulleres, Erguer e Movemento Estudantil Galego (MEG), máis dunha ducia
de manifestacións percorreron vilas e cidades reclamando unha
"alternativa real" á denominada Lei Wert, ao Plan Boloña e ao Decreto
3+2 "en clave de país", ademais de reclamar un ensino "máis democrático"
e libre de machismo. Os impulsores da protesta cifran un 85% o
seguimento dun paro que "baleirou as aulas".
Con proclamas a favor dun "ensino público de
calidade, democrático e feminista", milleiros de mozos e mozas saíron ás
rúas das principais urbes e vilas galegas nunha mobilización que era
tamén continuidade da
celebrada o pasado 16 de novembro. As principais reclamacións, como
explica Erguer, son "un maior número de horas lectivas en galego
–especialmente na universidade–, unha forma de aprendizaxe máis práctica
e pedagóxica no ensino medio, a necesidade de que a Xunta recupere as
competencias en materia de educación que lle foron arrebatadas pola
Lomce –para en último termo elaborar esa lei educativa galega– ou a
necesidade dun ensino feminista".
Desde o MEG incídese no "mantemento da moratoria
para a implantación do 3+2 en Galicia", nun "maior financiamento" do
ensino ou no establecemento dun sistema de bolsas "ligadas á renda das
persoas e non ao expediente académico", así como "unha baixada de taxas
cara á gratuidade".
A mobilización deste xoves estivo marcada
por unha fonda reivindicación feminista ao ser impulsada en boa
parte pola Asemblea Aberta de Mulleres e reclamar o estudantado
"mecanismos efectivos" contra a violencia machista, a introdución da
"perspectiva de xénero" en todas as materias ou a promoción da paridade
nos órganos de goberno do ensino.
A de Compostela, por exemplo, foi unha marcha cunha
importante influencia de estudantes que rematou cunha "grande asemblea"
organizada polos participantes na Praza de Parterías. "Esta forma de
organización aberta, practicamente sen precedentes no movemento
estudantil galego, foi especialmente reivindicada polos estudantes de
todas as idades, tanto de institutos e bacherelato coma FP ou
universidade, que decidiron baleirar as aulas para facer escoitar as
súas reclamacións", destaca MEG.
As mobilizacións, ademais, contaron co
apoio de toda a oposición parlamentaria e dos principais sindicatos.
As organizacións xuvenís convocantes cualifican de "éxito total" dunha
xornada na que falan de "baleiramento" das aulas. Houbo manifestacións e
concentracións nas sete grandes cidades, ademais de noutras localidades
como Boiro, Bueu, Cangas, Marín, Moaña ou Ribeira.
Desde Erguer, un dos colectivos convocantes,
denunciose a "irrupción ilegal" da policía nacional en varias facultades
da Universidade de Santiago "sen ter a necesaria autorización da
Reitoría, identificando avarias compañeiras dos piquetes e mesmo
tentando deter un conserxe en Medicina".
Praza Pública
Nós Televisión
Co gallo da convocatoria de folga estudantil de onte, conversamos co Portavoz da organización xuvenil Espiral; Iván Rodríguez pic.twitter.com/Lpbd3XzrKK
— Nós Televisión (@NosTelevision) 20 de abril de 2018