Vitoria feminista ante o maltrato no traballo do fogar

Os 25 días de loita contra o maltrato e racismo
laboral cara unha compañeira traballadora do fogar en Compostela rematan
cunha victoria feminista e sindical.
A compañeira S. reivindicou o seu dereito a ser
tratada como unha traballadora. Por moito que o intenten, ser empregada
do fogar, muller e migrante racializada nunca se converterá en sinónimo
de maltrato impune. S. pedía ter unha xornada laboral digna, e
non maratóns ilegais e abusivos de 12 horas, e a devolución dos cartos
que lle adebedaban.
A resposta dos empregadores foi a negación, a
mudanza da carga laboral e a retirada da palabra nun intento de destruir
a valentía e forza da compañeira S. que sempre se amosou decidida a
loitar ata o final. As rúas tampouco quedaron caladas. Compañeiras
do movemento feminista autónomo xunto á Secretaría das Mulleres da CUT
levaron a cabo diversas concentracións fronte a casa dos empregadores.
A agresividade dos empregadores, que
baixaban a gravar ás compañeiras que na concentración esixían o respecto
dos dereitos de S, e as continuas identificacións por parte da Policia
Nacional non puideron coa solidariedade obreira e a forza do feminismo.
Continuar traballando nese fogar xa non era unha
opción para S. Os 25 días de loita convertéronse nun acordo a través do
que se lle recoñeceu a S. a extinción do contrato e a improcedencia do
despedimento xunto a todas as cantidades que lle adebedaban, incluídas
as que lle pertencían pola vulneración ao seu dereito ao descanso.
Esta victoria é, primeiro, de S. e das
persoas que a apoian e acompañan na súa vida. Tamén por todas
as que nalgún momento non puideron loitar contra os abusos pero que
pelexaron por sobrevivir. Ademais, este éxito é de todas as que
loitaron polos dereitos de S. e de todas as compañeiras que poñen o
corpo, a voz e as forzas ante as agresións laborais e machistas.
O traballo dos coidados sostén as nosas vidas e
urxe que reciba a súa correspondente valorización e respecto. O
sistema capitalista e patriarcal non seguirá nutríndose do traballo dos
coidados realizado por mulleres sen ningunha remuneración ou a través de
salarios precarios e ínfimas condicións laborais. O
recoñecemento e valor dos coidados resulta imprescindíbel na loita
contra o capitalismo.
Por iso, os esforzos das compañeiras que forman
parte da Secretaría das Mulleres da CUT continuarán con este compromiso
pola reivindicación dos dereitos das traballadoras dos coidados e das
traballadoras de empregos feminizados. Esta victoria feminista e
sindical non é un punto final senón un impulso para continuar abrindo
camiño nesta loita por todas nós. Somos imparábeis e querémo-lo todo!
Por un sindicalismo feminista e un feminismo de clase!
Secretaría das Mulleres da CUT