22 de abril: Manifestación en Compostela en defensa do monte veciñal e un plan forestal para un medio rural vivo

O 22 de abril haberá unha manifestación en
Compostela convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes
(ORGACCMM) e apoiada, ademais de polo Sindicato Labrego Galego, por
Fruga, CIG, Atrifoga, Asociación pola Defensa da Ría e Adega. O motivo
da manifestación é a defensa do monte veciñal e en man común (MVMC)
diante da revisión da lei que os regula e diante do novo plan forestal
da Xunta. O lema da manifestación será “Pola defensa do MVMC,
titularidade da veciñanza comuneira e por un Plan Forestal para
un medio rural vivo”.
A manifestación do 22 de abril será a culminación
dunha intensa campaña de asembleas que se estiveron a facer por toda
Galiza dende marzo e que, esta mesma semana, pasará a un plano máis
mediático a través de roldas de prensa en Ourense, Pontevedra, Lugo,
Vigo e Compostela.
Afondando máis nos motivos destas mobilizacións, en
primeiro lugar cómpre destacar a modificación da Lei de MVMC,
a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Esta permitirá á
administración facer unha xestión cautelar do monte cando este se
declare en estado de abandono ou no caso de que desapareza a comunidade
veciñal titular do monte. Considerarase abandono se se dá algunha destas
circunstancias:
·
Que o monte sufra deterioro ecolóxico ou degradación de terras.
·
Que non sexa explotado de acordo cos recursos ou que sufra explotación
abusiva.
·
Que o grao de aproveitamento da extensión forestal non sexa o axeitado.
·
Que os aproveitamentos non se adecúen ao plan de ordenación.
·
Que non exista plan de ordenación ou este non sexa aprobado pola
administración por considerar que non se axusta aos obxectivos da
xestión.
Esta xestión poderá ser exercitada pola
administración competente ou mediante a encomenda a entidades ou
empresas de capital público. Tamén pode ser alugada, a través do Banco
de Terras, por un período de ate 50 anos. Neste último caso, e aínda que
se constitúa unha nova comunidade de montes ou xunta provisional, o
reinicio da actividade non será posible ata o remate da cesión ou
arrendamento.
Contra un Plan Forestal de Galicia que
segue dando prioridade ao cultivo masivo de eucalipto
Por outra banda, trala presentación da primeira
revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG),
vemos que o texto defendido pola Xunta segue a ter un marcado
carácter produtivista de madeira de ciclo curto, incluíndo a
posibilidade do aproveitamento de cultivos enerxéticos.
Este plan non asegura que se respecte unha superficie agraria útil dun
terzo do territorio galego, que sería o idóneo para garantir a nosa
soberanía alimentaria; nin fai fincapé na recuperación dos terreos
forestados ilegalmente. Iso si, o PFG propón un aumento da
superficie de eucalipto e non limita a plantación do nitens.
Respecto das frondosas autóctonas, o PFG enfócaas cara á conservación e
non cara a un aproveitamento das mesmas, xunto coa recuperación do
tecido industrial asociado.
Os aproveitamentos de pastos, apícolas ou
de froitos están relegados a segundo plano e asociados á existencia de
espazos abertos fronte á masa forestal, sen darlle unha importancia
económica.
Finalmente, en materia de lumes forestais, non prevé unha
revisión do servizo extinción de incendios nin hai unha aposta clara
pola prevención.