• Número 390
  • 16 de abril de 2018

Loita obreira

Xornaleiros andaluces ocupan e defenden unha leira propiedade do BBVA (vídeo)

As grandes cadeas de TV española silencian a loita social dos traballadores do campo

Decenas de xornaleiros e xornaleiras do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) están a loitar para evitar o desaloxo dunha leira agraria en Xaén, ocupada hai un ano.

Trátase dunhas 70 hectáreas de terra, propiedade do BBVA, que estaban abandonadas por esta entidade financeira e que foron recuperadas polos xornaleiros.

"Durante un ano - explica un deles - dedicámonos a arranxar estas terras e cultivalas co obxectivo de que a terra sirva para aquilo que lle dá sentido, xerar pan e dignidade para as persoas".

A oliva é a principal fonte de riqueza dos traballadores do campo en Andalucía, que conta con máis de 80.000 hectáreas de oliveiral, na súa maioría en mans de grandes terratenentes, que acaparan tamén todas as subvencións á agricultura outorgadas pola Unión Europea.

Nunha rexión cunha das maiores taxas de pobreza e desemprego - o 30% no caso da provincia de Xaén - o Sindicato Andaluz de Traballadores continúa defendendo a reclamación histórica dos campesiños de que "a terra sexa para quen a traballa".  

Agora, os xulgados ordenaron o desaloxo da leira e a súa entrega ao banco, pero os activistas bloquearon os accesos e deféndena do alzamento.

"Despois dun ano de traballo voluntario, para recuperala - explica outro dos xornaleiros -  non podemos permitir que esta leira volva estar no total abandono no que a tiña o BBVA".

A pesar da súa importancia, a loita social desenvolvida por estes traballadores do campo andaluz está a ser silenciada polas grandes cadeas de televisión de ámbito estatal - públicas e privadas -, mentres si se fixo eco da mesma a cadea latinoamericana TeleSur.

Canarias Semanal