Este 19 de abril saímos ás rúas por unha Lei Galega de Educación!

Desde Erguer. Estudantes da Galiza lanzamos esta
mañá a convocatoria dunha folga estudantil, tanto en ensino medio como
superior, para o vindeiro xoves 19 de abril. Presentamos a convocatoria
nesta data xunto con outros axentes estudantís, e desde Erguer facémolo
de novo baixo o lema “Nin LOMCE nin pacto entre elites, por unha Lei
Galega de Educación!”. O obxectivo é xerar unha continuidade respecto á
folga do pasado 16 de novembro, na que saímos ás rúas tamén baixo ese
lema, para continuar incidindo na necesidade de termos unha lei
educativa propia en Galiza, que rache co contido neoliberal e
españolizador da LOMCE e do Plan Boloña.
Nesta liña, esiximos a derrogación da LOMCE e o
mantemento da moratoria para a aplicación do Decreto do 3+2 en Galiza,
como paso fundamental para camiñar cara á creación dunha Lei Galega de
Educación que parta dun proceso participativo do conxunto da comunidade
educativa. Profesorado, estudantes, persoal dos centros e familias
precisamos ter voz como axente fronte a calquera lei educativa, no canto
de termos un papel marxinal como aconteceu coa elaboración da LOMCE.
Precisamos unha lei que garanta un ensino accesible
para todas as estudantes de clase traballadora, fomentando o aumento das
partidas orzamentarias para o ensino público e prohibindo calquera tipo
de subvención ou concerto con centros privados. É necesario un marco
educativo propio para o noso país que garanta que poidamos estudar na
nosa lingua a través do estrito cumprimento do Plan Xeral de
Normalización Lingüística, que a LOMCE vulnera. Unha Lei Galega de
Educación deseñada pola comunidade educativa é a oportunidade para
reverter todas as medidas neoliberais aplicadas no noso sistema
educativo e para construír un modelo distinto, pensado por e para as
estudantes galegas: un ensino pedagóxico, feminista, democrático,
público e de calidade.
O 19 de abril queremos baleirar as aulas para
loitar por ese modelo de ensino nas rúas, en mobilizacións en numerosas
cidades e vilas de todo o país que se anunciarán proximamente.