• Número 390
  • 16 de abril de 2018

Coidados

“Estou cansa”: carta dunha auxiliar de Xeriatría

Unha carta aberta sobre as precariedades e problemas derivados do traballo de auxiliar de Xeriatría

Levo 23 anos na profesión de Xeriatría, son unha auxiliar de Clínica máis, desas que empezaron cando nin tiñamos guindastres e todo era forza bruta, nin tiñamos xabonosas e máis…, cando administrabamos desde medicación básica, ata intramusculares, mesmo facer curas, desbridar ulceras, colocar sondas. Quentabamos a comida de catering, colocabamos mesas e usuarios e mesmo puñamos lavadoras, tendiamos, dobrabamos e gardabamos roupa, tanto de cama como de uso.

Pois ben, estou moi cansa de pelexar, nesta profesión, tanto en residencias privadas, como concertadas, ou municipais.

Agora cría que por fin iamos cambiar, aos poucos entre todas/vos, esta profesión tan bonita e á vez tan dura.

Cría que con gobernos do cambio, eu cría que por fin deixarían de facerse as cousas só para gañar diñeiro ou para quedar ben, cría por fin formariamos parte a xente que estamos as 24 horas do día con elas/eles (porque somos quen os levantamos, lavamos, afeitamos, cortamos uñas, limpamos os seus ouriños e feces, vómitos, mocos, comida, babas, etc. Somos as que lles damos para comer, pelamos a súa froita, axudamos cando se  esganan, espesamos comida para que poidan comer, hidratamos, observamos calquera anomalía, mobilizamos, facemos os seus cambios posturais, deitamos, colocamos proteccións, facemos bromas, dicímoslles palabras de agarimo e renegamos se non comen.

E cando chega a substitución, crees que fixeches o posible para que o seu día fose bo e o seu final do camiño digno.
E seguro que me deixo unha chea de cousas máis que facemos, pero ata de escribir estou cansa.

Tamén estou cansada de ver en cada un dos estilos de residencia para maiores, tanto desde empresa, dirección, coordinación, fisios, incluso Tasoc, as auxiliares e múltiples ou limpadoras non se nos ten en conta para nada ou case nada, só para buscar responsabilidades en caso suceda algún fallo.

Estou cansada de ver inspeccións de xente moi ben amañadiña, con cartafoles e burocracia, cansada de ver que como non traballaron nin sequera oito horas catro días en calquera modalidade de residencias. Limítanse a ir moi serios, pero seguimos igual, salvo por pequenos ou grandes trastornos que serven de moi pouco.

Cansa de ver en todas elas médicos/as que se limitan a abarrotar de laxantes, enemas (moitas veces pregúntome non terán un contrato con estes laboratorios que os fabrican) e dolocatiles.

Cando con dietas ricas en fibra e mais exercicio sería posible reducir tanto medicamento, que encima pagamos todos/as. Ben e darlles palmadiñas, ou dicir o belas e belos que están.

Cansa de enchufadas/os, dun partido ou outro. Evidentemente ata fai ben pouco era só PP/PSOE.

Cansa de familiares que para limpar as súas conciencias ven mal ata a cor da chaqueta que lle pomos.

Cansa de que nos deshumanicedes entre todos, de ser culpables de tentar traballar para eles/as en mellores condicións.

Cansa de duchas que disparan a auga a todos os sitios menos onde deben, de cueiros racionados, de cremas de mala calidade ou inexistentes, de duchas onde non se ducharía ningún dos que vén de inspección. Sexa de usuarios ou traballadores/as…

Por iso eu poría inspectoras/es e auxiliares (esas que traballan nestes sitios) que de verdade inspeccionen. E se fai falta máis de catro días pois máis…

Estou cansada de uniformes moi bonitos pero non prácticos, de ambientadores a tuti plen porque vos molestan os cheiros dos nosos maiores.

De que as miñas compañeiras sexan agredidas tanto física como verbalmente por usuarios con só minusvalías físicas, ou familiares un pouquiño especiais.

E que nunca se tomen medidas ata que hai centos de queixas.

Cansa de ver como perdo compañeiras/os e grandes profesionais, cansos/as de aguantar…..

Cansa de quendas horribles, de non cubrir baixas, de ser unha ou un menos, e moi cansa de que me queime a miña profesión.

Porque é estupenda, elixina hai moitos anos e espero non morrerme sen tentar que polo menos sexa unha décima parte do que os meus soños me levan a desexar, a que non sexa unha utopía senón un pouquiño de realidade.

Creo falo por moita xente da miña profesión, porque non son unha auxiliar só, somos AUXILIARES EN XERIATRIA.

O Salto