• Número 390
  • 16 de abril de 2018

Universidade

Concurso de traslados e nova reunión coa Xerencia o día 17

Actualidade

Se a pasada semana, o DOG do xoves día 12, publicaba a  RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2018 pola que se fai pública a adxudicación definitiva de postos, unha vez resolto o concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo correspondentes ao persoal funcionario de administración e servizos, convocado por Resolución de 3 de abril de 2017. Para esta semana, en concreto o martes día 17, a Xerencia convoca unha reunión coa Xunta de Persoal. Na orde do día, trataranse temas de gran importancia que van desde a modificación da RPT para establecer a forma de provisión dalgunhas prazas, a proposta de Oferta de Emprego Público para o ano 2018, até a convocatoria do concurso de traslados no Servizo de informática e comunicacións, convocatoria que, como sabedes, recorremos por que se desvinculou do concurso xeral que acaba de concluír.

Para resolver as dúbidas que ao respecto de cada un dos asuntos nos trasladastes e de posicionarnos respecto das propostas da Xerencia imos tratar por separado cada un dos temas:

Concurso de traslados. Toma de posesión:

Na resolución que marca o punto e final deste primeiro proceso de promoción establécese:

“O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, fosen concedidos aos/ás interesados/as. Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.”

No DECRETO 166/2013, do 14 de novembro, polo que se modifica o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, establécese:

“O artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, queda redactado nos seguintes termos:”

“1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.”

“3. O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, fosen concedidos aos/ás interesados/as.

Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

44. Para todos os efectos, o prazo de toma de posesión considerarase como de servizo activo, polo que os efectos económicos comezarán no novo destino desde a data de cesamento no de procedencia.”

Toma de posesión das compañeiras e compañeiros que superaron a promoción ao grupo A2 da escala xeral sinalar, de novo, que a modificación da RPT que posibilitaba esta circunstancia aprobouse no Consello de Goberno do pasado día 3, condicionada á aprobación da Consellería de Facenda. O seguinte paso será a aprobación no Consello Social que se realizará o vindeiro día 26 de abril, nesa reunión a Xerencia conta con ter o informe favorable da Consellería. Posteriormente, segundo o informado polo xerente, enviarase ao DOG. Cóntase con que a mediados de maio a modificación da RPT estará publicada no e poderase proceder á toma de posesión. Lembrar que, segundo o asinado no seu día, a toma de posesión realizarase ao mesmo tempo.

Por outra banda, como vos informamos na web da Xunta de Persoal, a Xerencia ven de convocar unha nova reunión o vindeiro día 17 de abril (non marzo como se sinala na convocatoria) coa orde do día e documentación que está á vosa disposición nesa páxina.

Sobre a MEMORIA DA MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA. CONCURSO ESPECÍFICO EN XEFATURAS DE SERVIZO, remitímonos ao acordo unánime da Xunta de Persoal, transmitido á Xerencia, no que se rexeitaba esa modificación e se lle propoñía que, previa consulta ás traballadoras e traballadores se negociase na convocatoria dos concursos de méritos o establecemento dunha fase específica para os niveis 25 e superiores.

Ao respecto da PROPOSTA DE OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA PARA O ANO 2018

Reafirmámonos no xa manifestado en Ofertas de Emprego de anos anteriores. Defenderemos, novamente, o establecido nos Estatutos da Universidade e reclamaremos que todas as prazas sexan de posto base.

Por outro lado, a Xerencia insiste en propostas irregulares. Por un lado sinala que a taxa de reposición é de 9 postos e, por outro lado, propón, a quenda libre, exclusivamente 7 prazas.

Sobre a Resolución do XX de abril de 2018 da Universidade da Coruña pola que se convoca o concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo correspondentes ao persoal funcionario de administración e servizos.

A convocatoria establece, entre outras cousas, unha fase de méritos específicos:

“2.1 Esta fase está dirixida á comprobación e á valoración dos méritos específicos das persoas aspirantes a postos de coordinador de área. Efectuarase da seguinte forma:

Elaboración dun proxecto, exposición e defensa. Puntuación total 20 puntos...”

Esta alteración do concurso con respecto ao xa rematado rompe a uniformidade da convocatoria e serve para aclarar, definitivamente, as intencións do equipo de goberno.

Adiantamos, xa, que a reunión do día 17 será movida e, como vedes, a universidade rompe todas as pontes co colectivo.