As brigadas deseucaliptizadoras bótanse ao monte

Hai uns días recibíamos a boa nova de que a
candidatura presentada conxuntamente pola Sociedade Histórica e Cultural
Coluna Sanfins, a Comunidade do Monte Veciñal de Froxán e Verdegaia ao
programa de axudas a proxectos de conservación da EOCA de axudas e
proxectos de conservación resultaba ganadora na categoría de
forestal.
Desde Verdegaia queremos mostrar o noso
agradecemento público a tódalas persoas que apoiaron esta
iniciativa votándoa e divulgándoa, e facendo así posible este éxito.
Hoxe queremos anunciar tamén o lanzamento público
do proxecto de Brigadas deseucaliptizadoras promovido
por Verdegaia.
O próximo sábado 21 de
abril botámonos ao monte, coa nosa primeira xornada de traballo. Será na
Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame.
Esta intervención, a primeira das programadas en
Froxán, levarase a cabo en varios hábitats de interese comunitario e
interese prioritario, e realizarase de maneira sinérxica coas
iniciativasde restauración de hábitats degradados promovidas pola
Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade
Histórica e Cultural «Coluna Sanfins».
As persoas interesadas en participar deben estar en
Froxán ás 10:00, parainiciar os traballos sobre as 11:30. Non é preciso
traer luvas nin ferramenta, pois serán proporcionadas pola propia
organización.
Ao finalizar a xornada de traballo, compartiremos
un xantar de albaroque.Aquelas persoas que queiran participar nesta
xornada deben anotarse na páxina web das Brigadas deseucaliptizadoras (http://verdegaia.org/brigadas/).
A data límite para anotarse nesta primeira Brigada é o 16 de
abril.
Esta xornada é só o inicio do proxecto de Brigadas
deseucaliptizadoras. Conscientes de que son moitas as persoas que en
todo o país están desexando realizar accións de voluntariado ambiental
en relación aos coidados do monte e a evitación de lumes, pensamos que é
preciso organizar e coordinar todo ese potencial. Con esa finalidade, e
coa vista posta nas accións de restauración ambiental e na
deseucaliptización do monte galego, que consideramos urxente e
prioritaria, naceron as Brigadas.
Desde Verdegaia vimos de abrir unha páxina web a
través da que se poden anotar todas aquelas persoas voluntarias que
queiran facer parte das Brigadas deseucaliptizadoras, cumprimentando un
simple formulario cos seus datos básicos.
O proxecto está tamén pensado para que calquera
colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos
de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local.
Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que
queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse tamén
por medio da web, no formulario de incorporación de parcelas.