CESM-O'Mega acusan ao Conselleiro de Sanidade de disfrazar as cifras sobre o CHUS

Despois da intervención do Conselleiro de Sanidade,
Jesús Vázquez Almuíña, ante o Parlamento de Galicia sobre o
funcionamento do servizo de urxencia do CHUS, a coalición CESM-O'Mega
fixo público un comunicado en resposta ás cifras achegadas polo popular.
Almuíña expuxo os seus datos na comparecencia: as
usuarias do servizo de urxencias do Hospital Clínico de Santiago esperan
unha media de 47 minutos ata ser atendidas e cada profesional de
urxencias atende de media a 13,6 pacientes ao día .
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos
(CESM) e Médicos de Galicia Independentes (O'Mega) acúsano de
inexactitud. "Non se trata dunha media, senón do número mínimo de
pacientes que vai a cada facultativo en cada quenda de 7 horas",
declara a coalición no seu comunicado, e aclaran que é moi frecuente que
"os facultativos teñan que encadear dúas quendas". Acusan tamén ao
Conselleiro de "disfrazar outros números menos presentables" con medias
para ocultar "as carencias de medios e persoal".
A coalición denuncia a falta de persoal, que obriga
ás profesionais a atender a máis pacientes por quenda dos recomendados e
a traballar máis horas que a súa xornada ordinaria. "O problema radica
en que para aforrar recursos, a Xerencia do CHUS non responde en
tempo e forma a unha demanda recorrente que mantén aos pacientes
pendentes de ingreso acumulados en urxencias", declaran.
GaliciaPress