Boro: “Se vou ao cárcere será polas miñas ideas políticas, así que irei coa cabeza ben alta”

Pasaron case catro anos desde a convocatoria de
Xaque á Monarquía, unha mobilización que se sumou ás celebradas poucas
semanas antes e nas que a violencia policial foi protagonista. Boro,
xornalista de La
Haine, foi unha das persoas detidas durante esta manifestación.
O próximo 16 de abril será xulgado por supostos delitos de lesións e
atentado á autoridade, un xuízo que vén despois da condena a un ano e
seis meses no marco dunha das
operacións Rabuña.
Imos botar a vista atrás catro anos:
que pasou na convocatoria de Xaque á Monarquía?
Foi unha semana despois das
Marchas da Dignidade. Foi unha semana moi movida en Madrid, con
moitas mobilizacións e coas cargas do día 22 aínda recentes. O día 29
xuntámonos para facer a cobertura desta manifestación. Entre a prensa
que foi víanse as caras habituais que levabamos vendo toda a semana.
Desde o primeiro momento vimos que non ían deixar que a manifestación
saíse, estableceran un cordón policial e estaban de moi malas maneiras
cos manifestantes, pero
tamén coa prensa.
Desconvocouse a manifestación e a xente foi
marchándose de aí, pero a policía foi empuxándoas e perseguíndoas por
todo o Paseo do Prado. Tamén aos xornalistas, como apareceu nas imaxes.
Cando chegamos a Atocha, a miña compañeira e eu vimos unha destas
escenas, saquei a cámara e achegueime a facer unhas fotos. Os axentes
comezaron a empuxarnos no momento no que nos estabamos indo. Cando me
dei conta de que seguían zarandeando e empuxando á miña compañeira deime
a volta cos brazos en alto. Segundo me achegaba outro policía veu por
min, empuxoume e logo outro saíu correndo detrás miña —porque saín
correndo para evitar que me pegasen— e foi cando viñeron os outros
xornalistas, aos
que mallaron segundo chegaban. Xa despois botáronos de alí e a min
leváronme detido e gritei que era xornalista e que era unha detención
ilegal.
Sobre este tema houbo, por unha banda, a denuncia
da policía contra min e a denuncia dos xornalistas contra a policía.
Desta última o xuízo foi o 25 de febreiro e saíu a sentenza hai unhas
semanas. A sentenza di que non poden condenar ao único policía acusado
porque prescribiu, e por que di isto? Tentaron arquivar o caso varias
veces, pero cada intento de arquivo tivo o seu correspondente recurso e,
o caso do último recurso que houbo, o que a lei di é que o avogado ten
seis meses para responder a un recurso, e o que fixeron foi o xulgado
tardar seis meses en mandarllo á Audiencia Provincial, e a Audiencia
tardou outro oito meses en responder. Está ben, por unha banda, porque a
sentenza recoñece que si houbo agresión, pero claro, di que non os pode
condenar porque prescribiu.
Entón esta sentenza, que si que recoñece a
agresión policial, si podería servirche neste xuízo.
Iso é. Esta sentenza polo menos si que proba que
houbo unha agresión á prensa, e eu tamén estaba aí cubrindo como prensa.
De cara ao 16 de abril, ti tes por unha
banda as imaxes que mostran como a policía te agrediu e esta sentenza.
Que probas teñen eles contra ti?
A súa única palabra, como na maioría de montaxes
policiais. Un deles di que eu lle peguei na cara e o outro que lle
peguei unha patada no xeonllo. En ningunha das gravacións se ve isto, e
hainas desde varios ángulos. Pídenme seis anos de cárcere e 6.200 euros
de indemnización porque, un deles, aparte de collerse un mes de baixa,
quere 5.000 euros de indemnización e o outro 1.200, que se colleu oito
días de baixa. Quérense pagar as vacacións á miña costa, está claro.
Como te sentes de cara ao xuízo?
Eu estou animado. Recibín moitísimo apoio dunha
chea de persoas, colectivos, organizacións. Foi un chorreo constante de
mensaxes de apoio. Puxemos unha conta solidaria e serviu bastante para
facer fronte á sangría económica que supoñen estes dous casos, e aínda
queda moito máis porque se fai falta chegaremos ata Europa. Estou
bastante contento e animado.
Unha cousa positiva que si tivo este proceso foi
esa rolda de charlas que fun dando por distintos sitios do Estado, nas
que vin toda esa rede estatal de medios críticos, de xente que loita
contra a represión, e que serviu para crear sinerxías, coñecernos e
empezar a traballar conxuntamente.
Este xuízo vén despois do que tiveches por
enaltecemento no marco dunha das operacións Rabuña, do que xa hai
sentenza.
O xuízo foi o 30 de novembro, e nel quedou bastante
claro que este tipo de procesos non buscan probar o que ti escribiches,
se é enaltecemento ou deixa de selo, senón a probar a túa ideoloxía
política. Probar que es, comunista, independentista, anarquista… O 19 de
xaneiro recibín a condena. De ano e oito meses que me pedían, máis
inhabilitación, deixárono en ano e seis meses de cárcere. Sobre a
sentenza, pásanse polo forro varias sentenzas do Tribunal de
Estrasburgo. Estou agora recorréndoo ao Tribunal Supremo e, se hai que
chegar a Europa, chegaremos.
Crees que esta sentenza poida afectar o
xuízo que tes o próximo 16 de abril?
Eu creo que aínda non serán antecedentes firmes,
porque tardou bastante en levar a xuízo o meu caso de operación Rabuña e
ese é un revés que igual non esperaban. Non sei moi ben como funcionan
as cousas a ese nivel nos xulgados e na Audiencia Nacional, pero si é
verdade que o meu caso da operación Rabuña tardou tres anos en xulgarse
cando hai outra xente que en menos dun ano pasou. Se cadra, por ese
lado, pode ir ben, pero, como sempre dixemos en La Haine,
pensamos que era un dos seus obxectivos, o meterme na operación Rabuña
do mesmo xeito que moitos compañeiros que tamén teñen causas por outros
motivos, como o caso de Alfredo
[Remírez].
Tamén dicías que os medios de comunicación
déronche as costas.
Nos medios de comunicación maioritarios foi
bastante descarado o veto que fixeron. Por exemplo, As Mañás de Catro
chamáronme dúas veces para entrevistarme no programa e a última hora
botáronse para atrás. Dicíanme que non tiñan medios para mandar unha
unidade móbil a Pamplona e xa a segunda vez respondinlles que non había
problema, que eu podía ir ao estudo en Madrid e a moza quedou que non
sabía nin que dicir, pilleina totalmente. E non foron os únicos. Outras
teles fixéronme entrevistas e non as sacaron ou algúns que quedaran en
chamarme para entrevistarme e nunca máis se soubo de eles… Todo o que
son os medios maioritarios así. En cambio, o meu caso saíu en todos os
medios alternativos, críticos ou independentes.
Como influíron estes casos xudiciais en La
Haine? tivo que ver o teu labor
como xornalista neste medio para que sufrises esta persecución?
Non teño claro se eles xa tiñan detectado de antes
quen era eu, se escribía en La Haine, ou foi despois, pero o que
si que teño claro é que, unha vez que o souberon, metéronme no outro
xuízo. Para La Haine isto supuxo unha sangría económica, porque
somos un medio moi pequeno con moi poucos recursos, e a maioría do
diñeiro destinámolo ao pago do servidor e a gastos fixos. Este tema
supúxonos multiplicar o noso orzamento por dez ou por quince.
A nivel de traballo, por unha banda moi ben porque
recibimos moito apoio de moita xente, pero logo tamén imposibilítache
facer todo o que poderías facer se estiveses nunha situación normal.
Todos os recursos van a que eu non vaia preso. Foron catro anos duros
neste sentido, sobre todo os últimos porque, ademais, xuntáronse moitas
conxunturas no Estado español ademais dos dous xuízos. Foron un seis
meses moi, moi intensos. Agora estamos xa ao final do camiño e a ver o
que pasa despois do xuízo e se podemos seguir informando en liberdade.
Como te sentes ante a posibilidade de ir ao
cárcere?
Pois é duro, pero teño claro que, se me meten no
cárcere, o primeiro vai ser por algo que non fixen, porque eu non
agredín a ninguén. E o segundo, que será polas miñas ideas políticas,
así que irei coa cabeza ben alta, como tantos compañeiros que tamén
están presos por distintas montaxes policiais. Hai que ter claro que
estás aí porque es unha persoa que loitas e que cres na xustiza.
O Salto