Maio de 2010
 
 

14/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


 

 

               

 

Rematar coa corrupción
Considero urxente que os nosos lexisladores tipifiquen a corrupción política como crime de lesa patria e que se poida castigar, non só con penas de incapacitación para o exercicio de cargos públicos e privación de liberdade, senón tamén con incautación de bens.
A corrupción está profundamente enraizada na nosa sociedade e moi estendida nas distintas administracións.
É crucial acabar coa corrupción política, cos tratos de favor, o amiguismo, a prevaricación, os abusos de autoridade e o uso indebido de fondos públicos se queremos empezar a pensar en facer deste país un lugar digno desa consideración. Non nos podemos facer unha idea de ata que punto melloraría a nosa existencia se acabásemos dunha vez por todas coa corrupción política.
Se quixésemos, poderiamos permitirnos ese luxo.
Por que non o intentar?

Folga salvaxe dos mercados financeiros
Os mercados levan dous anos de sutil folga salvaxe. Teñen a capacidade de producir riqueza ou pobreza. Esconderon o diñeiro a gobernos, empresas e familias. Cada vez que un país quere levantar cabeza, os mercados mandan aos seus piquetes informativos en forma de axencias de cualificación, que lles din que non sigan creando benestar social porque a xente se acomoda, traballa menos e esixe máis parte do pastel. O goberno correspondente amedréntase e pumba, marcha atrás, recortes, tesoiras, etc. A folga do diñeiro péganos un bo belisco nos nosos salarios de traballadores públicos. Non negociamos os servizos mínimos dos nosos salarios, senón que nos viñeron impostos pola xerencia dos mercados, as máis das veces, identificada cos nosos representantes gobernamentais. Ata cando durará esta folga?

Campos de sangue e loito polas mulleres asasinadas
Maldizo os meus conxéneres que alzan a man contra as mulleres.
Este tipo de violencia sómeme nun abismo de tristura, pois, mentres a sociedade realiza esforzos por erradicar esta
secuela, mentres dita leis para levantar fronteiras defensivas fronte ás mulleres para que non queden indefensas ante os maltratadores, estes, nun pispás, se burlan do ser humano, dos valores e do Código Penal.
Fai falta máis contundencia na lei, máis repulsa social e máis illamento cara a estes terroristas que teñen o seu territorio de actuación no ámbito familiar, alí onde os descerebrados, facendo uso das palabras, dos golpes da súa irracionalidade, sementan un campo de sangue e loito. Malditos sexan eles e todos cantos os xustifican dunha ou outro xeito!
Descansen en paz as mulleres asasinadas este ano ás mans destes indesexables profesionais do terror machista.

En que quedamos?
Resulta curioso comprobar como os que máis falan da unidade de España como nación e claman pola igualdade de dereitos de todos os cidadáns, independentemente da comunidade autónoma na que vivan, non obstante, cando o Parlamento común aproba unha lei que non lles gusta, como agora acontece coa nova Lei do Aborto, esquécense do seu deber de acatala e pretenden actuar como mandamases de estados federais.
Antes foi Madrid coa Lei Antitabaco e agora volve outra vez coa mesma cantilena o Goberno de Esperanza Aguirre e tamén os de Navarra, Murcia e Galicia, que buscan o xeito de poñer trabas ou impedir que as mulleres dos seus territorios poidan gozar, se o desexan, dos beneficios que lles concede a lei estatal do dereito ao aborto.
En que quedamos?

Economía, repartición e a folga de Metro
Asústannos dicindo que en España, cunha taxa de desemprego próxima ao 20%, o problema é o da falta de traballo, pero ademais da falta de ingresos. O problema son uns salarios a nivel de subsistencia, que non se pode rebaixar sen que os traballadores se indignen. A folga de Metro de Madrid é un reflexo desta situación. A negociación colectiva e o dereito do traballo como un soporte legal eficiente resultan máis necesarios que nunca. A política económica ha de ter dous obxectivos irrenunciables: o pleno emprego e o crecemento dos niveis de vida dos que co noso traballo facemos posible a creación de riqueza. Por todo isto non se entende a postura de Aguirre pretendendo colapsar o diálogo e a negociación mantidos mesmo durante os días de folga do Metro. Di que a folga é ilexítima porque é política, vai contra o seu Goberno. Por sorte, o Constitucional xa determinou que a folga é un dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses, nada máis e nada menos.

Dignidade
Baixo a aparencia legal resolveuse de novo a loita entre o capital e o traballo: perden os traballadores da administración pública que asinaron uns acordos que marcan as súas condicións salariais para os seguintes anos, ao que se suma a dentada social do seu Goberno polo ben de Europa. De que serven os convenios e acordos asinados baixo o artigo 37 da Constitución, que ampara a negociación colectiva? Teñen lexitimidade uns sindicatos que non articulan a vontade dos traballadores e que, sen propostas, miran como convidados de pedra unha reforma servida en bandexa de prata?
Resultado: a economía tragouse ao dereito que ampara á forza do traballo, e o que queda do Estado social e democrático de dereito, o regula o capital. Non temos que preocuparnos, posto que a orde política e a paz social están a buscar á dignidade da persoa, que probablemente está secuestrada nas Cortes.






 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript