O persoal da Xustiza cumpre dous meses en folga cunha nova exhibición de unidade na rúa

Dous meses despois de que o pasado 7 de febreiro
iniciase a súa folga en reclamación de maior salario e mellores
condicións laborais, o persoal da administración de Xustiza en Galicia
volveu saír este sábado ás rúas de Santiago nunha manifestación
secundada por todos os sindicatos e que contou co apoio dos partidos da
oposición. Unha manifestación que se celebrou sen que haxa
previstas novas reunións coa Xunta para desbloquear o conflito, despois
de
milleiros de xuízos e trámites suspendidos, de que os traballadores
perdesen xa máis de dous millóns de euros en salarios e ao tempo que
xuíces e fiscais comezan a preparar as súas propias mobilizacións.
Este sábado os sindicatos e os partidos da
oposición coincidiron en reclamar a dimisión ou o cesamento do
vicepresidente e responsable de Xustiza da Xunta, Alfonso Rueda, a cuxa
“prepotencia” atribúen o enquistamento das negociacións.
Segundo os representantes do comité de folga, o Goberno galego está a
centrarse en tentar desprestixiar a mobilización, o que din que lles dá
máis ánimos para continuar cunha folga cuxo seguimento seguen a cifrar
no 80%.
Actualmente, tras sucesivas melloras das súas
ofertas malia reiterar en todas as ocasións que non se movería delas,
o Goberno galego volve asegurar que non vai variar a súa actual proposta
dun incremento de entre 135 e 105 euros ao mes para cada traballador
en función da súa categoría. Pola contra, os sindicatos, que comezaron
reclamando unha suba de 225 euros rebaixada actualmente a 180, piden
unha cláusula que garanta que o persoal galego non volverá quedar á cola
do Estado se noutras comunidades se melloran no futuro as condicións
laborais.
Este sábado os sindicatos tamén criticaron que a
Xunta tenta transmitir unha imaxe de incremento dos recursos da
administración de Xustiza que non se corresponde coa realidade.
“Feijóo e Rueda presumen da creación de máis xulgados e só
trasladan prazas dun lado para outro”, din.
Desde os partidos da oposición, o portavoz de En
Marea, o xuíz en excedencia Luís Villares, criticou o “incumprimento
do Goberno galego do mandato parlamentario” aprobado pola Cámara
autonómica que defende unha mellora das condicións laborais dos
traballadores. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,
lamentou o “desprezo” do Goberno galego aos sindicatos e traballadores e
pediu ao presidente Feijóo que “en vez de viaxar a Sevilla [ao acto que
alí celebra o PP estatal este sábado] para darlle unha aperta a
Cifuentes” se involucre e substitúa o seu “vicepresidente incompetente”.
Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que a
cidadanía estea a pagar a “chulería e prepotencia” do Goberno galego e
asegurou que a solución do conflito “non é un problema económico” porque
ao seu ver “a Xunta ten recursos”.
A choiva deste sábado en Santiago non impediu que,
como ocorreu na manifestación do sábado 24 de febreiro, cando a folga
levaba activa pouco máis de dúas semanas, a protesta volvese ter
unha elevada asistencia, coa participación nela de numerosos familiares
e simpatizantes dun colectivo que non chega aos 3.000 traballadores.
Os sindicatos organizaron autobuses que se desprazaron a Santiago desde
o resto de Galicia.
Esta protesta do persoal administrativo da
Xustiza galega ameaza con estenderse despois de que o pasado
xoves as catro asociacións de maxistrados e as tres de fiscais
celebrasen concentracións nas sedes xudiciais de toda España, tamén en
Galicia, e advertisen dun
calendario de mobilizacións que remataría igualmente cunha folga a
partir do 22 de maio. Tamén eles reclaman unha mellora das
condicións profesionais e máis independencia da Xustiza.
Praza Pùblica