"Amoreados cun bocadillo e un iogur": a longa espera cotiá dos doentes de cancro no Clínico de Santiago

Os hospitais de día son, para as persoas en
tratamento de cancro, unha vía intermedia entre a hospitalización
tradicional e unha mera consulta. Estas instalacións sanitarias
están concibidas para, nunha única visita, avaliar o doente coas probas
diagnósticas que cumpran, realizar seguimento da evolución da
enfermidade e mais administrar tratamentos como a quimioterapia. No caso
do Clínico de Santiago (CHUS) este hospital de día foi concibido para
atender conxuntamente os pacientes de Oncoloxía e mais de Hematoloxía e,
malia ás adaptacións e ampliacións dos últimos anos, a masificación fixo
necesaria a separación de ambas seccións, decisión adoptada o pasado ano
tras diversas protestas. Algunhas destas medidas están xa en marcha,
pero non conseguiron evitar que os pacientes sigan "amoreados", asegura
a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.
A propia dinámica do hospital de día fai necesario
que as persoas que son atendidas nel permanezan neste espazo varias
horas, xa que existen intervalos inevitables como os que transcorren
entre a realización dunha proba e a obtención do seu resultado como paso
previo á administración da quimioterapia. Este é o motivo que fai
especialmente relevantes as condicións de elementos como as cadeiras, de
espazos como os corredores ou de equipamentos como as pantallas que
informan sobre as quendas. As protestas iniciadas hai dous anos, explica
a Asociación, deron lugar a "melloras que apreciamos", pero que non
impediron polo momento poñer fin ao amoreamento de pacientes que en
moitos casos están afectados por efectos secundarios dos propios
tratamentos.
Estas melloras, detalla o colectivo, concretáronse
polo momento en "oito asentos para o tratamento separados por
mamparas fixas e catro zonas de con padiolas independentes", ambas
ligadas á separación de Oncoloxía e Hematoloxía. No entanto, lamentan,
"persisten deficiencias inaceptables que nos sitúan por baixo dos
estándares fixados polo Ministerio de Sanidade". Así, resaltan, continúa
a haber "cadeiras de madeira amoreadas nun espazo reducido polo que
resulta complicado transitar" ou "asentos que pola súa dureza non
resultan confortables para as persoas que agardan e que están tan
pegados que fan difícil moverse sen molestar aos que están ao lado" ou
sen atrancar o paso de cadeiras de rodas.
Deficiencias materiais e carencia de persoal
O escaso espazo, detallan, deriva ademais nunha
"carencia de privacidade" para os doentes, que moi habitualmente acoden
acompañados, e nunha escaseza de asentos "que fai que todos os días haxa
persoas de pé" ou trasladadas a asentos que "están de costas á
recepción, de maneira que non poden visualizar correctamente" as
chamadas para acudir ás consultas ou ás salas de tratamento. A "carencia
de perchas" para que os pacientes coloquen a súa roupa mentres agardan
ou reciben a quimioterapia ou a ausencia "dun circuíto independente para
a entrada e saída" de material sanitario únese ás esperas longas de seu,
"de dúas horas ou mesmo máis". Esas demoras teñen causas materais
pero tamén, resaltan, de escaseza de persoal.
"O persoal continúa sendo insuficiente",
manteñen, polo que "aínda que poñan a mellor intención, non poden
ofrecer aos pacientes unha atención adecuada" e "as persoas que
acudimos a recibir tratamentos de quimioterapia continuamos agardando
dende a mañá ata última hora da tarde para comezar a nosa sesión". A
tardanza prodúcese "sen unha previsión de cando imos ser atendidos",
polo que non cabe a posibilidade de marchar e retornar a unha hora
determinada. Esa é a razón de que sexa habitual que os pacientes que
agardan "recibamos un bocadillo e un iogur" ao mediodía agás no caso de
quen ademais dunha doenza oncolóxica padecen diabete.
Todas estas circunstancias, explican, foron as que
supuxeron que a asociación se "vise na obriga de facer pública" a
situación e a pouca eficacia da "solución habilitada polo Hospital
Clínico". Dende a xerencia da área sanitaria infórmase, non obstante, de
que tras as melloras xa aplicadas chegará unha nova fase con novos
equipamentos. A asociación agarda, no entanto, que non se trate dun
"novo xogo malabar para distraer a atención" que perpetúe as carencias
na atención cotiá nun servizo que, ao tempo, acumula prestixio
internacional grazas aos seus avances na loita contra o cancro con
investigacións como o proxecto da biopsia líquida, entre outras, ou o
proxecto de creació da primeira unidade mixta de cardio-onco-hematoloxía
do país.
Praza Pública