Aldea Viva acusa as empresas que xestionan a mina de Touro-O Pino de "disfrazar o evidente desastre ambiental"

A asociación Aldea Viva critica a
utilización interesada do termo "comunidade científica" por parte das
empresas de valorización da antiga mina de Touro-O Pino para avalar
os proxectos que alí se desenvolven. As catro empresas do proxecto
afirmaron esta semana que "as augas de choiva" que chegan ao
depósito de decantación de Bama "cumpren os parámetros esixibles
pola normativa e non afectan o medio natural". E aseguraron que o mesmo
ocorre co caudal do río Brandelos, para o que se basean nas
análises realizadas "por un laboratorio apoiado pola entidade nacional
de acreditación". Para Aldea Viva, o único que están a facer é "avalar
proxectos que responden aos seus intereses".
Aldea Viva recorda que a balsa mineira de Bama
(Touro) que
rebordou durante as fortes choivas e motivou a denuncia por parte desta
asociación, formaba parte das infraestruturas da explotación
mineira de Rio Tinto Patiño que estivo en activo entre os anos 1973-1986.
"Así o constatan as ortofotos dos anos 1983 e 1985, coincidindo co
período de actividade mineira, nas que queda patente a existencia da
balsa", remarca a asociación.
A balsa, proseguen, "por ser a situada na cota máis
baixa da corta de Bama é a que recepcionaba as augas de drenaxe de
entulleiras e cortas situadas na cota superior, que recibía a través
dunha canle de recollida".
"Dende esta balsa as augas serían transferidas ás
balsas de decantación situadas en cota superior mediante bombeo, o que
evitaba o seu rebordamento. Estas instalacións de recuperación das augas
actualmente non existen, polo que o rebordamento da balsa é inevitable
en épocas de choivas, coa consecuente vertedura ao río Brandelos",
denuncia Aldea Viva, que subliña que "modificacións topográficas
posteriores ao cesamento da actividade mineira de Río Tinto deron lugar
a que agora grandes extensións de entulleiras e cortas abertas drenen as
augas directamente ao río".
Dadas as características dos materiais lixiviados,
o contido desta balsa serían "augas hiperacedas de drenaxe aceda de
mina, ás que actualmente se suman residuos derivados dos lodos ou
«supostos tecnosoles», botados en boa parte das entulleiras durante os
últimos quince anos", engaden.
Así mesmo, Aldea Viva denuncia defectos de
impermeabilización e filtracións na balsa", de xeito que "unha vez
finalizan as choivas, esta baléirase por filtración, tal e como sucedía
no pasado mes de decembro".
O BRANDELOS, UN "RÍO MORTO"
Os efectos destas augas fixeron que o Brandelos
sexa hoxe en día un "río morto", polo que os membros de Aldea Viva non
comprenden como, "á vista do estado lamentable dos terreos e das augas,
empresas con intereses nos feitos denunciados e unha vez aberto
expediente pola Administración, proclamen a suposta boa calidade das
augas e rexeneración do río Brandelos"
Así mesmo, consideran que "toda proclama ou aval en
defensa das supostas melloras ambientais por parte de técnicos ou
catedráticos con intereses económicos nestas empresas (directamente
ou a través de familiares) carecen obviamente de toda obxectividade".
Os recentes comunicados destas empresas nos que
valoran positivamente os resultados de supostas analíticas non poden ser
cualificados máis que de "operacións de marketing e lavado de imaxe",
para Aldea Viva, que as acusa de utilizar "falsos eufemismos",
como chamar "agua de chuvia" ás drenaxes de mina, ou "depósito de
decantación" a balsa mineira, "todo co propósito de disfrazar o
evidente desastre ambiental que se vén producindo dende os anos
oitenta".
Aldea Viva agarda ao avance na tramitación do
expediente pola Administración autonómica, a quen corresponde a
vixiancia e control, e establecer as medidas correctoras e cohercitivas.
Galicia Confidencial
Vídeo de GaliciaPress