O uso do galego, unha forma de activismo e de resistencia social

Bernadette O'Rourke é profesora de
español e de Lingüística no Departamento de Linguas e Estudos
Interculturais da Universidade Heriot-Watt de Edimburgo
(Escocia). Experta na realidade lingüística galega, sobre a que
ten investigado amplamente e publicado varios traballos científicos,
agora vén de presentar un novo estudo no que describe o uso do galego
como "forma de resistencia" e de "activismo" entre os neofalantes.
Os resultados do seu traballo de campo con novos
galegofalantes indican que estes "reaccionan ante o que perciben como
unha gobernamentalidade vertical" e "ao mesmo tempo se involucran nun
proceso reflexivo de cuestionamiento das estruturas de poder
existentes a través do seu uso activo do idioma".
O'Rourke constatou que "moitos novos falantes de
galego apoian a política nacionalista galega na extrema esquerda do
espectro político e algunhas veces están vinculados con
movementos anticapitalistas". Actitudes e posicionamentos nos
que a adopción da lingua galega supón para estes neofalantes un
aliñamentio coas súas ideoloxías políticas.
O traballo da profesora da Universidade
Heriot-Watt de Edimburgo describe como a adopción
intencionada da lingua galega por parte de neofalantes está relacionada
coa "resistencia ás políticas lingüísticas establecidas por grupos e
institucións que ocupan a esfera de elite en Galicia", expón a
profesora, que convida a considerar a "reflexividade dos activistas da
linguaxe" e "o que a súa toma de posición reflexiva sobre os problemas
da lingua pode revelar acerca da relación entre a práctica lingüística,
a resistencia política e o cambio social".
Froito das entrevistas en profundidade con
neofalantes de galego, O'Rourke descubriu que para estes "falar en
galego constitúe unha forma de resistencia contra a incapacidade
percibida do que se considera unha gobernamentalidade lingüística
vertical para provocar un cambio sociolingüístico real en
Galicia".
Así, "impulsados por unha conciencia de
subordinación histórica de Galicia e pola dinámica sociolingüística
contemporánea da comunidade, a miúdo expresan un forte sentido de
responsabilidade para asegurar a futura supervivencia do idioma,
así como un compromiso claro para corrixir o que ven como unha situación
de inxustiza social e política", detalla a autora do
estudo.
Tales consideracións, di, son as que parecen levar
a mudar a preferencia idiomática destas persoas e pasa a combinar o
español e o galego ou mesmo "nalgúns casos desprazando completamente o
seu primeiro idioma e adoptando prácticas monolingües en galego".
Aínda que O'Rourke apunta a que este comportamento
sociolingüístico é adoptado por menos do 2% da poboación galega, segundo
datos do Instituto Galego de Estatística, tamén salienta que "este
desprazamento do idioma dominante pode ser explicado polo menos en parte
por un cambio de enfoque que se afasta dos modelos funcionalistas de
contacto co idioma e cambia cara a unha comprensión destes procesos
desde a perspectiva do conflito lingüístico".
É dicir: "As prácticas destes novos falantes
activos non se poden ver simplemente como desviacións do status quo
sociolingüístico, senón como reaccións a el e como defensa do cambio
social", expón a profesora.
O'Rourke argumenta que mediante o seu comportamento
lingüístico, estes neofalantes "contribúen á transformación dunha orde
sociolingüística existente, unha orde social coa que están
profundamente insatisfeitos".
Esta nova achega publícase na revista científica Journal
of Multilingual and Multicultural Development co título
'Just use it! Linguistic conversion and identities of resistance amongst
Galician new speakers'.
Recollido de Galicia Confidencial