Proxecto de saneamento da ensenada d'A Malata. Feitos consumados

Hoxe 5 de abril de 2018, o Consello de
Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou esta
mañá outorgar unha concesión en favor do Concello de Ferrol de
6.078 metros cadrados situados en zona de servizo da institución, o 87,3
% dos mesmos enterrados e os outros 771 en superficie. Trátase dos
terreos necesarios para executar o proxecto de saneamento da ensenada
d'A Malata, o que resta para case completar o programa de depuración da
Ría.
A lei obriga á exposición pública dos proxectos de
infraestruturas que afectan á comunidade, mais que hai de realidade e
que hai de formalismo?
Avanzamos cara a feitos consumados, da-se
por aprobado un proxecto, cando aínda non se resolveron as alegacións e
queda por aprobar o proxecto definitivo, a Autoridade Portuaria de
Ferrol aproba a concesión a favor do Concello, outorgando o espazo
necesario para executar o proxecto de saneamento d'A da Malata
presentado inicialmente, un proxecto que ten un deseño de hai máis de 15
anos e que se rematou de elaborar con todos os seu anejos en 2014,
mais que puido estar xa hai tempo en exposición pública e que se fai con
catro anos de atraso, coa presión da necesidade urxente de dispor xa do
saneamento "integral" da Ría. Aínda que sexa completando a
depuración dunha zona que afectaría ás augas residuais de case 15.000
persoas, cun sistema unitario que non separa as augas pluviais das
fecais. Houbo un precioso tempo que se perdeu a sabendas, para modificar
o sistema, ademais de incluír no mesmo á Graña, Os Currais e o río
Sardiña co regato de Aneiros.
A Plataforma na Defensa dos
Servizos Públicos, pola Remunicipalización presentara o pasado 28 de
febreiro alegacións ao Proxecto que adoece de sustentabilidade ao non
contemplar un sistema separativo e a inclusión d'A Graña, Os Currais e o
Río Sardiña.
A Plataforma, fiel á súa orixe na loita polo
saneamento integral da Ría e na defensa dos servizos públicos, presentou
no rexistro do Concello de Ferrol, un
escrito de Alegacións e consideracións ao Proxecto de Saneamento na
Malata, un vello proxecto que comezou en 2008 e que se rematou
en 2014. Un proxecto que se expón a información pública conforme ao
disposto no Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello
de Ferrol, asinado o 18 de setembro do pasado ano 2017, por Beatriz Mato
Otero, Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en nome
e representación da entidade pública empresarial Augas de Galicia e
Jorge Suárez Fernández, Alcalde do Concello de Ferrol.
Segundo a
nota da Autoridade portuaria "os traballos que se levarán a cabo
contan cun orzamento 7.115.000 euros, que o Goberno autonómico xa
liberou. Agora é o Concello de Ferrol o que debe poñer o chan a
disposición da Xunta, en virtude dun convenio subscrito con Augas de
Galicia".
Seguen dicindo que "Basicamente, as obras
consistirán en habilitar dous tanques de tormentas, un nas inmediaciones
de FIMO e outro próximo ao Centro de Innovación e Servizos (CIS). Tamén
se dotará a zona dunha estrutura de regulación, que controlará o caudal
procedente da marxe este de a enseada d'A Malata transportado polo
colector xeral. Igualmente, o proxecto inclúe a construción dunha rede
de colectores xerais de saneamento e a súa conexión con existente, a
máis diso a remodelación do bombeo existente na Cabana".
Manifesta no seu escrito a Autoridade Portuaria qu "as condicións de
concesión determinan que os traballos haberán de comezar no prazo máximo
dun ano, a contar desde mañá, e que terán que finalizar, como moi tarde,
16 meses logo de comezar". Poñendo un prazo de execución cando o
proxecto aínda non é definitivo e o Concello non o tratou sequera na
Comisión Informativa de Urbanismo, nin o levou a Pleno e parece que
ainda queda. Tratara-se dunha nova presión orquestrada por Miguel
Tellado como director da sinfonía para atacar e deixar máis en
evidencia a este goberno de Jorge Suárez?
Continua a nota dicindo
que "esta actuación, segundo o Goberno galego, 'facilitará a
recuperación ambiental, implicará un incremento dá competitividade
económica e turística dá zona e aumentará a calidade de vida dos
veciños'. De acordo cos seus cálculos, as infraestruturas planificadas
darán servizo a uns 15.000 habitantes".
Remata a Autoridade
Portuaria manifestando que "o acordo do consello de administración
conta con informes favorábeis da Consellería de Medio Ambiente, fechado
a 29 de xaneiro de 2018; da Capitanía Marítima de Ferrol, do 13 de
marzo; da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, do 20 de marzo; e
da Consellería do Mar, do 23 de marzo". Segue dicindo que "este
último impón aos responsábeis das obras unha serie de requisitos, como
'realizar con carácter previo un control do sedimento e da calidade das
augas que existe na actualidade nas proximidades dos puntos de vertido'
e 'evitar na apertura de gabias e nas provisións purulentos que, polas
choivas, o material poida chegar ao medio mariño, ben instalando valas
de protección ou cubrindo os materiais purulentos tanto nas provisións
como nos transportes".
Agardemos unha reflexión e acorden a
tempo unha revisión do proxecto, para transforma o sistema nun acorde
aos principios da sustentabilidade que esixe a loita contra o cambio
climático, con aforro enerxético e un tratamento diferenciado para a
auga da chuvia e que está poda chegar ao mar de xeito natural polos
regatos.