Universidade | Central Unitaria de Traballadoras/es da Universidade da Coruña
  • Número 389
  • 09 de abril de 2018

Universidade

Reunión do Consello de Goberno do día 3 de abril

A coincidencia coa reunión da Xunta de Persoal impediu a presenza do PAS

O día 3 de abril, coincidindo coa reunión da Xunta de Persoal, motivo polo que a representación do PAS non puido estar presente,  realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno na que se aprobaron as modificacións da RPT que se presentaron. Adaptación da RPT  consecuencia da promoción interna á escala de xestión da udc- subgrupo A2. Con esta modificación lévase a efecto o acordo asinado o 31 de agosto de 2016. Nesta mesma sesión aprobouse outra modificación da RPT para adaptar a denominación dalgúns postos de traballo á estrutura orgánica.

Nesa mesma sesión, ademais da aprobación da modificación da Normativa pola que se regula a dedicación do Persoal Docente e Investigador, aprobou tamén, o límite de prazas nas titulacións de grao e mestrado para o próximo curso 2018/2019.

Neste próximo curso, a UDC ofertará dous novos graos: Grao en Paisaxe, con 50 prazas e que se impartirá na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo os dous primeiros cursos e na Escola Técnica Superior de Arquitectura os dous últimos, sendo o primeiro grao interuniversitario do Sistema Universitario Galego; e o Grao en Xestión Industrial da Moda, con 50 prazas e que se impartirá na Facultade de Humanidades e Documentación no Campus de Ferrol.