A Xunta paga 300.000 euros a unha empresa pola comunicación do hospital de Pontevedra que xa ten xefe de prensa en persoal

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pagou máis de
300.000 euros ás dúas empresas privadas ás que encargou a xestión do
gabinete de prensa do hospital de Pontevedra, a pesar de que dispón para
esa tarefa dun funcionario de persoal que ocupa unha praza á que están
asignadas especificamente esas tarefas. Só no último ano e medio o
Sergas asignou preto de 88.000 euros á firma beneficiaria da última
adxudicación, propiedade dunha ex asesora de Alejandro Millán Mon, ex
gobernador civil de Pontevedra con José María Aznar e irmán do
eurodeputado do PP Francisco Millán Mon, á súa vez cuñado do presidente
do Goberno, Mariano Rajoy.
O Sergas decidiu hai máis de quince anos, baixo
mandato de Manuel Fraga, consolidar os postos dos xefes de prensa dos
seus hospitais, que ata esa data eran contratados polas xerencias como
asesores, para que pasasen a ser funcionarios da administración galega
con praza en propiedade. Pero no ano 2009, e tras a chegada de Alberto
Núñez Feijóo á Xunta, o entón xerente do Complexo Hospitalario de
Pontevedra (CHOP), José Manuel González Álvarez, decidiu contratar a
unha firma externa, Tekla Comunicación, para levar as relacións cos
medios de comunicación. Fíxoo mediante o procedemento negociado, que
permite obviar os trámites dun concurso público. A empregada de Tekla
que se encargou de desenvolvelas foi María Sara Lago Arango, xefa de
Prensa de Millán Mon mentres este ocupou a Subdelegación do Goberno en
Pontevedra entre 1996 e o 2004.
O último contrato do Sergas con Tekla data do ano
2013, cando González Álvarez lle adxudicou a xestión integral da
comunicación corporativa da área sanitaria pontevedresa por un importe
de 36.125,76 euros En decembro do ano seguinte, o xerente decidiu
prescindir desa sociedade e adxudicar o servizo, de novo mediante o
procedemento negociado, a Larango Comunicación. A empresa fora creada só
cinco meses antes e a súa administradora única, segundo o boletín do
Rexistro Mercantil, é Sara Lago Arango. O prezo da licitación, 25.8984
euros, representaba case 10.000 euros menos que o do contrato de Tekla,
é dicir unha cantidade moi próxima á diferenza entre o que esta recibía
do hospital e o que pagaba á súa empregada.
O xerente prorrogou ese contrato ata o 2016, data
en que volveu encomendar as mesmas tarefas a Larango mediante o mesmo
procedemento administrativo, é dicir sen concurso público, por un prazo
de ano e por un importe de 29.520 euros anuais. González Álvarez deixou
a xerencia no 2017, pero o hospital seguiu prorrogando o convenio con
Larango de maneira irregular, dado que a lei de contratación públicos
impide que os períodos das prórrogas dunha adxudicación superen aos
establecidos na licitación inicial.
Cando os medios de comunicación o requiren para
solicitar información sobre asuntos relacionados co hospital de
Pontevedra, o Sergas non remite ao seu servizo de prensa propio e con
despacho no centro, senón a esa empresa privada, na que Sara Lago actuou
da mesma forma que Tekla actuou con ela. É dicir, contratando a outro
empregado para que leve especificamente a comunicación corporativa do
hospital.
Desde que González Álvarez externalizou eses
labores, o Sergas asignou máis de 300.000 euros ás dúas empresas,
mentres, segundo puido saber Público, o funcionario que ocupa en
propiedade a praza ás que estaban asignados viu reducidas as súas
funcións á revisión de medios e á elaboración do boletín de prensa
diaria. Toda a relación cos xornalistas realízase a través de Larango.
O pasado 22 de marzo, Público dirixiuse por
teléfono e por correo electrónico á Xerencia e ao departamento de
Comunicación do Servizo Galego de Saúde para que puidesen ofrecer a súa
versión dos feitos, pero o Sergas non explicou a que obedecía a decisión
de externalizar as funcións dos seus traballadores nin se esas
duplicidades de gasto se repiten nos mesmos e noutros departamentos dos
hospitais públicos.
A Xunta contestou apenas dúas horas despois de que
o artigo se publicase o 1 de abril, asegurando que a externalización do
servizo de comunicación non é unha duplicidade, senón “un reforzo” que
se xustifica en que a área sanitaria de Pontevedra é moi ampla e dá
cobertura “a tres hospitais e 46 centros de saúde que atenden a unha
poboación de máis de 300.000 habitantes”. Ese reforzo, con todo, non
existe en áreas sanitarias considerablemente maiores, como as de Vigo e
A Coruña, que atenden cada unha a medio millón de persoas.
O Sergas defende que a contratación con Larango
“cumpre todos os requisitos” e nega que o servizo se estea prestando de
forma irregular, dado que a última adxudicación por un ano foi en
outubro do 2016, polo que aínda está dentro dos prazos legais.
Publico.es - JUAN OLIVER