A ONU non cre que haxa sanidade universal en España e pide que se restaure

O Comité para a Eliminación da Discriminación
Racial da Organización de Nacións Unidas (ONU) deu un ‘toque' a España
por restrinxir o acceso á súa sanidade pública dos inmigrantes sen
papeis a raíz do decreto 16/2012 publicado en abril dese ano.
Os seus integrantes –18 especialistas independentes
oriúndos de diversas nacionalidades– reclaman ao goberno español que
restaure a asistencia sanitaria pública universal e que revise,
igualmente, o rexeitamento sistemático das súas autoridades fronteirizas
aos migrantes e refuxiados.
A normativa aprobada no seu día polo actual goberno
en funcións fixou por decreto a extinción da atención sanitaria gratuíta
a inmigrantes que se atopen en situación irregular en España. Nese punto
do decreto céntrase agora o aviso do organismo comunitario, que
desconfía da existencia en España dunha sanidade universal, menos aínda
no caso destas persoas.
Saúde e integridade dos migrantes
Así mesmo, do mesmo xeito que fixeron xa o Comité
de Dereitos Humanos e o Comité contra a Tortura, os expertos da ONU
instaron ao Estado a investigar de maneira “pronta, eficaz, completa e
transparente” as alegacións de uso excesivo da forza por parte das
forzas de seguridade en operacións de expulsión, incluíndo o Tarajal,
onde o 6 de febreiro de 2014 morreron 15 inmigrantes.
Nun documento ao que tiveron acceso as axencias de
noticias, o Comité expresa “a súa grave preocupación pola práctica de
devolucións sumarias por parte das forzas de seguridade españolas na
liña fronteiriza da demarcación territorial de Ceuta e Melilla”, e
recomenda revisar a Lei de Seguridade Cidadá no que se refire ao
‘rexeitamento en fronteira' así como garantir o acceso a procedementos
de asilo a todas as persoas susceptibles de protección internacional.
Informe do Comité para a Eliminación da Discriminación Racial da ONU
Redacción Médica