• Número 389
  • 09 de abril de 2018

Loita obreira

A loita de Amazon continúa: os sindicatos anuncian novas mobilizacións

Traballadores de Amazon durante a folga do 21 e 22 de marzo en San Fernando de Henares

Trala exitosa folga do 21 e 22 de marzo, que logrou paralizar absolutamente durante 48 horas o almacén de Amazon en San Fernando de Henares (o centro máis grande de Amazon en todo o estado), a empresa cumpriu finalmente a súa ameaza de implantar o coñecido como “convenio Sectorial”.

Aínda que impuxo un “paquete de melloras Amazon”, este atópase “por baixo da oferta á que os e as traballadoras xa dixeron que non a comezos de marzo”, denuncia un comunicado do comité de empresa difundido na tarde do martes.

“A ameaza da empresa cando se realizaron as asembleas do 9 e 10 de marzo era que se non saía o acordo pactado ían impoñer o convenio sectorial ‘puro', é dicir, sen ningunha mellora”, di Marc Blanes, delegado de CXT no Comité de Empresa de MAD4 (a denominación que dá Amazon ao seu almacén en San Fernando). Estritamente falando, a empresa impuxo o convenio con complementos, pero estes non son nin de lonxe o que pedían os traballadores. Ao contrario, son un ataque ás condicións laborais do persoal.

En concreto, o novo convenio implica un ataque en relación ao plus por nocturnidade e a supresión da categoría profesional T2. Por unha banda, a quenda de noite será peor paga. Se ata agora a hora extra pagábase un 25% máis, agora farao só un 20%. Doutra banda, a supresión da categoría profesional T2 (que supón o 40% do persoal) supoñerá un recorte de soldo para unha parte importante dos traballadores que non ascenderán á devandita categoría. Tamén se establece unha redución da flexibilidade horaria, que pasará dun máximo de 120 horas fronte ás 150 previas.

Pero ademais o novo convenio impón que durante 24 días do calendario laboral anual traballaranse 9 horas. “Como o convenio sectorial obriga a Amazon a diminuír en tres días o total anual de xornadas laborais, o que fixo a empresa é coller as horas de traballo efectivo deses tres días e repartíronas ao longo do ano (…) máis precisamente, durante os sete días de xullo que é o prime day, e case todo decembro, teremos que traballar 9 horas no canto de 8…”, sinala Marc. “Nos dous anos anteriores polo noso convenio tiñamos que traballar 224 días, pero nos feitos por dous pactos que houbo en 2016 e 2017 traballábanse 223 ou 222. Agora eses días vólvennolos a coar distribuídos. Así que, nos feitos, imos traballar máis tempo que os anos anteriores.”

Despois da folga

A folga de 48 horas contra “o peor empleador do mundo” non só mostrou a forza dos case dous mil traballadores e traballadoras de San Fernando fronte, tamén cambio a moral do persoal.

“A produtividade do centro despois da folga está a baixar”, afirma Marc, que durante o 21 e 22 de marzo estivo xunto aos seus compañeiros e compañeiras á fronte do sostemento dun gran combate de clase que o comité de empresa cualificou de histórico.

“A xente está desmotivada e os cocientes de produción están a baixar unha chea. Xente que antes se deslombaba porque pensaba que podía mellorar, que podía promocionarse e aínda que fóra en forma egoísta ter unha mellor posición na empresa, por mor da folga e principalmente dos cambios que impuxo a empresa, agora xa non se matan traballando, como debe ser”, di Marc.

O dato non é menor. O sistema de traballo de Amazon ten o seu centro de gravidade na explotación máxima do “rendemento individual” dos traballadores ou, dito doutro xeito, no aumento permanente da intensidade do traballo. A folga mostrou que o “milagre” de Amazon só é posible a través da hiperexplotación dos seus traballadores. Pero a tortilla comeza a darse volta.

“Para moitos foi a primeira folga da súa vida… mesmo para min, como para a maioría dos compañeiros e compañeiras máis novas”, di Marc. “Hai outros compañeiros que teñen máis experiencia, pero facía moitos anos que non facían nada disto.”

Despois da folga o clima do persoal é de unidade e recoñecemento da súa propia forza. “A implantación do convenio foi recibido como ‘un hostión', a pesar das melloras, pero a gran maioría está convencida de que se a loita non segue non ten sentido facer unha folga.”

O balance neto é indubidable: a loita serve. “Aínda que non se pode medir isto nun resultado a curto prazo”, advirte Marc. “Non é que fas unha folga e ao mes a empresa xa asina un acordo, pero hai un novo clima, unha demostración de unidade e unha mellor relación de forzas… e iso é o que imos utilizar para continuar a loita.”

Superexplotación, temporalidade e represalias

Trala folga “as represalias xa tiveron lugar”, afirma o comunicado do Comité de empresa. Por unha banda, con traballadores “que chegaron a facer ata 20 horas de traballo extraordinario obrigatorio nos días posteriores á folga en plenas vacacións de Semana Santa”, pero tamén con compañeiros “temporais que sufriron as consecuencias de sumarse ao paro e estar presentes nos piquetes informativos, ao non dar continuidade a varios dos seus contratos.”

En efecto, despois da folga Amazon non lles renovou os contratos a moitos traballadores e traballadoras de ETT que a secundaron. Unha clara represalia porque, di Marc, “non houbo baixada de traballo, senón incremento.” Despedimentos encubertos.

“Os compañeiros e compañeiras das ETT son o sector máis explotado e con maior presión da empresa para aumentar a produtividade”, afirma Marc con indignación. “Quen está por ETT hoxe seguramente sexan os que maior produción fan, porque non saben se lles renovan o contrato nunha semana, nun mes, e iso úsao a empresa para presionar máis aos compañeiros.”

Pero, ademais, “as ETTs teñen unhas consecuencias a nivel de dereitos sindicais que non viramos ata agora”, afirma Marc. “No día a día ti ves que os compañeiros que están por ETT están máis ‘puteados', pero chega o día da folga e xa é que esta xente non só non ten representación sindical, senón que ademais vese suxeita a un nivel de coaccións e ameazas que non sufrimos os indefinidos.”

En resumo, “o dereito a folga para os temporais non existe” denuncia Marc. “Aos que participaron non lles renovan os contratos, e desde o punto de vista legal isto non é un despedimento nin houbo vulneración do seu dereito a folga, pero é unha consecuencia directa”.

Neste marco, un resultado non buscado pola empresa é que o convenio sectorial limita ao 25% a cantidade de traballadores que a empresa pode ter contratados mediante ETTs. Ata agora non había límite algún, polo cal a empresa de arredor de 2000 traballadores, aínda mantén preto do 40% do persoal (800 traballadores) baixo distintas modalidades de contratación temporal.

“Agora a empresa vese forzada a reducir a cantidade de traballadores con contratos temporais”, di Marc, “pero hai que ver se o implementa, porque se non o fai tamén se denunciará, é parte da nosa loita”.

O novo calendario de mobilizacións do comité de empresa de Amazon expón dúas accións de loita relacionadas directamente coa situación dos traballadores e traballadoras de ETT. O venres 13 de abril convócase a dúas concentracións nas sedes de Adecco e Manpower (dúas das principais empresas de traballo temporal do mundo), denunciándoas como “cómplices de coaccións e as non renovacións a compañeiros despois da folga”.

A loita de Amazon, que busca a unidade entre indefinidos e temporais, é un exemplo para un mercado de traballo dualizado e no que a temporalidade e precariedade laboral foi unha das “grandes conquistas” da ofensiva neoliberal das últimas décadas. Por iso, terminar coa precariedade e a temporalidade, que foi imposta nas últimas décadas coa complicidade das burocracias sindicais dos principais sindicatos, é o gran combate da clase obreira do século XXI para unificar as súas propias filas.

Plan de loita: o conflito de Amazon sae á rúa

Ao seguir sen noticias da Empresa, as seccións sindicais de MAD4 acordaron este martes convocar novas mobilizacións para o mes de abril.

O 5 de abril concentraranse novamente ás portas do centro para expoñer o calendario de mobilizacións do mes, mentres que o día 13 os traballadores concentraranse ás portas das ETT da zona, Adecco e Manpower.

E o día 20, os traballadores “visitarán” á dirección de Amazon España, cunha gran manifestación por Madrid que comezará ás 11 horas en Legazpi para finalizar fronte ás novas oficinas corporativas de Amazon na zona de Delicias (Madrid).

Pero “o obxectivo gordo é o prime day”, adianta Marc. Xunto co “black friday”, o “prime day” é un dos dous días de maiores vendas do ano. Para esa data, fixada cada ano pola empresa coincidindo co aniversario da chegada de Amazon a España (adoita ser entre o 5 e o 10 de xullo), a loita de Amazon ameaza con que non poida realizarse “mentres se manteña o conflito" e darlle un novo desgusto ao capitalista máis rico do mundo.

Izquierda Diario