Ferrol dedica máis dun mes de homenaxe a Carvalho Calero

O Ateneo Ferrolán acolle a quinta feira, 5 de
abril, unha palestra sobre unha das principais dimensións de Carvalho
Calero: a de profesor e lingüista. Corre a cargo de dous docentes,
Xosé María Dobarro e Aurora Marco.
Carvalho Calero foi o autor dun ensaio aínda de
referencia sobre as letras galegas, Historia da Literatura Galega
Contemporánea (1963). Sobre esa faceta versará, o vindeiro 12 de
abril ás oito do serán na Fundaçom Artábria, a conferencia de
Enrique Dacosta: Carvalho, o estudoso da literatura. Á semana
seguinte, 19 de abril e tamén ás oito do serán no Ateneo, o historiador
Bernardo Máiz achegarase á Acción política de Carvalho.
Home progresista, de cultura e formación
republicana, nacionalista, foi ademais autor dunha importante obra
literaria, entre a que o seu romance Scórpio (1987) ocupa un
lugar sobranceiro. As profesoras e escritoras Carmen Branco
e Claudio Rodríguez Fer trataran desa dimensión o 26 de
abril, ás oito do serán, no centro cultural Torrente Ballester.
No mesmo centro cultural e á mesma hora, pero o 10
de maio, Antón Rodríguez presentará o seu filme
documental sobre o tamén pai do reintegracionismo lingüístico,
Vieiros de Esperanza.
O ciclo de homenaxe rematará o 18 de maio no Teatro
Jofre cunha “xornada lúdico festiva”. Nela intervirá a filla do
intelectual, María Victoria Carvalho Calero Ramos, e haberá recitado de
poemas -con Medos Romero, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé
María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Marcos Abalde, Iolanda Teixeiro,
Roi Sanz e Aitana Tizón- e música, con Xiana Lastra, Alberte Pombo,
María Manuela, Bernardo Máiz Bar, Xulio Sueiro e Vítor Santalha.
Sermos Galiza