• Número 385
  • 12 de marzo de 2018

Universidade

Reunión da Xunta de Persoal e posterior reunión da Xerencia coa Xunta de Persoal

O xerente deriva as súas decisións a unha reunión que convocará a vindeira semana

Como vos anunciamos no anterior PASquín, o pasado día 8 realizamos unha nova reunión da Xunta de Persoal na que preparamos a posterior reunión convocada pola Xerencia.

1. Proposta de modificación da RPT

A Xerencia fai unha proposta de modificación parcial  e urxente da RPT en dous aspectos:

Adaptación das denominacións das vicerreitorías, vicexerencias e outras unidades administrativas consonte ao establecido na Resolución Reitoral do 12 de xaneiro de 2016 pola que se aproba a estrutura orgánica dos servizos centrais da UDC.

TÁBOA DE EQUIVALENCIAS

DENOMINACIÓN EN RPT VIXENTE

DENOMINACIÓN PROPOSTA

Vicerreitoría de Investigación e Transferencia

Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia

Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura

Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria

Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación

Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación

Vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías

Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente

Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas

Vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade

Sección de Protocolo

Oficina de Protocolo

Vicexerencia Campus da Coruña

Vicexerencia de Asuntos Económicos e Análise de Custos

Vicexerencia Campus de Ferrol

Vicexerencia do Campus de Ferrol e Apoio ao Emprego

Servizo de Patrimonio, Inventario e Xestión Económica

Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica

Gabinete de Comunicación e Medios Audiovisuais

Unidade de Comunicación e Medios Audiovisuais

Ademais, entende a Xerencia que é necesario concretar cales son aqueles postos que resultan axeitados para prover polo sistema de concurso específico regulado no artigo 91 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia.

 

A Xunta de Persoal non entende o apuro institucional en modificar a RPT en aspectos que ben poden agardar á negociación en profundidade da RPT que anunciou a propia Xerencia mentres que non se contempla a asignación do grupo A2 ás prazas que o precisan a raíz da promoción, proceso que está a piques de rematar, incumprindo, unha vez máis o comprometido á Xunta de Persoal.

Con respecto á proposta a Xunta de Persoal non ten problema coa primeira parte da mesma ao tratarse exclusivamente dun cambio de denominación.

A Xunta de Persoal manifesta o seu total desacordo coa intención da Xerencia de introducir como xeito de provisión o concurso específico nas prazas que non sexan de xefatura de servizo e moito menos está de acordo coa proposta que fai a Xerencia.

Nas asembleas realizadas agora hai un ano xa sinalabamos os motivos que nos levaban a rexeitar a intención da Xerencia de modificar a RPT para establecer como xeito de provisión o concurso específico para os postos con nivel superior ao 24 e, posteriormente, ao 25

Na proposta que presenta agora o concurso específico abarcaría incluso a prazas con nivel 21.

A Xunta de Persoal rexeita novamente a proposta da Xerencia por:

1.    Reiteramos que nos opoñemos a introducir na RPT o concurso específico en máis categorías que as contempladas expresamente na Lei 2/2015 de 29 de abril, do emprego público de Galicia polos motivos xa expresados nas asembleas.

2.    Tendo como referencia esencial o anterior postulado, tampouco aceptamos a proposta da Universidade porque significa introducir criterios diferentes segundo a escala de pertenza. A modificación afectaría exclusivamente a prazas da escala técnica.

3.    Parécenos extemporánea, interesada e inaceptable a intención da Xerencia de cambiar a RPT no medio do concurso de méritos, queda o Servizo de Informática e Comunicacións sen convocar. Isto suporía que o concurso tería diferentes bases ao que está en marcha.

2.- Cuestións derivadas do nomeamento do persoal do subgrupo A2

O feito de que na proposta de modificación puntual da RPT non apareza a posibilidade acordada coa Xerencia de que os postos afectados se barrasen ao grupo A2, manifesta que o xerente non ten intención de cumprir o acordado e presuponse que se nos proporá retrasar até a toma de posesión do concurso a modificación. Inaceptable, tal e como xa se lle comunicou no seu día ao xerente.

3.- Cuestións derivadas da toma de posesión do concurso de méritos

A Xunta de Persoal acorda que a toma de posesión do posto acadado no concurso ten que se realizar desde a praza que @ funcionari@ ten en propiedade. Neste proceso a persoa interina que ocupa o posto debe cesar. Entende a Xunta de Persoal que este procedemento é o legal e é o único xeito de que asegurar a integridade da lista de agarda.

Outros acordos:

1.    Reclamar, de novo, a listaxe de persoal que solicita prorrogar a súa vida laboral.

2.    Reactivación do convenio de mobilidade do SUG, que non se reúne desde hai anos.

3.    Urxir a negociación da Oferta de Emprego Público do ano 2018 de xeito que permita a acumulación coas dos anos 2015, 2016 e 2017

Reunión da Xunta de Persoal coa Xerencia

1. Proposta de modificación da RPT

Diante da negativa da Xunta de Persoal, o xerente sinala que a vindeira semana convocará unha nova reunión na que dará unha resposta

2.- Cuestións derivadas do nomeamento do persoal do subgrupo A2

Tal e como se supoñía na reunión da Xunta de Persoal, a Xerencia pretende retrasar a modificación da RPT até a toma de posesión do concurso. Diante do rexeitamento da Xunta de Persoal dará a resposta na reunión da vindeira semana.

3.- Cuestións derivadas da toma de posesión do concurso de méritos

Neste punto a Xerencia entende que se pode e debe realizar a toma de posesión da praza obtida no concurso desde o posto que se ten en comisión de servizo. Diante do rexeitamento da representación d@s traballador@s a Xerencia responderá na reunión da vindeira semana.

Sobre os outros acordos:

1.    A Xerencia enviará á Xunta de Persoal a listaxe solicitada.

2.    Convocará aos xerentes das outras universidades para reactivar o Convenio de mobilidade.

3.    A Xerencia chega agora á conclusión de que as Ofertas de Emprego Público deben executarse no prazo que establecen as leis (a do Emprego Público de Galicia e a de Orzamentos Xerais do Estado), polo tanto a acumulación acordada debe executarse, facendo a pertinente convocatoria, antes do 7 de novembro de 2018. Transmitirá a proposta da institución tamén a semana vindeira.

Como vedes, o xerente aplica a mesma receita para todo. Retrasar a unha nova reunión o que, supoñemos que nalgún caso, xa ten decidido. Advertíuselle sobre esta circunstancia.