• Número 385
  • 12 de marzo de 2018

PENSIÓNS

A subida das pensións nin está nin lle espera

Sobre o futuro do asunto, fontes próximas ao goberno afirman que non cren en sorpresas que poida dar Mariano Rajoy no pleno sobre pensións

Analizamos as declaracións de todos os portavoces na Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo, do Congreso dos Deputados, trala reunión do mesmo e mergullámonos nos mentideiros sobre o futuro inmediato da cuestión e o que se espera do pleno monográfico sobre pensións que convocou Mariano Rajoy para o vindeiro mércores.

A semana pasada a reunión da Comisión do Pacto de Toledo, que é onde se tenta acordar o futuro das pensións, forzou un novo encontro para esta e un cambio na orde do día. A proposta dos socialistas, volveuse ao punto 2, o que marca o mantemento do poder adquisitivo das pensións. A rúa esíxeo e esta vez parece que o parlamento escoita.

Con todo, a esperanza de que o acordo avance vai por barrios. O portavoz do PNV, cualificaba a reunión de hoxe como “un dos días máis interesantes”. “Hai vontade de chegar a acordo; todo o mundo está de acordo en que o 0,25 non serve para actualizar as pensións”, dicía claramente e pedía a Mariano Rajoy que faga unha proposta ao Pacto porque aínda que non sexa habitual “a situación é extraordinaria e require posicións extraordinarias tamén do goberno”.

Unidos Podemos, por boca de Alberto Montero non o vía tan claro: “O PP viña hoxe a non conseguir ningún avance na cuestión da revalorización das pensións. Hai un pleno previsto a próxima semana no que aparecerá Rajoy e non queren anticipar nada”. “O PP non quere volver ao IPC; así que os pensionistas teñen que saber que as súas pensións van seguir revalorizando ao 0,25 os próximos anos”.

Por Ciudadanos, Toni Roldán, propuxo facer “reformas laborais para que teñamos un mercado laboral que non sexa o máis precario de Europa e para que teñamos uns índices de natalidade que non sexan os máis baixos de Europa. Soamente no longo prazo podemos conseguir que este sistema sexa sustentable de verdade e que o podamos gozar os maiores do futuro”. “Hai que pensala como unha reforma no seu conxunto” “Nós xa propuxemos unha baixada do IRPF, que permitiría unha subida para os pensionistas mileuristas de 60 Euros, bastante máis dos 6 que sería a tradución da subida que propón o Psoe, para unha cuarta parte dos pensionistas”. “Esta sería unha medida a curto prazo. Poderíase ter a partir do próximo presuposto pero, ademais, debemos abordar as cuestións estruturais do sistema”. “O psoe de momento fixo propostas podemitas pero non explicou absolutamente nada de como pensa financialas”.

Polo Psoe, Mercé Perea explicou que non presentaron memorias económicas das súas propostas porque “eses datos tenos o goberno” e porque “non estamos niso”. “Agora estamos en que pensións queremos; con este sistema do PP en menos de vinte anos estaremos sen pensións públicas; 18.800 millóns de déficit”. “En toda Europa garántese o poder adquisitivo das pensións con arranxo ao IPC”. “Hai 11 países europeos que gastan máis en pensións que nós”. “O goberno ten que rectificar, ata Ciudadanoss dixo que hai que tocar o IRP”, que é o índice que dá lugar á subida do 0,25. Cre que “está claro que o PP quere gañar tempo” e di ter, con ironía ou non,  “a esperanza de que Mariano Rajoy traia de agasallo o IPC o mércores que vén”, ao pleno monográfico que convocou.

Do PP, Gerardo Camps, falou de traballo, “traballo e máis traballo”. “As propostas son variadas”. Mesmo foron variando ao longo do día, denunciou e, como exemplo, puxo a proposta de Carles Campuzano de acabar co factor de sustentabilidade para ir elevando a idade de xubilación en estimación do crecemento da esperanza de vida. Pide que se concrete e “que se fagan estudos económicos, proxeccións e estimacións que ata agora non existen”. Chegamos a escoitar, dixo, que “hai que reformar a reforma de 2011 e acabar co factor de sustentabilidade; para que me entendan todos os pensionistas, estamos a cambiar a base sobre a que hai que aplicar a revalorización e, por tanto, podemos estar a falar dun incremento importante das pensións[…]”, coma se iso fose horrible.

Fontes presentes na reunión do Pacto cóntannos que a situación segue sendo moi complexa. Que o punto 2 aparcouse previamente porque con seis días de reunións non houbera maneira de chegar a un acordo e que, por tanto, hoxe tampouco. Fontes interesadas tamén nos contan que Toni Roldán, só fai acto de presenza na comisión para a foto e para facer declaracións cando hai prensa. Hoxe sen ir máis lonxe, confirman que entrou e saíu cando se foron as cámaras e volveu á saída para facer declaracións sobre unha comisión na que nin estivera.

Sobre o futuro do asunto, fontes próximas ao goberno afirman que non cren tanto na sorpresa que poida dar Mariano Rajoy no pleno sobre pensións, como en que a medio prazo puidese saír algo do diálogo social, do que se rumorea que leva meses iniciado de maneira discreta, entre o goberno e os axentes sociais.

Pase o que pase no pleno do mércores, o próximo 20 de marzo vólvese reunir o Pacto de Toledo e retomarán o asunto no punto no mesmo punto, no que están encallados.

Público